MOITOS ADULTOS SOBRE TDHA SEN SABELO
Levado pola súa conduta impulsiva e temeraria, David sóbese a un guindastre e cae ao baleiro. Supón un punto de inflexión na vida deste mozo universitario, xa que por mor do accidente diagnostícanlle un trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH).
O TDAH caracterízase por tres conxuntos de síntomas principais:
–Inatención. Dificultades para prestar atención aos detalles, cometer erros por descoido, esquecer tarefas cotiás e perder obxectos importantes.
–Hiperactividade. A inquietude, a incapacidade para permanecer sentado en situacións onde se espera facelo e a dificultade para participar en actividades de lecer de maneira tranquila definen este tipo de conduta.
–Impulsividade. Reflíctese na toma de decisións sen considerar as consecuencias, as continuas interrupcións e a dificultade para esperar a quenda en situacións sociais que o requiren.
Outros síntomas frecuentes son a desregulación emocional, que pode mostrarse como baixa tolerancia á frustración, irritabilidade e labilidade emocional; e dificultades nas funcións executivas, que se traducen, por exemplo, nunha baixa capacidade para planificar actividades.
Aínda que os síntomas de TDAH aparecen tipicamente na infancia (e dos que teño constancia pola miña profesor durante 40 anos no CEIP M R Sinde e no IES A Sangriña), tenden a persistir e manifestarse na idade adulta. Aproximadamente, o 50% dos nenos afectados seguirán cumprindo os criterios que definen este trastorno durante a adultez.
Ao longo do tempo, adoitan reducirse os síntomas de impulsividade, mentres que se manteñen, e mesmo aumentan, os de inatención. Ademais, como ocorría con David, o TDAH pasa moitas veces inadvertido durante a nenez e é detectado na vida adulta, cando se intensifican os desafíos asociados ao rendemento laboral, as relacións interpersoais e a calidade de vida en xeral.
Os mellores estudos indican que a frecuencia do TDAH en adultos roldaría o 3%, aínda que moitos destes casos permanecen sen diagnóstico. Ademais, crese que a maioría das persoas diagnosticadas na infancia pero non na vida adulta presentan síntomas subclínicos (é dicir, que non son suficientes para un diagnóstico). Isto convida a entender o TDAH como un trazo estable na forma de ser do individuo cuxas consecuencias negativas pode minimizar, conforme madura, mediante a creación de hábitos.
É importante recalcar que estes síntomas danse nun continuo na poboación xeral. É dicir, moitos individuos poden experimentar certos graos de inatención, hiperactividade e impulsividade nalgún momento das súas vidas. O TDAH percíbese como a “cola” desta distribución, onde os síntomas alcanzan niveis clinicamente significativos que afectan á vida e o funcionamento cotiáns.
Só se considera que existe un trastorno cando os trazos asociados ao mesmo interfiren substancialmente coas actividades diarias, as relacións interpersoais e o rendemento académico ou laboral. Unha crítica común é dicir que non existe un punto exacto a partir do cal se poida considerar que as persoas se atopan dentro ou fóra da normalidade, pero o mesmo ocorre, por exemplo, cos problemas de peso ou a presión arterial.
A realidade é que os síntomas do TDAH en adultos asócianse cun peor rendemento no traballo, conflitos persoais e familiares, unha maior frecuencia de trastornos mentais (ansiedade, depresión), consumo de substancias, alteracións físicas (obesidade ou trastornos do sono) e maiores riscos de sufrir accidentes de tráfico ou cometer delitos.
Entón, se unha persoa cre que sofre eses síntomas e que están a interferir de maneira significativa na súa vida diaria, que ten que facer?
Aínda que potencialmente os médicos de cabeceira poden derivar a un especialista ou mesmo realizar eles mesmos o diagnóstico, moitas veces móstranse reticentes por falta de tempo ou coñecemento. Neses casos quizais sexa necesario recorrer a un especialista privado.
De calquera modo, hai que salientar que o diagnóstico é clínico e que a ferramenta por excelencia debe ser a entrevista. Outros métodos como os cuestionarios de síntomas ou os test cognitivos (incluíndo os computarizados) poden complementar á primeira, pero a súa eficacia é moderada. Finalmente, non se demostrou a utilidade de técnicas como a electroencefalografía.
Os tratamentos considerados eficaces poden clasificarse en tres categorías:
–Psicoeducación. Céntrase en proporcionar información e recursos educativos para mellorar a comprensión do trastorno e desenvolver estratexias de manexo.
–Terapia cognitivo-conductual. Aborda patróns de pensamento e comportamento, ensinando habilidades para afrontar os desafíos asociados ao TDAH.
–Prescrición de tratamentos farmacolóxicos para controlar os síntomas. Adoitan dividirse en estimulantes ou non estimulantes.
Aínda que existe certa controversia social ao redor do uso destes psicofármacos para o TDAH, os expertos están de acordo que son tratamentos moi seguros e que poden axudar enormemente ao manexo dos síntomas primarios e secundarios. Nun estudo que levamos a cabo, demostramos que os nenos con TDAH tiñan un menor risco de accidentes, lesións e intoxicacións cando estaban a tomar a medicación. Outras investigacións demostran efectos similares en adultos e condución ou risco de consumo de drogas.
En España, por exemplo, o tratamento de primeira liña en adultos son medicamentos non estimulantes como a atomoxetina. Os estimulantes resérvanse xeralmente para aqueles que continuaron tomándoos desde a infancia cunha boa resposta.
Do mesmo xeito que no caso da identificación, hai tamén diferentes terapias que, a pesar de ser populares, non mostraron a súa utilidade, como o neurofeedback ou os exercicios de adestramento en funcións executivas similares aos videoxogos e cadernos de adestramento cerebral (brain training).
En resumo, coñecer como se manifesta o TDAH en adultos é crucial para identificalo tempranamente, realizar intervencións efectivas, reducir o estigma e brindar apoio en ámbitos laborais e persoais. Con todo, e tal e como concluïamos no vídeo de David, ao identificar e tratar este trastorno non buscamos cambiar ao que o padece, senón que siga sendo el mesmo, pero máis feliz.
FONTE: Gonzalo Arrondo/gciencia.com
0 comentarios