CARREIRA ESPACIAL CON INVERSIÓN PRIVADA
“Estamos sós na galaxia ou acompañados?” preguntábase Siniestro Total con esa ironía tan galega preñada de lucidez que caracterizou as mellores letras do inesquecible grupo vigués. A dúbida, claro, non é exclusiva de Julián Hernández e os seus mozos. Astrónomos, escritores de ciencia ficción, amigos dos OVNIS, teólogos… o ser humano sempre mirou ás estrelas e preguntouse polo outro que non é el, polo seu igual (ou o seu némesis) alén do universo. Pero ninguén sabe que contestar. Nin tan sequera unha voz tan autorizada como a de Johann-Dietrich Wörner, director xeral da ESA, que ante a pregunta responde con sinceridade: “nin idea”. Pero, como ocorre con todo científico, no caso de Wörner o descoñecemento en lugar de sumirlle na desesperanza anímalle á investigación. A lanzar outras preguntas e a impulsar novas investigacións desde a axencia que dirixe.
Investigacións que arrincaron en 1975 cando dez países (Bélxica, Alemaña, Dinamarca, Francia, Reino Unido, Italia, Holanda, Suecia, Suíza e España) fundaron a ESA e lanzaron a primeira gran misión da axencia, Cos-B, un satélite destinado a monitorar as emisións de raios gamma no universo. Ata ese ano, a exploración espacial era territorio exclusivo de Estados Unidos a través da NASA e a Unión Soviética co seu ministerio do Espazo, dous organismos que trasladaban as constantes da Guerra Fría máis aló do noso planeta. E, aínda que non cabe dúbida de que aquela rivalidade axudou ao avance na exploración do espazo, o nacemento da Axencia Espacial Europea trouxo un espírito de colaboración internacional imprescindible para entender os avances das últimas décadas.
Na actualidade a ESA está conformada por 22 países e ten en marcha algúns dos máis ambiciosos proxectos que existen en relación coa exploración espacial, como as misións xa planificadas para continuar investigando en Marte ou a próxima misión a Mercurio, o planeta máis próximo ao Sol da nosa galaxia.
Wörner cre que a chamada “carreira espacial” pasou á historia para dar lugar a unha etapa máis interesante: a da colaboración pacífica entre países e a explotación comercial do espazo exterior. Arthur C. Clarke, un dos máis famosos autores da historia da ciencia ficción, respondía con temor á famosa pregunta acerca da existencia de vida extraterrestre: “Existen dúas posibilidades, que esteamos sós no universo ou que non o esteamos. Ambas son igual de terroríficas”. Pero Wörner non ten medo a continuar buscando, porque cre que é o que a nosa especie necesita para avanzar: “Podemos inspirar á xente para que traballen na construción do futuro e iso é o que necesita o noso mundo. Isto é moito máis que unha misión espacial, estamos a pensar en facer o noso mundo un pouco mellor”.
FONT: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País
0 comentarios