SABÍAS QUE... POR QUE O METRO MIDE O QUE MIDE?
Na historia da humanidade a medición foi unha necesidade fundamental para o comercio, a construción e a comprensión do mundo que nos rodea. A historia do metro, como unidade de medida, é unha viaxe fascinante que nos leva desde as partes do corpo humano ata a definición actual baseada na velocidade da luz.
Se botamos a vida atrás, nos seus inicios, as persoas usaban partes do corpo como referencia para medir distancias: cóbados, pés, mans... Con todo, isto non era práctico nin preciso, xa que as medidas variaban dunha persoa a outra.
O palmo, por exemplo, era a distancia entre a punta dos dedos maimiño e polgar estendidos. O seu uso remóntase á antiga Mesopotamia e Exipto onde se empregaba para medir lonxitudes, teas e alimentos. Na Idade Media, converteuse nunha medida común en Europa, con variacións segundo a rexión. Por exemplo, o palmo castelán equivalía a uns vinte centímetros, mentres que o palmo romano era lixeiramente máis longo.
A orixe do pé como unidade de medida atópase nas primeiras civilizacións. No Imperio Romano era a unidade básica de medida, con subdivisións en polgadas e dedos. Na Idade Media o pé adoptou diferentes valores en Europa, dependendo do país e a rexión. Por exemplo, o pé inglés equivalía a uns trinta centímetros, mentres que o pé francés era uns dous centímetros máis curto.
A polgada, a doceava parte do pé, utilizouse como medida de precisión para obxectos pequenos e traballos delicados. A súa orixe remóntase á antiga Roma, onde se empregaba para medir xoias, ferramentas e elementos decorativos. Na actualidade, a polgada segue sendo unha unidade de medida común en países como Estados Unidos e Reino Unido, principalmente en ámbitos como a construción e a enxeñería.
No século XVII, xurdiu a necesidade de crear un sistema de medida universal. A idea era buscalo na natureza e que, ademais, fose inalterable. En 1791, durante a Revolución Francesa, a Academia de Ciencias de París propuxo o metro como unidade básica dun novo sistema decimal. Nos seus inicios un metro definiuse como a diezmillonésima parte do cuadrante do meridiano terrestre que pasa por París.
Para determinar a lonxitude do metro, mediuse o meridiano entre Dunkerque e Barcelona. Esta tarefa correu a cargo de dous astrónomos: Jean-Baptiste Delambre (1749-1822) e Pierre Francois Méchain (1744-1804). Realizaron o seu traballo entre os anos 1792 e 1798 utilizando o método de triangulación. Con todo, Méchain cometeu un erro nas súas medicións que non foi detectado por Delambre.
As medicións actuais con satélites revelan que o meridiano ten unha lonxitude de 10.002.290 metros, o que significa que o metro definido hai máis de douscentos anos era 0,2 mm máis curto. En roman paladino, un metro do século XVIII non medía un metro.
A pesar da imprecisión inicial, o metro converteuse na base do Sistema Métrico Decimal, un importante avance para o comercio e a ciencia.
Co paso do tempo a definición do metro foise depurando. Desta forma, en 1960 fundamentouse na lonxitude de onda da luz emitida por un isótopo do criptón.
Finalmente, en 1983, adoptouse a definición que persiste nestes momentos: a distancia que percorre a luz no baleiro durante 1/299.792.458 segundos.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia Imaxe: hogar.mafre.es
0 comentarios