Blogia
vgomez

ESTE PTEROSAURO, RÉPTIL VOADOR, DE HAI 100 MILLÓNS DE ANOS, TIÑA UNHA LINGUA PODEROSA PARA DEGLUTIR ÁS SÚAS PRESAS

Hai 100 millóns de anos, unha sombra sinistra sobrevoaba o mar interior do que hoxe é Australia. Cunha envergadura de case cinco metros, este animal sería un depredador temible. Un equipo da Universidade de Curtin estudou os seus ósos fosilizados, que non deixan lugar a dúbidas de que se trata dunha nova especie de pterosaurio. Este formidable réptil voador que vivía entre dinosauros tiña unha lingua musculada que lle permitía deglutir ás súas presas.

Os restos, desenterrados en 2021 no oeste de Queensland, pertencen a Haliskia peterseni, un novo xénero e especie de pterosaurio anhangueriano. Os investigadores chegaron a esa conclusión baseándose na forma do seu cranio, a disposición dos dentes e a forma do óso do ombreiro. O grupo anhangueriano distribuíuse por todo o mundo, mesmo no que hoxe é España, Inglaterra, Marrocos, China, Brasil e Estados Unidos.

"Cunha envergadura de aproximadamente 4,6 m, Haliskia sería un depredador temible hai uns 100 millóns de anos, cando gran parte do centro oeste de Queensland estaba baixa a auga, cuberta por un vasto mar interior e posicionada globalmente preto de onde se atopa hoxe a costa sur de Victoria", explica Adele Pentland, da Escola de Ciencias Planetarias e da Terra de Curtin e responsable do estudo publicado na revista Scientific reports.

O espécime é o máis completo dun anhangueriano, e de calquera pterosaurio, descuberto en Australia ata a data. "O exemplar inclúe unha mandíbula inferior completa, a punta da mandíbula superior, 43 dentes, vértebras, costelas, ósos de ámbalas ás e parte dunha pata. Tamén están presentes ósos da gorxa moi finos e delicados, o que indica unha lingua musculosa, que axudou durante a alimentación de peixes e cefalópodos", sinala a autora.

Recentemente, outro equipo de investigadores deu a coñecer outro pterosaurio australiano chamado Thapunngaka shawi. Máis grande, tiña unha envergadura de 7 metros e a boca en forma de lanza, "como unha caveira cun pescozo longo, unido a un par de ás longas".

Os pterosaurios eran probablemente as criaturas máis grandes que xamais alzasen o voo. Os máis xigantescos alcanzaban os dez ou doce metros de envergadura. Durante millóns de anos sobrevoaron as cabezas dos dinosauros ata que ambos se extinguiron hai uns 66 millóns de anos como consecuencia do famoso impacto do meteorito de Chicxulub (México).

Unha das súas características máis notables era un pescozo desproporcionado, máis longo que o dunha xirafa. Crese que despegaban pouco despois de romper o cascarón, que eran capaces de controlar a cor das súas plumas utilizando pigmentos de melanina e que algúns tiñan unha ferocidade comparable á do famoso Tiranosaurio rex, ata o punto de serían capaces de tragar presas do tamaño dun poni.

FONTE: abc.es/ciencia    Imaxes: nature.com/articles/s41598-024-60889-8

0 comentarios