LOKI, UN NOVO DINOSAURO DE CORNOS XIGANTES
Reconstrución artística da nova especie Lokiceratops rangiformis / Andrey Atuchin
Que se obtén ao combinar a un controvertido personaxe de cómic cun devanceiro do Triceratops de hai 78 millóns de anos? Un Lokiceratops rangiformi. Este dinosauro recentemente descuberto posúe unha característica moi particular: unha variedade única de adornos na cabeza, cos cornos máis grandes xamais vistos. O nome da especie, anunciado o pasado venres na revista científica PeerJ, tradúcese como “cara con cornos de Loki que se parece a un reno”.
O dinosauro foi atopado, identificado e nomeado por Joseph Sertich da facultade da Universidade Estatal de Colorado, e Mark Loewen, da Universidade de Utah. Ambos os autores nomearon á nova especie baseándose no seu inusual cornamenta en forma de coitelas na parte posterior da gola (o escudo de óso na parte traseira do cranio) e outros asimétricos que lembran aos que portan os renos de hoxe; e que tamén se parecen aos do casco de Loki, o carismático gaioleiro dos cómics e películas de Marvel, que está inspirado nun deus da mitoloxía nórdica co mesmo nome.
Os restos fósiles foron atopados en 2019 nunha propiedade privada preto da fronteira con Canadá, no estado de Montana (EE UU). A reconstrución, na que participaron os descubridores, fíxose a partir de fragmentos do tamaño de pratos ou aínda máis pequenos. Unha vez que conseguiron ensamblar o cranio, déronse conta de que se trataba dunha nova especie. Este traballo de reconstrución e identificación é descrito polos autores como o maior desafío. “A descrición do cranio, unha das máis detalladas xamais escritas, e as comparacións con outros dinosauros con cornos ao redor do continente tomaron un ano adicional”, explica o paleontólogo Joseph Sertich.
Crese que Loki viviu hai uns 78 millóns de anos e que medía aproximadamente 6,7 metros de longo, cun peso que rolda as cinco toneladas. Durante a súa existencia, uns 12 millóns de anos antes que o seu parente máis famoso, o Triceratops, o seu fogar era un continente insular chamado Laramidia, agora situado no que é América do Norte. Aí atopáronse varios exemplares da familia ceratopsidae. “Este é o primeiro intervalo onde se atoparon cinco dinosauros con cornos vivindo no mesmo lugar e tempo” di Sertichm. Este achado achega novidades ao estudo evolutivo, pois indica que un grupo pode evolucionar rapidamente a partir dun devanceiro común nunha pequena rexión: “Isto é algo totalmente inesperado”, apunta o autor.
Ligar e loitar. Estes son as dúas principais funcións que tiñan os cornos dos dinosauros. A exhibición destes atributos servía para captar a atención de posibles parellas, como un anuncio de forza e saúde. Outras teorías sinalan que os utilizaban para enfrontarse a outros individuos da mesma especie ou para protexer a estes herbívoros fronte aos ataques de carnívoros. Algunhas investigacións suxiren que os triceratops loitaron entre eles usando os seus cranios, como o fan os cervos, as cabras e os antílopes na actualidade.
O xénero con cornaduras ao que pertence o novo exemplar, os centrosaurinos, é coñecido por portar adornos extravagantes e rechamantes. Con todo, Loki posúe varias características únicas, como a ausencia dun corno no nariz, outros enormes e curvos en forma de coitelas na parte posterior da cabeza e unha punta asimétrica no medio. Utilizábanos máis para exhibición que para defensa, di Sertich. Foi o dinosauro con cornos máis grande da súa época.
A rexión que habitou e onde foi achado o Lokiceratops, explica o autor, sería unha chaira costeira subtropical estacionalmente húmida, cuberta de bosques frondosos mesturados con matogueiras abertas e pantanos. Este mundo de invernadoiro foi a contorna perfecta para estes animais durante case 20 millóns de anos, coa produtividade das plantas sustentando polo menos cinco especies de dinosauros con cornos ao mesmo tempo, xunto con herbívoros de tamaño similar e pico de pato. “Os adornos craniais son unha das claves para desbloquear a súa diversidade e demostran que a selección evolutiva para exhibicións vistosas contribuíu á riqueza dos ecosistemas do Cretácico”, destaca.
Tras ser descubertos, moitos fósiles véndense a museos polo seu valor estético como fermosas pezas de historia natural, explica Sertich. Agora os restos de Loki exhíbense no Museo da Evolución, no sur de Dinamarca. “Este recinto valora a ciencia e a investigación ao mesmo nivel que as exposicións. É incriblemente importante que descubrimentos como este vaian a museos que se preocupan polo acceso público ás coleccións e o acceso aos fósiles para estudo”, asegura o codescubridor do novo dinosauro.
FONTE: Verónica M. Garrido/elpais.com/ciencia
0 comentarios