Blogia
vgomez

A COVA MÁIS PROFUNDA DE GALICIA

Interior da sima Aradelas / Federación Galga de Espeleoloxía

Equipos espeleolóxicos galegos e asturianos descubriron dous quilómetros de galerías e pozos virxes na cova máis profunda de Galicia, a sima Aradelas, ao norte do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. A sima Aradelas, coñecida dende sempre polos habitantes de Campelo e outras aldeas da contorna, foi explorada por primeira vez en 1972 polos clubs Santa Clara e Montañeiros Celtas de Vigo. Estes clubs exploraron a sima acadando os 120 metros de profundidade en 1973. Na década dos anos 90, foron descubertos 10 metros máis, convertindo á sima do Courel na cova máis fonda de Galicia e nun referente espeleolóxico dentro da comunidade.

Agora, nove entidades galegas vencelladas á espeleoloxía elaboran un novo plano da cova, que inclúe máis de dous quilómetros de condutos subterráneos, salas e ata pozas. O achado fíxose despois de realizar escaladas no interior da sima. Segundo explican, os condutos presentan “unha gran variedade e abundancia de espeleotemas“, depósitos de minerais con distintas formas que son froito da filtración da auga no interior das cavidades dunha caverna. No caso da cova do Courel, no interior da sima é posible ver estalagmitas, columnas, gours, pisolitos, helicitas ou excéntricas.

Segundo Inma Pumariño Riguera, espeleóloga e exploradora nesta campaña de 2024, os novos achados comezaron grazas a un pequeno grupo que penetrou na sima, onda atoparon unha ventá que os levou a unha zona de novas galerías: “Este grupo de espeleólogos tivo a xenerosidade de compartir e facernos partícipes destes descubrimentos ó resto do gremio”. Para Riguera, o mellor traballo é aquel que se fai en equipo, xa que “os grandes logros xeralmente dependen de moitas mans, como neste caso”.

Os equipos incluso descubriron un lago subterráneo, que agora recibe o nome de Hydra, e que foi investigado mediante técnicas de espeleomergullo. Todos estes descubrimentos, din, reforzan o valor do patrimonio xeolóxico das Montañas do Courel, que xa agochan máis de 10 km de covas coñecidas.

O lago subterráneo Hydra, no interior da sima Aradelas, foi descuberto na exploración máis recente da cova, este 2024 / Ignacio Rafael

Ademais das novas galerías, os equipos atoparon unha nova entrada á sima, que foi chamada Cova Emilio na memoria do espeleólogo Emilio Ballesteros, recentemente falecido. Ballesteros, quen tamén foi mestre de escola, “contribuíu a iniciar a centos de cativos na espeleoloxía durante máis de 20 anos”. A existencia dunha segunda entrada á sima incrementaría substancialmente o valor deportivo da cavidade, permitindo a realización de travesías espeleolóxicas, as cales consisten en realizar percorridos subterráneos entrando por unha boca da cova e saíndo pola outra.

O labor de exploración na sima Aradelas contou coa participación de arredor dunhas 40 persoas, organizadas en grupos de traballo de dúas, tres e ata catro persoas. Cada equipo tiña unha tarefa específica: “Uns instalaban ancoraxes, outros encargábanse de facer a topografías, outros de seguir na punta de exploración…non somos moitos, pero somos xente ben organizada, o cal falando de espeléologos xa é ben raro!”, comenta a exploradora. O que máis destaca, se cadra, é o afán por descubrir.

Nun traballo deste tipo a documentación é imprescindible. “Cada día que se entraba na cova o grupo tiña que escribir no diario de exploración, para que o resto da xente saiba o que se fixo e o que queda pendente de facer”. Porén, subliña Riguera, na superficie tamén hai quen cumpre cun papel clave, como o levado a cabo polos veciños do Courel e polos traballadores do Xeoparque: “Sempre arrimaron o ombro e nos botaron unha man, por iso consideramos que todo o que se atopou en Aradelas, ben sexa no pasado ou o que se está a atopar agora, é un logro compartido coa veciñanza”.

O descubrimento de Aradelas ten unha importancia especial: na última década atopáronse máis de catro km de novas galerías en Galicia. No que respecta ao Xeoparque do Courel, o novo achado supón incrementar en máis dun 25% os condutos descubertos baixo terra. Sen dúbida, explica a exploradora, trátase de datos importantes para a espeleoloxía galega e, á vez, demostra que aínda queda moito por explorar: “Non sabemos canto, pero gustaríanos pensar que queda moito!”.

Outro dos aspectos máis destacables deste traballo colaborativo vencéllase directamente coas peculiaridades do noso terreo. A maior parte das covas de España están formadas en pedras calizas do carbonífero e do cretácico, mais a meirande parte das covas galegas están formadas en calizas do período cámbrico: “Isto quere dicir que as rochas das covas galegas son o doble de vellas que as outras, o cal constitúe outra singularidade encanto á idade das rochas”, reflexiona a espeleóloga.

Ademais das propias labores de exploración na cova, agora darase comezo a unha fase de estudo dende o punto de vista científico en colaboración cos equipos que formaron parte dos descubrimentos espeleolóxicos.

FONTE: Lucía Casas/gciencia.com

0 comentarios