Este é o milagre de contar unha boa historia
Cal é a maxia e o misterio da literatura? Que fai que unha persoa pase horas cun libro, páxina tras páxina, sen poder parar de ler? Segundo o escritor británico, Ken Follett: “A historia ten que ser boa, os personaxes teñen que ser cribles, os temas teñen que interesar á xente... pero hai algo máis importante nunha boa novela: que o lector senta o que senten os personaxes”. Así defende a importancia da emoción nos libros. Autor de máis dunha ducia de bestsellers e de grandes éxitos como Os Piares da Terra e Un mundo sen fin, Follett foi aclamado e premiado en todo o mundo. Naceu nunha familia que amaba os libros. Cando era neno, adoraba as historias de James Bond e lía as obras de teatro de Shakespeare.
Autor de case unha vintena de novelas históricas, asegura que “o máis interesante da historia son os grandes cambios, o como e o por que sei produciron”. E engade: “Os cambios históricos que máis me interesan son os que nos concederon liberdades”.
Gran defensor do traballo creativo, Ken Follett asegura que o máxico deste é que, ás veces, os mellores resultados xorden de romper as regras establecidas: “Podemos ensinar á intelixencia artificial a escribir unha novela. Pero non podemos ensinarlle a romper as regras. Ese é o gran poder do traballo creativo”, sentenza. Follett foi descrito en máis dunha ocasión como un narrador nato. Os seus pais non permitían aos seus fillos ver a televisión, así que os libros convertéronse no seu maior pracer e a biblioteca no seu lugar favorito. Recibiu numerosos premios e as súas obras foron adaptadas ao cinema, a televisión e o teatro. É o presidente de ‘Dislexia Action’, membro do consello do ‘National Literacy Trust’, socio da ‘Royal Society of Arts’ e Doutor Honorífico en Literatura pola Universidade de Glamorgan, na súa Gales natal.
0 comentarios