Os físicos conseguen cumprir o soño dourado dos alquimistas: converter o chumbo en ouro
Hai mil anos, os alquimistas da Idade Media tentaron, sen éxito, converter o chumbo, un metal básico, en ouro, un metal nobre. Este logro xa é posible, o único que necesitas é que che deixen usar un anaco o Gran Colisionador de Hadróns situado entre Suíza e Francia.
Físicos da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) levaron a cabo, por primeira vez, a medición científica da trasmutación do chumbo en ouro, utilizando o Gran Colisionador de Hadróns.
Este máxico proceso é un efecto secundario dos experimentos de colisión nuclear de alta enerxía, que se practican alí.
Trátase dun acelerador de partículas que forma un círculo de 27 quilómetros, a máis de 100 metros de profundidade. Más de 10.000 científicos de centos de universidades e laboratorios de máis de 100 países, traballaron na súa construción durante 12 anos, desde 1989.
Esta máquina xera plasma de quarks e gluóns, elementos crave para entender a orixe do universo, acelerando partículas a velocidades próximas á luz.
Por que os científicos levan mil anos tentando converter o chumbo en ouro? Sinxelamente, porque son elementos químicos moi próximos.
O chumbo ten 82 protóns no seu núcleo, mentres que o ouro ten 79. Só hai que quitar tres protóns, para conseguir a transmutación. O problema? Para facer iso necesítase unha cantidade inmensa de enerxía.
Segundo se explica HiTech, cando os núcleos das partículas pasan extremadamente preto uns doutros, pero sen tocarse, no Gran Colisionador de Hadróns, xeran brutais campos electromagnéticos que causan interaccións fotón-fotón e fotón-núcleo.
En núcleos de chumbo que se moven ao 99,999993% da velocidade da luz, os fotóns que interactúan co núcleo poden facer vibrar a estrutura interna do átomo, producindo a liberación dunha pequena cantidade de neutróns e protóns.
Os físicos do CERN detectaron as condicións nas que os átomos de chumbo perden tres protóns, e convértense en ouro, a un ritmo de 89.000 núcleos por segundo.
Por tanto, cumpriuse o soño dos alquimistas da Idade Media: xa sabemos como converter o chumbo en ouro. En catro experimentos xeráronse 29 picogramos de ouro. Pero hai dous problemas.
O primeiro é que é unha cantidade moi pequena, centos de miles de millóns máis pequena que un gramo de ouro. E a segunda, que esixe unha cantidade brutal de enerxía. Así que crear ouro nestas condicións, non é rendible economicamente. Pero sen dúbida é un gran descubrimento científico, que nos permite saber máis sobre o comportamento das partículas a altas velocidades.
FONTE e Imaxes: computerhoy.20minutos.es/ciencia
0 comentarios