Blogia
vgomez

17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.

A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións (e aí temos a referencia da nosa lírica medieval, no pergamiño Vindel e Martin Codax e mais coa notación musical en todas as Cantigas de Santa María). Pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ó longo do tempo, canda a lingua, fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa. A súa actitude de espontaneidade, tolerancia, desorde e certa despreocupación pola forma valeulle normalmente unha valoración negativa desde os estratos sociais que procuraban unha cultura baseada no coñecemento da cultura clásica, a disciplina e o acatamento ás formas. E a distancia entre ambas foi aumentado por mor da difusión da imprenta, a escolarización e a urbanización.

Deste xeito, fluíu como unha corrente subterránea alternativa á denominada literatura “culta”, propia das clases subalternas que a compuxeron e a fixeron medrar. É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo. Desenvólvese no contexto das foliadas (ou polavilas, ou seráns), celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. E foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior: a obra fundacional da nosa figura máis sobranceira, Rosalía de Castro, os Cantares gallegos, bebe directamente da poesía popular.

As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto. Desde as primeiras recollas foise pondo de relevo a figura do gaiteiro, que desempeñaba o seu oficio no espazo público, mentres que as pandeireteiras tocaban no espazo privado, conforme o papel asignado ás mulleres. Por esa razón, e para visibilizar o dobre ocultamento de xénero e materia popular, optouse por unha candidatura feminina, aínda que, obviamente, tamén houbo homes que enriqueceron esta tradición (por caso, o Cego dos Vilares, da Fonsagrada).

O valor deste patrimonio fora recoñecido desde o padre Sarmiento no século XVIII, estudosos que fixeron recollas no século XIX (Xosé Pérez Ballesteros) e no XX (Casto Sampedro Folgar, Víctor Said Armesto, Jesús Bal y Gay, Alan Lomax). Amais de cancioneiros de comarcas concretas (Xaquín Lorenzo, da Limia Baixa, Lois Tobío Campos, da Maía…), a finais dese século compiláronse e estudáronse en conxunto os repertorios publicados (Domingo Blanco) e rescatáronse mediante entrevistas e sesións directas, xuntando partitura musical, letra e gravación (a musicóloga Dorothé Schubarth e o filólogo Antón Santamarina no Cancioneiro popular galego), voces senlleiras ou en conxunto, sempre mostras dun traballo colectivo da comunidade. Actualmente, parte dese patrimonio está custodiado en diversas institucións (Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega, Museo de Pontevedra…), que inclúen rexistros sonoros e audiovisuais.

No último terzo do século XX, cos cambios de modelo produtivo que ocasionaron o abandono do medio rural, a transmisión interxeracional nas aldeas foi mudando para o ensino regrado, grazas ao labor dos coros históricos (Cantigas e Agarimos, Cantigas da Terra, Toxos e Flores, Ruada…) e das asociacións culturais (Aturuxo, Eidos, Xacarandaina, Brincadeira, Raigañas de Cerqueda, Arume, Xiradela, Donaire, Fiadeiro...), que promoveron aulas, concursos e exhibicións por todo o país. Desde finais da década de 1970 non só fixeron traballo de campo recollendo letras e coplas, senón tamén docencia e espallamento de letras, bailes e músicas. Todos estes colectivos foron axentes no mantemento e transmisión deste legado á sociedade, que tan claramente mostra a identidade colectiva, con múltiples facetas: lingua, música, baile, vestiario. Así, foise espallando entre a xente nova ese tesouro con tan pouca visibilidade social antano e que aínda hoxe require de maior protección institucional como parte do noso patrimonio inmaterial. 

E ese labor frutificou tamén nos últimos anos entre a mocidade: novas figuras da regueifa, o noso rap bravú (Alba María, Xairo de Herbón), grupos que transcenden os ritmos tradicionais con fusión con novas músicas, do rock e o jazz ao pop e á electrónica. Pódense mencionar, entre moitos, Baiuca, Tanxugueiras, Boyanca Kostova, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures… Todos eles retoman no século XXI o elo que foron enfiando Fuxan os Ventos, Milladoiro, Leilía, Mercedes Peón, Uxía Senlle, Xabier Díaz e tantos outros. A tradición vólvese vangarda. O folclore, conxunto de tradicións, costumes e manifestacións artísticas dun pobo, non debe ser contemplado de forma arqueolóxica, senón que na súa propia esencia está a evolucionar e cambiar, é zume que nutre novas formas de expresión. Nun momento en que a lingua galega presenta as cifras máis baixas entre a xente máis nova, o interese por estes grupos e polas diversas manifestacións que levan asociadas contribuirá tamén á difusión oral da lingua en que están creadas: asistimos agora a novas foliadas, a cantos de taberna, á irrupción espontánea de xente bailando nos concertos de música tradicional… Cómpre volver ás raíces para seguir botando gromos.

FONTE: Ana Boullón Agrelo/academia.gal

 Bo Día das Letras Galegas!

0 comentarios