OUTRA FORMA DE LECTURA: AUDIOLIBROS
Escoitar historias é unha das formas máis antigas de transmisión de cultura e entretemento entre os humanos. E aínda que nos apoiamos en tecnoloxías cada vez máis sofisticadas (un arco que vai desde a imprenta á realidade virtual) para achegarnos á maxia da narración, o poder de sedución da voz mantense vixente. A renacida puxanza dos podcast e a tendencia á alza dos audiolibros, un formato que parecía esquecido, así o demostran. Os grandes aliados desta nova vida da literatura para escoitar son paradoxalmente, os smartphones. Unha das compañías que máis apostaron por este crecemento é a sueca Storytel, aínda que na súa orixe a punto estivo de fracasar estrepitosamente por adiantarse aos tempos: "A empresa naceu en 2005, explica Jonas Tellander (fundador xunto a Joan Hobson). O problema foi que entón a xente non sabía como usar os teléfonos móbiles para algo máis que non fose chamar ou escribir mensaxes de texto. Así que tivemos que esperar ata que chegou o despegamento tecnolóxico co iPhone e Android, e tamén a que Spotify e Netflix crecesen en número de subscritores para que a xente entendese o modelo de pagar por un contido dixital. En 2008 arruinarámonos e eu participei nun programa de televisión, no que presentei o proxecto ante un panel de cinco investidores para que puxesen o seu diñeiro en Storytel. E un deles fíxoo" . Hoxe a compañía de audiolibros sueca está presente en 15 países e conta cuns 380.000 subscritores.
Un recente artigo de Manuel Gil, director da Feira do Libro de Madrid, saudaba a chegada de Storytel a España como unha gran noticia, ao considerar que as súas edicións son "tecnicamente impecables", e citaba ademais un estudo da APA (Asociación de Editores de Audiolibros) no que se recollen cifras máis que interesantes para este mercado: as vendas de audiolibros creceron en 2016 un 31% ata alcanzar os 1.630 millóns de euros con 35.000 títulos publicados. Jonas Tellander cre que esta forma de consumir literatura non é inimiga dos libros tradicionais, máis ben ao contrario: "estamos no momento perfecto para axudar a promover a lectura no mundo utilizando as novas tecnoloxías".
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País
0 comentarios