LETRAS GALEGAS 2026
A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado o pasado venres, 20 de xuño, no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose.
A RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais a xornalista, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego. Coa lembranza de Begoña Caamaño, as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía.
FONTE: academia.gal
0 comentarios