ILLAS ESPAÑOLAS MENOS COÑECIDAS V
Continúo coa serie adicada a esas illas españolas "menos coñecidas", pero que tamén teñen o seu encanto.
Se onte falamos do Illote de Sancti Petri, hoxe tocalle o turno á Illa de Sálvora.
5. Illa de Sálvora
A illa de Sálvora é unha pequena illa galega situada na boca da ría de Arousa. Desde o ano 1959 pertence á parroquia de Aguiño, no concello de Ribeira, parroquia creada nesa data, mais anteriormente a illa dependía da parroquia de Carreira, que fora durante moitos séculos a parroquia máis poboada e rica da comarca, así como a máis antiga. Xunto coas Illas de Vionta, Herbosa e Noro, e coas illas Sagres, forma o arquipélago de Sálvora, integrado ademais dende 2002 no Parque Nacional das Illas Atlánticas, coas illas Cíes, a illa de Ons e a de Cortegada.
Estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira durante anos, mais dende 1972, está case deserta. Na illa, que foi de titularidade privada até 2007, atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro maila fonte da Telleira ou de Santa Catarina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.
FONTE: gl.wikipedia.org Imaxes: hablemosdeislas.com
Continuará...
0 comentarios