Badiola: Hai unha probabilidade moi alta de que a nova gran pandemia teña orixe animal
Juan José Badiola Díez, catedrático de sanidade animal e director do Centro de Encefalopatías e Enfermidades Transmisibles Emerxentes da Universidade de Zaragoza acudiu á entrega en calidade de xurado e ponente dos Premios Zendal / Andrea Veiga
A saúde animal está no foco, o mesmo que a súa relación coa saúde humana. Enfermidades como a gripe aviaria ou a dermatose nodular alertan aos gandeiros, un sector relevante para Galicia, pero son moitas máis as que axitan o mundo e non poucas as que se transmiten ao ser humano. O doutor Juan José Badiola, referente en sanidade animal y enfermidades emerxentes, fala dalgunhas das máis preocupantes da actualidade e a súa evolución:
–Recentemente, confirmáronse diversos focos de gripe aviaria en aves silvestres en Galicia, pero non en gando comercial. Como valora a situación?
–A situación de Galicia non é moi diferente da que se vive no resto do estado Español nin na Unión Europea, xa que están a rexistrarse gromos de gripe aviaria dende practicamente despois do verán. A partir de setembro comezaron a detectarse casos en países do centro de Europa, así como no Reino Unido, Irlanda e, posteriormente, en Escandinavia. En Galicia xa se rexistrara algún caso antes, pero moi illado.
Con todo, está a suceder o que se supoñía que ía ocorrer. Existe, porén, un feito diferencial. Sábese historicamente que as portadoras do virus de gripe aviaria son as aves silvestres acuáticas. Dentro deste grupo inclúense especies como as cegoñas, garzas, patos, garzos, entre outras.
A súa migración segue unha ruta cara ás rexións do norte de Europa, como Suecia, Noruega, Finlandia ou mesmo Rusia, en busca de lugares máis favorables en canto á temperatura, xa que en África o calor é intenso nesas datas. Alí constrúen os niños, poñen os ovos e coidan das crías ata que acadan certa madurez. Nese momento, a finais de setembro ou comezos de outubro, emprenden de novo o regreso cara a África. Todos os anos detectan algúns casos de grupe aviaria. Porén, mentres o ano pasado houbo en España moi poucos gromos, este ano estase a observar un incremento notable dos casos.
–Cal pode ser o motivo desta vaga de casos máis intensos?
–No grupo de aves que viaxan de norte a sur, algunhas poden estar infectadas, aínda que non cheguen a desenvolver a enfermidade. A través das feces ou secrecións eliminan o virus, sen amosar síntomas da enfermidade. Isto é moi común tanto nos animais como nas persoas.
Durante o seu longo traxecto, estas aves precisan facer paradas para descansar, comer e beber. Algunhas especies teñen lugares de parada habituais. Por exemplo, na lagoa de Gallocanta, en Aragón, reusense cada ano entre 8.000 ou 10.000 grúas. Este ano, porén, comezaron a rexistrarse mortes repentinas: apareceron entre 200 ou 300 grúas mortas nun curto período de tempo. Debido aos antecedentes, sospeitouse da presenza do virus da gripe aviaria, polo que se enviaron mostras para análise.
Ademais, esta enfermidade está causada polo virus da influenza tipo A H5N1, altamente patóxeno para as aves. Nas últimas semanas, detectáronse gromos semellantes noutras lagoas de distintas partes de España: en Galicia, Castela e León, Cataluña, entre outras, afectando xa a nove comunidades autónomas.
–Que consecuencias pode ter a presenza activa deste virus H5N1?
–Os animais que morren son aqueles que xa non regresarán, especialmente cando as cifras son elevadas, como no caso de Gallocanta. A partir dese punto, que pode suceder? Estas aves sempre buscan lugares onde atopar alimento. Nas lagoas adoita haber peixes ou plantas que lles interesan, dependendo da especie.
A segunda consecuencia é que algunha destas aves entre en contacto cunha granxa e transmita o virus ao seu interior. A situación convértese nun desastre. Tendo en conta as dimensións das explotacións, a intervención que se aplica en canto se diagnostica a enfermidade consiste no sacrificio. Isto supón unha perda enorme para os agricultores, aínda que posteriormente reciban indemnizacións.
Os agricultores detectan os primeiros incidias de gripe aviaria cando observan que o consumo de penso e auga baixa entre un 2% e un 5%. Ademais, aparecen exemplares mortos e, nas granxas de ovos, a posta redúcese drasticamente. Neses casos, é gripe aviaria con toda seguridade. O proceso de control é longo e complexo, porque despois hai que descontaminar todo. Como consecuencia directa destes gromos, adoita producirse un aumento no prezo dos ovos.
–Considerando a evolución do virus, existe algunha posibilidade de que a gripe aviaria poda converterse nunha zoonose?
—O risco para a poboación é moi baixo. A transmisión dos virus ás persoas é posible, pero para que resulte eficaz debe existir un contacto directo e duradeiro entre a ave infectada e o humano. Os casos detectados adoitan afectar a persoas do sector avícola que nalgún momento non adoptaron as medidas de protección necesarias, como o uso de máscaras, luvas ou antivirais preventivos. En particular, presenta un compoñente dixestivo e tamén respiratorio. Nas aves, a enfermidade maniféstase principalmente a nivel respiratorio, mentres que nos humanos adoita causar cadros de gastroenterite, diarrea, febre e malestar.
Por outra banda, o risco alimentario é practicamente inexistente. No momento en que se detecta un gromo nunha granxa, a explotación queda inmediatamente illada, e nada pode saír dela, moito menos con destino alimentario. Ademais, o virus da gripe aviaria é termolábil, é dicir, inactívase a temperaturas superiores aos 70 graos. Polo tanto, se se consomen ovos ou carne de aves infectadas, é importante que estean ben cociñadas, porque desparece o perigo de transmisión. En resume, o risco para a cidadanía é extremadamente baixo, aínda que non se pode considerar completamente inexistente.
–Dende o luns, e posteriromente o mércores, entrou en vigor a medida de confinamento total de aves de corral. Que riscos hai se non se leva a cabo este confinamento?
–Os gandeiros e agricultores son conscientes de que deben illar as granxas para facer practicamente imposible a entrada do virus. O ministerio insiste que as aves non deben beber auga de depósitos situados no exterior ou compartidos con aves silvestres.
Mesmo as pequenas explotacións avícolas familiares, tan habituais en Galicia, deben manter as súas aves illadas. É unha medida preventiva para evitar novos gromos, que, en todo caso, adoitan xerar certa preocupación entre a cidadanía. O Ministerio sinala que se trata dunha situación temporal, que se manterá mentres dure o período migratorio das aves.
–Galicia tamén blindou ao seu gando para protexelo da dermatose nodular contaxiosa. Estableceuse o confinamento durante 21 días dos animais que chegan á comunidade. Que podería ocorrer se non se cumple esta medida?
–Primeiro, estarían infrinxindo a lei. Os gandeiros deben ser disciplinados: cando hai as normas, as administracións non as toman gratuitamente. Galicia ten unha poboación bovina moi importante e reputada. Pero, se o risco está en Girona, como vai afectar a Galicia? Nunca se sabe, porque os animais viaxan moito.
Probablemente chegou a España dende os gromos de Francia, polo aire. É unha forma de curarse en saúde dentro da comunidade autónoma, e tamén é unha medida pedagóxica. Se mañá aparece un gromo en Asturias ou Portugal, Galicia xa ten aprobada a súa normativa. Con todo, non se transmite á especie humana, o que é importante.
Aínda así, é unha enfermidade moi agresiva para as vacas e produce un elevado número de mortes. Os principais afectados van ser os gandeiros, porque se sacrifican todos os animais. Con todo, hai dúas vacinas que funciona ben. Os cataláns xa fixeron un círculo de seguridad e protección no Alto Ampurdán, unha medida que apoio.
–Hai evidencia de que as enfermidades que afectan aos animais sexan cada vez máis habituais?
–Si. Vivimos nun mundo globalizado e comercial, e isto trae riscos. Esta realidade afecta a todo tipo de produtos e alimentos, pois estamos a consumir alimentos procedentes de todo o mundo. A mobilidade de persoas e animais tamén é bestial, o que facilita a propagación de enfermidades.
Os cambios climáticos constitúen outro factor de preocupación, non podemos negalo. Están a alterar o equilibrio de moitas especies de vectores, como mosquitos e carrachas, que antes tiñan unha presenza moi limitada. Os invernos son agora máis suaves e estes insectos non morren, o que lles permite sobrevivir de estación a estación.
Tamén debemos considerar as agresións medioambientais: esnaquízanse ecosistemas, as talas, a deforestación… Todo isto obriga os animais a desprazarse cara ás periferias, onde se produce un fenómeno perigoso: o incremento da densidade de animais. Ese sistema desestabiliza os sistemas naturais e favorece a adaptación de virus que antes permanecían estables.
Destaca, ademais, o papel da fauna silvestre. Antes os veterinarios non lles dábamos a importancia que merecían. Porén, hoxe sabemos que moitas enfermidades teñen moito que ver coa convivencia inevitable entre fauna doméstica e silvestre, como a covid-19.
–Se a posible causa da covid-19 é unha zoonose, podería haber unha pandemia semellante?
–A probabilidade de que aparezan situacións semellantes é alta. Neste contexto, hai que coñecer ben aos patóxenos. As aves silvestres poden contaminarse e repartir o virus, que a miúdo provocan problemas sanitarios. En xeral, os virus que pertencen ao grupo ARN non poden autorreproducirse, pero os virus ADN si teñen esa capacidade. Por iso, os virus ARN precisan infectar outros organismos para utilizar a súa maquinaria celular e multiplicarse, xa sexan humanos ou animais. Este é o caso da covid-19. Atacan aos humanos porque somos unha poboación interesante, somos moitos.
–Entón, a próxima gran pandemia podería ser unha zoonose?
–Hai unha probabilidade moi alta de que a próxima gran pandemia teña orixe nunha zoonose. A actual epidemia de gripe aviaria cumpre todos os requisitos para ser unha pandemia. Pero o virus falla, non sabemos por que. Non consegue transmitirse eficazmente entre persoas. Aí está a clave de que non haxa unha pandemia. Os virus ARN poden mutar con gran facilidade, polo que cando se lles agrede cunha vacina ou antiviral, poden modificar os seus aminoácidos e facerse irrecoñecibles par o sistema inmunitario.
Tamén hai que ter en conta o chamado salto de barreira de especie: cada patóxeno está adaptado a unha especie concreta. Con todo, cando precisa ampliar a súa base de hospedadores, pode modificar a súa estrutura para lograr infectar a outras especies. Este mecanismo é interesante para a aparición de novos virus eventualmente perigosos para os humanos.
–Que se podería facer para evitar unha pandemia producida por zoonose?
–Hai que establecer mecanismos de vixilancia epidemiolóxica e coñecer ben aos patóxenos. Esta é a mellor forma de estar preparados, xa que non podes improvisar. Resulta igualmente importante contar con recursos terapéuticos, así como con métodos de diagnóstico actualizados e validados.
A xente especializada é quen debe tomar as mostras: cales son as medidas de precaución que deben usar? Para iso, hai que dispoñer de laboratorios de seguridade biolóxica apropiados, espazos deseñados para traballar con este tipo de materiais. Con isto, tamén se deben facer diagnósticos precoces: canto antes se identifique, antes se poden aplicar medidas de control, e maior será a posibilidade de éxito.
Finalmente, a importancia da transparencia. No pasado, a xente ocultaba as enfermidades e mesmo vendía animais contaminados. Agora son accións cada vez máis controladas e sancionadas.
FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com
0 comentarios