DETECTOR DE BULOS AMBIENTAIS (V)
Continúo coa serie adicada aos bulos e noticias falsas sobre cambio climático e medio ambiente, que onte comezamos, e que baixo o título Detector de bulos ambientais, o xornal El País rastrexa esta desinformación para desmentir e aclarar algunhas das mentiras máis reproducidas e que rexorden en moitas ocasións.
5. Non, as formigas non poden predicir o final da seca
Flamencos, na contorna de Doñana / JOSÉ MANUEL VIDAL (EFE)
Un método de suposta predición do tempo ancestral que non ten nada de científico estendeuse nos últimos anos. Trátase das cabañuelas, que usaban os pastores cando non existían nin a física atmosférica nin os satélites. Consiste en observar certos parámetros do tempo (como a temperatura, a forma das nubes e a dirección do vento) e algúns comportamentos animais (como o voo das aves, a presenza de formigas aladas e o orelleo das mulas) durante os primeiros 12 días de agosto en España, que se consideran de ida, e os 12 seguintes, de volta. Os seus resultados proxéctanse aos 12 meses do ano e son moi abstractos e locais.
Este método alcanzou unha gran visibilidade grazas ao espazo que conceden moitos medios de comunicación a Jorge Rey, un mozo de 16 anos ao que presentan como meteorólogo sen, obviamente, selo. Rey é un afeccionado que aprendeu as cabañuelas dun pastor do seu pobo, Monasterio de Rodilla (Burgos), e que as combina cos prognósticos dos modelos meteorolóxicos. Atribúeselle, falsamente, o fito de predicir Filomena, e todos os anos insiste en que haberá unha nova Filomena, aínda que nunca chega. A pesar diso, é entrevistado habitualmente en radios, televisións e xornais.
O mozo ten 65.400 seguidores en Instagram; Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía), 22.300. Os verdadeiros expertos subliñan unha e outra vez que este sistema é unha mentira. “É unha tradición folclórica que non ten rigor nin validez, o horóscopo da meteoroloxía”, di Beatriz Hervella, de Aemet. “É como predicir o final da guerra de Ucraína cos pousos do té”, exemplifica o portavoz, Rubén do Campo, mentres que o experto en supercomputación aplicada á meteoroloxía Daniel Santos Muñoz compárao “coa marmota Phil de Pensilvania, o polbo Paul da Eurocopa, a homeopatía ou o tarot”.
Continuará...
FONTE: Victoria Flores/elpais.com/medio ambiente
0 comentarios