Blogia
vgomez

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Formato dunha folla do Herbario Planellas / Biodiversity Data Journal / Roser Guardia e Ignasi Soriano

No campus de Diagonal consérvase o Herbario da Universidade de Barcelona (UB), que reúne máis de 400.000 mostras de plantas prensadas. Entre as coleccións históricas que alberga atópase o Herbario de José Planellas Giralt, profesor da institución catalá entre 1868 e 1888, que tamén pasou case dúas décadas na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dous séculos despois, os investigadores Roser Guardia e Ignasi Soriano, do Plant Biodiversity Resource Centre, centran o seu traballo nos documentos de Planellas, onde se conservan nove especímenes que serviron de base para elaborar a primeira flora sistemática de Galicia, un inventario científico rigoroso que clasifica as plantas por familias, xéneros e especies.

A colección inclúe especímenes de 1.922 taxóns a nivel específico ou infraespecífico (subespecies), pertencentes a 835 xéneros e 142 familias. As máis representadas son Asteraceae, Poaceae e Lamiaceae. Predominan as plantas con flores e as plantas vasculares, aínda que tamén se conservan algúns especímenes criptogámicos, sen flor nin semente. Tras a revisión de Guardia e Soriano, comprobouse que estes últimos non están identificados nin indicada a súa localidade de orixe. Algunhas mostras estaban montadas en láminas pequenas, con dúas ou tres follas separadas por planta.

A relación de José Planellas coa USC comezou en 1847, cando obtivo a Cátedra de Historia Natural na Facultade de Filosofía. En 1854 acadou o título en Ciencias Naturais da universidade, onde traballou ata 1868. Durante a súa etapa en Galicia, o profesor realizou estudos floristas nos arredores de Santiago e viaxou polo noroeste peninsular. Así iniciou a elaboración do seu herbario e publicou en 1852 a súa obra principal, Ensaio dunha flora fanerogámica galega —agora coñecido como Flora Galega—, a primeira flora sistemática de Galicia. O traballo recolle 853 taxóns con usos medicinais, describindo 12 novos.

Con todo, o herbario tamén foi resultado de diversas colaboracións. O alemán Heinrich Moritz Willkomm e o danés Johan Lange, autores do Prodromus Florae Hispanicae —unha das primeiras floras integrais da Península Ibérica—, mantiveron relación con Planellas. De feito, máis de 540 referencias desa obra inclúen especímenes recollidos polo botánico, ao que mesmo dedicaron unha especie: Dianthus planellae. O seu contacto comezou en Galicia durante unha campaña botánica en 1852. Ademais, polo menos dez botánicos diferentes aparecen citados como coleccionistas de mostras procedentes de Europa Central. Así avanzou no seu traballo sobre a flora da comunidade.

A Flora de Planellas presenta unha particularidade: inclúe polo menos 695 plantas cultivadas, das cales 308 levan etiquetas que indican o seu estado de cultivo. A maioría foron recollidas no Xardín Botánico de Santiago de Compostela, con 115 exemplares, e outras moitas no Xardín Botánico de Barcelona, con 47. En total, procesáronse e incorporáronse á base de datos 2.483 mostras, segundo a información das etiquetas orixinais.

A documentación é limitada, “como é común en moitas coleccións históricas do século XIX”, sinalan os autores do artigo. Nas etiquetas adoita figurar o nome científico e a localidade, pero descoñécese con frecuencia o colleiteiro e a data de recollida. A análise da caligrafía permite deducir que máis do 80% das mostras foron recollidas polo propio Planellas. Con todo, 216 das restantes presentan etiquetas máis detalladas escritas por Pérez Méndez, discípulo do profesor. Nelas indícase o ano de recollida e información sobre o hábitat, aínda que o colleiteiro só aparece identificado en cinco exemplares datados entre 1866 e 1867, despois da publicación de Flora Galega.

Dos 1.654 especímenes recollidos, 1.506 proceden de España. A maioría teñen a súa orixe nas catro provincias galegas, especialmente na Coruña, aínda que tamén destacan as plantas de Barcelona, Madrid e Oviedo. Ademais, hai mostras procedentes doutros países, como Francia, Alemaña, Suiza e Portugal —por esta orde segundo o número de especies rexistradas en cada lugar—.

A colecciónar abrangue un período de 62 anos, dende o 1 de xaneiro de 1828 ata o 31 de decembro de 1890. Con todo, só 434 follas do Herbarium Planellas conteñen información específica sobre a data de recollida. “É moi probable que a maioría dos especímenes se recolleran antes de 1852, ano no que se publicou Flora Galega“, explican os autores da investigación. As localidades enumeradas neste estudo coinciden coas que figuran nas etiquetas do herbario.

Número de especímenes por provincia. Foto: Biodiversity Data Journal / Roser Guardia e Ignasi Soriano

Número de especímenes por provincia. Foto: Biodiversity Data Journal / Roser Guardia e Ignasi Soriano

Na revisión do herbario, Guardia e Soriano analizaron a información das etiquetas, que describen como “moi heteroxénea e bastante escasa”. A información sobre a localización despista: moitos lugares teñen hoxe nomes diferentes ou cambiaron a súa adscrición administrativa, e resulta difícil identificar a súa situación actual porque as etiquetas non inclúen coordenadas xeográficas. “En todos os casos nos que foi posible, identificouse o seu nome actual”, sinalan os investigadores da UB. Para iso empregaron a ferramenta Iberpix do Instituto Xeográfico Nacional, e Vissir, do Instituto Cartográfico de Cataluña. Nos casos nos que as etiquetas mencionaban provincias, grandes cidades ou macizos, asignáronse coordenadas aproximadas ao punto central da área. Pola contra, nas que incluían máis dunha localidade ou divisións administrativas, non foi posible xeolocalizalas.

Roser Guardia e Ignasi Soriano concluíron que o 99,76% das follas do Herbario Planellas contiñan unha etiqueta con identificación correcta, “moi probablemente asignada polo propio Planellas”, escriben. Con todo, dende a súa chegada á Universidade de Barcelona, os exemplares foron sometidos a revisións taxonómicas por diferentes especialistas. A máis completa realizouna o botánico C. Pau en 1920, quen examinou 163 follas revisadas, confirmando ou corrixindo as identificacións orixinais de Planellas. Outros expertos, como M. Lainz, B. Merino, C. Aedo e, máis recentemente o autor, Soriano, volveron avaliar os exemplares segundo criterios taxonómicos actuais. A pesar destas revisións, o Herbario de Planellas continúa a ser a base da primeira flora taxonómica de Galicia.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com


0 comentarios