Un 16% da vexetación, en perigo
Imaxe dunha sequoia no oeste dos Estados Unidos / Edu Borja
A perda de hábitat asociada aos impactos do cambio climático podería impulsar a extinción de entre o 7 e o 16% das plantas coñecidas a finais de século, segundo un estudo recolleito en Science, que advirte de que a restauración ecolóxica será clave para evitar esta perda. Partindo dunha gran base de datos de case 68.000 especies de plantas, que constitúen o 18% da flora mundial, un grupo de investigadores de varias universidades estadounidenses proxectou a distribución destas especies ata o ano 2100 tendo en conta os impactos climáticos previstos no seu hábitat, como secas ou ondas de calor.
Os seus resultados indican que entre o 7% e o 16% das especies vexetais estudadas a nivel mundial perderían máis do 90% da súa área de distribución, o que as expoñería a un elevado risco de extinción para o 2100 segundo as proxeccións actuais sobre o cambio climático. As taxas máis altas de extinción prevense no sur de Europa, o oeste dos Estados Unidos e o sur de Australia, o que supoñería un risco tanto para especies vexetais ancestrais como para aquelas de importancia económica, como é o caso de especies de árbores que son claves para a industria madeireira.
«Isto suxire que as estratexias de conservación centradas na migración asistida, nas que as persoas facilitan os desprazamentos das especies, poderían non reducir as extincións de plantas a nivel mundial provocadas polo cambio climático», apunta unha da autoras, Xiaoli Dong, profesora da Universidade de California en Davis. «O que provoca a extinción non é que as plantas non se despracen o suficientemente rápido, senón que os impactos climáticos destrúen o hábitat apto para as plantas. Se a nosa prioridade é evitar a extinción habemos de reducir drasticamente as nosas emisións», engade.
Os cambios na distribución das plantas polos impactos climáticos poden, con todo, aumentar a riqueza de especies vexetais no 28% da superficie terrestre. «As zonas que probablemente gañen en riqueza de especies vexetais atópanse en rexións húmidas ou naquelas que se prevé que se volvan máis húmidas, como o leste dos Estados Unidos, India, o sueste asiático e o sur de Sudamérica», afirma.
FONTE: lavozdegalicia.es
0 comentarios