RELATOS DE VERÁN: A PRIMEIRA PATACA
Sigo periódicamente OS RELATOS DO VERÁN do xornal La Voz de Galicia na súa 27 edición, e chamoume a atención este relato que paso a reporoducir: A primeira pataca de Iago Cardalda.
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -
Meu pai dixo que había que limpar a horta antes de que a maleza a fixese desaparecer.
Falouno coma quen fala do tempo. Ningún dos dous pronunciou o nome do avó. Mentres arrincaba herbas, decateime de que seguía sabendo onde estaban as cebolas, as leitugas ou os tomates. Nunca aprendera ese mapa. Debía de quedar gardado nalgún recuncho da memoria, deses que só esperta o cheiro da terra mollada.
Ao chegar ao fondo da leira vin unha pequena planta. Xa levantara a man para arrincala cando me acordei del. Nunca lle vin présa na horta. Dicía que as cousas importantes medran ao seu ritmo. E, cando eu quería arrincar unha planta antes de tempo, dicía:
—Espera sempre un pouco. A terra tamén ten cousas que dicir.
Axeonlleime e escarvei cos dedos. Debaixo apareceu unha pataca que quedara esquecida baixo a terra. Estaba limpa, firme, coma se levase meses agardando por alguén. Sorprendeume sorrir.
De neno preguntáballe por que gardaba as mellores sen comelas. El limpaba a terra das mans na perneira do pantalón, collía unha pataca e mirábaa un intre, coma se estivese pensando.
—Porque esas son para o ano que vén.
Daquela parecía unha resposta absurda.
Leveina para casa. Na primavera seguinte volvín á horta e planteina no mesmo anaco de terra. Uns meses despois recollín máis patacas das que podía contar coas mans. Antes de entrar na casa, collín a máis fermosa e aparteina das demais. Entendín que hai herdanzas que non caben nun testamento. Precisan terra.
FONTE: lavozdegalicia.es
0 comentarios