PREMIO NOBEL DE ECONOMÍA 2026
Robert Hall e Michael Woodford / news.mit.edu
Os economistas estadounidenses Robert E. Hall e Michael Woodford foron galardoados co Premio Nobel de Economía de 2026. A Real Academia Sueca de Ciencias outorgoulles este recoñecemento "polos fundamentos microeconómicos da estabilización macroeconómica". É dicir, por explicar a economía dun país fixándose en como tomamos as decisións os consumidores, as familias e as empresas.
En lugar de basear os modelos unicamente en vínculos estatísticos entre variables agregadas (como inflación ou consumo), Hall e Woodford construíronos sobre unha base microeconómica sólida. Isto permite entender como as accións da masa total de fogares e empresas individuais afectan directamente á economía global.
As súas investigacións deron orixe aos denominados modelos neokeynesianos, ferramentas estruturais que permiten aos bancos centrais e aos ministerios de Facenda de todo o mundo calcular con precisión matemática como amortecer as crises económicas ou conter as burbullas financeiras.
Robert E. Hall (Palo Alto-California-Estados Unidos, 1943), profesor de economía na Universidade de Stanford e investigador principal na Hoover Institution. É doutor en Economía polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), onde estudou baixo a supervisión do tamén Nobel Robert Solow. Desde 1978, Hall preside o Comité de Datado de Ciclos Económicos da Oficina Nacional de Investigación Económica (NBER) dos Estados Unidos.
Michael Woodford (Chicopee-Massachusetts-Estados Unidos, 1955), considerado un dos teóricos monetarios máis influentes do mundo. Actualmente desempéñase como Profesor John Bates Clark de Economía Política na Universidade de Columbia. Ten unha formación académica que combina un doutoramento en Dereito pola Escola de Leis de Yale cun doutoramento en Economía polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). É autor do soado tratado académico Interest and Prices: Foundations of a Theory of Monetary Policy (2003), considerado polos expertos como a "biblia" moderna da política monetaria.
Parabéns!
FONTE: rtve.es
0 comentarios