Blogia

vgomez

TAL DÍA COMO HOXE: 4 DE MARZO...

1861 En Estados Unidos, Abraham Lincoln asume a presidencia.

1869 En Estados Unidos, Ulysses S. Grant asume a presidencia.

1885 En Estados Unidos, Grover Cleveland asume a presidencia.

1889 En Estados Unidos, Benjamin Harrison asume a presidencia.

1897 En Estados Unidos., William McKinley asume a presidencia.

1913 En Estados Unidos, Woodrow Wilson asume a presidencia.

1929 En Estados Unidos, Herbert Hoover asume a presidencia.

1933 En Estados Unidos, Franklin D. Roosevelt asume a presidencia.

1936 En Alemaña, o dirigible alemán LZ-129 Hindenburg realiza o seu voo inaugural.

1977 Sae de fábrica a supercomputadora Cray-1.

2003 O escritor español Juan Manuel de Prada gaña o Premio Primavera coa novela A vida invisible.

FONTE: hoyenlahistoria.com   Imaxes: es.wikipedia.org e lavanguardia.com

Estas son as cinco especies animais xa extintas en Galicia (III-FIN)

Continúo, e remato, coa listaxe dos cinco animais vertebrados, que  están ou podería estar extintas a nivel local na comunidade, recollidos pola Consellería de Medio Ambiente.

Se onte falamos da Gaivina negra (Chlidonias niger) e da Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus), hoxe...

4. Esturión (Acipenser sturio)

Durante a segunda metade do século XX, o esturión desapareceu de Galicia, ao igual que en gran parte de España. Así, tratouse dunha extinción en período histórico, xa que actualmente está desaparecida a poboación que previamente poboou o río Miño no que era tan abundante que a súa carne se chegou a utilizar como fertilizante e os seus ovos como alimento para porcos.

Un xornal do ano 1963 sinalaba que nas augas do Miño podían pescarse esturións de 300 quilos de peso. Con todo, a alteración do seu hábitat por medio da regulación dos álveos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de freza foron as principais causas da súa extinción, ademais das capturas accidentais e a pesca de individuos para a extracción dos ovos.

5. Cabra montesa galega (Capra pyrenaica lusitanica)

Esta subespecie de cabra montesa autóctona desapareceu na segunda metade do século XIX, ata que os últimos exemplares se rexistraron en Portugal entre 1890 e 1892. A tamén coñecida como cabra do Xurés desapareceu, en parte, pola destrución e perda do seu hábitat e á caza indiscriminada.

Segundo sinala a Consellería de Medio Ambiente, na actualidade está en marcha un plan de reintrodución dunha especie semellante á cabra montesa galega, coñecida cientificamente como Capra pyrenaica victoriae. Así, os exemplares empregados para a cría en catividade e a súa posterior reintrodución proceden da Serra de Gredos, e xa poden verse individuos en liberdade nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e Montes do Invernadoiro.

Fin!

FONTE: gciencia.com       Imaxe: Bibliothèque nationale de France e Hemeroteca Dixital da Cámara Municipal de Lisboa

SABÍAS QUE... Como vivían as formigas na época dos dinosauros?

Unha formiga Stem xunto a, probablemente, unha avespa parasita e unha araña / Jose de la Fuente

Os insectos atrapados en ámbar poderían revelarnos moito sobre o seu papel nos ecosistemas do pasado: polinizadores, parasitos, depredadores e presas. Pero, cantos dos insectos conservados xuntos reflicten interaccións durante a súa vida e cantos son só coincidencias desafortunadas?

Un equipo científico liderado polo Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC-CSIC), adscrito á Universidade Castela A Mancha, examinou seis mostras clave que conservan inusualmente ben insectos agora extintos para tratar de aprender máis sobre as formigas que viviron na mesma época que os dinosauros.

As inclusións no ámbar son representativas das posibles interaccións entre os diferentes organismos que dan forma ao medio ambiente”, explica José de la Fuente, autor principal do artigo publicado en Frontiers in Ecology and Evolution. “A identificación e caracterización morfolóxica das formigas fósiles no ámbar xunto con outras inclusións de insectos proporciona unha instantánea da vida na Terra hai millóns de anos”.

Os científicos examinaron seis pezas diferentes de ámbar que conteñen múltiples organismos de diferentes especies, un fenómeno pouco común denominado sininclusión.

Elixiron estas pezas de ámbar porque conteñen formigas, que se consideran especialmente importantes para os ecosistemas. Os primeiros destes insectos, que se atoparon por primeira vez no Cretácico Superior, coñécense como formigas Stem e non deixaron descendentes modernos; todas as formigas que viven hoxe en día evolucionaron a partir das formigas Crown. Ambas as especies atópanse nas seis pezas de ámbar estudadas polos científicos, así como as formigas do inferno, que evolucionaron a partir das formigas Stem.

A mostra do estudo incluía catro pezas de ámbar do Cretácico (duns 99 millóns de anos de antigüidade), unha peza de ámbar do Eoceno (de hai aproximadamente 56-34 millóns de anos) e unha peza de ámbar do Oligoceno (de hai aproximadamente 34-23 millóns de anos). Os científicos utilizaron potentes microscopios para examinar o ámbar, identificar as diferentes especies que se atopaban no seu interior e medir a distancia entre as formigas e outras especies.

En tres das seis pezas de ámbar, os científicos atoparon formigas moi preto de ácaros. Na primeira peza de ámbar, os científicos atoparon unha formiga coroa, unha avespa e dous ácaros tan preto da formiga que poderían estar viaxando sobre ela.

Outra das pezas contiña unha formiga Stem e un ácaro, separados por uns catro milímetros. E outra tamén contiña tres especies diferentes de formigas preto dun ácaro e algunhas termitas, así como mosquitos mal conservados e un insecto alado.

Na última, os científicos atoparon unha formiga Stem xunto a, probablemente, unha avespa parasita e unha araña. A formiga parece que se estivo alimentando de algo. Está a descansar xunto a outro insecto incluído, que podería ser un verme ou unha larva, pero como non hai indicios de que os dous estivesen a interactuar, os científicos cren que se trata dunha coincidencia. Noutras atoparon unha formiga Stem e unha araña, e unha formiga Hell, un caracol, un cempés e algúns insectos non identificables.

As sininclusións de formigas máis próximas son máis propensas a reflectir o comportamento e as interaccións entre estes organismos”, di De la Fuente. “As interaccións propostas entre formigas e ácaros poden reflectir dous posibles escenarios. En primeiro lugar, unha relación temporal comensal especializada na que os ácaros se adhiren ás formigas para dispersarse gratuitamente a novos hábitats. En segundo lugar, un parasitismo no que os ácaros se alimentan do hóspede formiga durante o transporte”.

Aínda que os anacos de ámbar que conteñen formigas son raros, e os que conteñen múltiples especies son aínda máis raros, hai algunhas probas publicadas que apuntan a interaccións entre ácaros e formigas, ás veces mutuamente beneficiosas. As investigacións futuras poderían axudar a aclarar isto utilizando escáneres micro-CT para buscar estruturas de fixación nos ácaros que lles permitisen rubir as formigas para desprazarse. No caso da peza de ámbar coa araña, é unha especie que podía camuflarse como unha formiga e que podería beneficiarse da proximidade de formigas reais.

Os científicos afirman que as distancias máis curtas entre os insectos no ámbar reflicten con maior probabilidade interaccións durante a vida, como as que se dan entre formigas e ácaros. Con todo, piden cautela ao redor das interaccións inferidas: os insectos que non están en contacto poderían ser simplemente insectos que quedaron atrapados na mesma resina.

Para mellorar a análise das interaccións entre diferentes organismos nas inclusións fósiles de ámbar, as investigacións futuras deberían utilizar técnicas avanzadas de imaxe”, afirma De la Fuente. “Con todo, estes resultados proporcionan probas do comportamento e os hábitos ecolóxicos dos insectos”, apunta.

FONTE: gciencia.com

HUMOR REAL: ATAQUE A IRÁN

A viñeta de Davila (Luis Davila, Bueu-Pontevedra, 1972), publicada no Faro de Vigo, saca punta ao ataque de EE UU e Israel a IRÁN.

Veremos como acaba esto pois as consecuencias son imprevisibles!

TAL DÍA COMO HOXE: 3 DE MARZO...

1613 Comeza a reinar en Rusia a dinastía dos Romanov, na persoa do mozo Miguel.

1875 Estréase, no Ópera-Comique de París, a ópera Carmen do compositor Georges Bizet.

1904 En España, promulgación da lei que establece o descanso dominical.

1905 Fritz Schaudinn descobre a espiroqueta Treponema pallidum, axente causante da sífilis.

1915 Créase o National Advisory Committee for Aeronautics (NACA). Trátase da organización predecesora da axencia espacial estadounidense, NASA.

1923 En Nova York aparece o primeiro número da revista Time.

1939 Estrea nos Estados Unidos da película A dilixencia, de John Ford, modelo no xénero do western.

1961 En Marrocos, Hassan II é coroado rei.

1990 En España, Telecinco comeza a emitir de forma regular.

1996 O Partido Popular, encabezado por José María Aznar, gana por unha estreita marxe as eleccións xerais.

FONTE: hoyenlahistoria.com  Imaxes: microilustres.blogspot.com e radio.perfil.com

Estas son as cinco especies animais xa extintas en Galicia (II)

Continúo coa listaxe dos cinco animais vertebrados, que  están ou podería estar extintas a nivel local na comunidade, recollidos pola Consellería de Medio Ambiente.

Se onte falamos do Lince ibérico (Lynx pardinus), hoxe falsremos...

2. Gaivina negra (Chlidonias niger)

Esta especie, tamén coñecida como carrán mouro, é unha especie de ave moi escasa como reprodutora en España, cunha diminución determinante nos últimos anos, pero abundante nos pasos migratorios. Segundo informan dende Medio Ambiente, en Galicia existiu unha poboación nidificante na lagoa de Antela (Ourense), pero a destrución do hábitat e as molestias ocasionadas durante a época de cría levaron á súa desaparición. Con todo, aínda aparecen de forma puntual algúns exemplares errantes, pero polo momento non se asentaron na comunidade.

3. Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus)

Tradicionalmente, a pita do monte nidificaba nos Ancares, de onde podería ter desaparecido. En 2019, no concello leonés de Candín, lindeiro co lucense Cervantes, un grupo de persoas foron quen de avistar unha femia de pita do monte. Con todo, oficialmente, os últimos rexistros de Tetrao urogallus cantabricus datan, segundo as fontes, do ano 2003, segundo o informe do Comité Avifaunístico da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A transformación e fragmentación do seu hábitat, sumada ás consecuencias do cambio climático e o furtivismo, convértense nas súas principais ameazas. De feito, o ecólogo Ignacio Munilla, que foi profesor na Universidade de Vigo, investigador Ramón y Cajal na USC e coautor do Plan de Conservación da poboación galega desta ave, apuntaba nunha entrevista con GCiencia á caza ilegal como principal causa da súa extinción en Galicia. 

Continuará...

FONTE: gciencia.com       Imaxe: Wikimedia Commons

Estas son as cinco especies animais xa extintas en Galicia

A pita do monte (Tetrao urogallus) considérase extinguida en Galicia dende 2005, cando se observaron os últimos cantadeiros na serra dos Ancares. Como esta, son moitas as especies que desaparecen do territorio para sempre. Para lembrar á fauna afectada, que está ou podería estar extinta a nivel local na comunidade, a Consellería de Medio Ambiente recolle un total de cinco animais vertebrados na mesma situación que a pita do monte.

No Catálogo Galego de Especies Ameazadas aínda poden figurar referencias sobre estas especies, pero na actualidade non se dispón de información recente sobre súa presencia. Con todo, para descartar que queden individuos no medio natural fanse necesarias prospeccións realizadas en períodos de tempo apropiados ao ciclo e formas de vida da especie, tal e como sinala a Consellería na páxina web.

A continuación, preséntase unha listaxe das cinco especies mencionadas pola Consellería.

1. Lince ibérico (Lynx pardinus)

O lince ibérico é unha especie que desapareceu de Galicia, malia que nunca foi abundante. Os últimos rexistros limítanse ao leste e sur da provincia de Ourense. Con todo, a súa poboación medrou nun 19% en 2024, cun censo total que alcanza os 2.401 individuos, segundo informaba o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en maio de 2025.

Esta expansión polo territorio, sobre todo en Portugal, Extremadura e Castilla-La Mancha, permite que algúns dos exemplares realicen desprazamentos cara ao norte da península, chegando mesmo a Galicia. Foi o caso de Kentaro, un lince criado en catividade e liberado nos Montes de Toledo en decembro de 2014. Despois de percorrer máis de 3.000 km, o sinal do seu colar situouno na provincia de Ourense.

Continuará...

FONTE: gciencia.com       Imaxe: Wikimedia Commons

TAL DÍA COMO HOXE... 2 DE MARZO

1912 En España declárase obrigatoria a lectura do Quixote nas escolas públicas.

1944 Créase o Documento Nacional de Identidade (DNI) en España.

1969 O avión supersónico de pasaxeiros Concorde voa por primeira vez. 1972 Estados Unidos lanza a sonda Pioneer 10 cunha mensaxe para a hipotética vida intelixente extraterrestre.

2002 O maior telescopio solar de Europa inaugúrase no complexo astrofísico do Roque dos Muchachos, situado na illa canaria da Palma.

FONTE: hoyenlahistoria.com  Imaxes: historia.nationalgeographic.com.es e hispaviacion.es