Blogia
vgomez

CURIOSIDADES

IMAXES IMPACTANTES DO MUNDO ANIMAL I

 

O reino animal non deixa de mostrar imaxes impactantes. Neste caso é un espectacular ataque de leóns famentos a un elefante. O vídeo mostra como os depredadores intentan conseguir un elefante novo sen culminar con éxito.

Un total de 14 leóns intentan por todos os métodos posibles derrubar ao elefante, pero o maior tamaño deste fai imposible a manobra. Nin os saltos enriba do elefante nin os enormes dentes dos leóns conseguen derrubar a súa presa. Finalmente, a auga convértese no aliado do gran mamífero, xa que os leóns temen internarse no río mentres que o maior tamaño do elefante lle permite moverse sen problemas.

O vídeo foi gravado durante un safari en Zambia polo xornalista Jesse Nash, o profesor de arte de Long Island Dan Christofel, o naturalista Steve Baker e a australiana Nina Karnikowski.

FONTE: Xornal El Periódico/Tencnoloxía/Redes

O POLBO ANTÁRTICO: PARELEDONE CHARCOTI

O POLBO ANTÁRTICO: PARELEDONE CHARCOTI

Un exemplar de ppñbo antártico / TOMAS LUNDÄLV

Os polbos teñen tres corazóns e sangue azul. Esa cor débese a que en lugar de utilizar a molécula hemoglobina para transportar o sangue osixenado polo seu corpo, empregan hemocianina, unha molécula que, en vez de ferro, contén cobre. Esta proteína tamén está presente no sangue doutros moluscos, en crustáceos e arácnidos para transportar o osíxeno.

Polo que respecta ao trío de corazóns dos octópodos, dous bombean sangue sen osíxeno ás branquias, mentres que o terceiro se encarga de repartir o sangue con osíxeno pola súa anatomía. Non sorprende, pois, que o sistema circulatorio e respiratorio destes moluscos cefalópodo fascinase e espertase o interese dos científicos, que agora describiron nunha especie concreta de polbo outro interesante mecanismo.

Un equipo de investigadores do Instituto Alfred-Wegener, en Alemaña, quería comprender que procesos leva a cabo o organismo do polbo antártico (Pareledone charcoti) para sobrevivir nas xélidas augas nas que vive. Xa se sabía que era grazas ao seu sangue azul, pero agora descubriron que este polbo utiliza unha estratexia única para transportar o osíxeno polo seu sangue que lle permite aguantar mellor que outras especies de octópodos os cambios de temperatura. Os detalles deste proceso publícanse esta semana na revista Frontiers in Zoology.

A resposta do corpo do polbo antártico, sinalase na publicación, é distinta e máis eficiente que a doutros animais acuáticos que viven neste ambiente extremo, como algúns peixes antárticos. E tamén é mellor que a doutras especies de polbo.

En concreto, os investigadores compararon os sistemas do antártico Pareledone charcoti con dúas especies que habitan zonas máis cálidas, o Octopus pallidus, que vive no sueste de Australia, e o mediterráneo Eledone moschata.

Das tres especies de polbo analizadas nesta investigación, o antártico presentou a maior concentración de hemocianina (polo menos un 40% máis). A cantidade desta proteína no seu sangue é tamén a máis alta que se encontrou en calquera especie de polbo estudada.

Segundo os científicos, a alta concentración deste pigmento veríase compensada pola escasa capacidade da hemocianina para levar osíxeno aos tecidos en ambientes moi fríos, e polo tanto, podería axudar a garantir unha subministración de osíxeno abondo para garantir un bo funcionamento do seu organismo cando está nesas xélidas augas.

O estudo tamén mostrou que o sistema de transporte de osíxeno do polbo antártico era máis eficiente cando o animal estaba exposto a temperaturas de 10ºC que a 0ºC, e comprobaron que podía transportar máis osíxeno que as outras dúas especies, habituadas a vivir en climas máis cálidos. Segundo apuntan os científicos, esta habilidade podería facer que o antártico se adapte mellor que outros polbos ao cambio climático, pois lle permite sobrevivir tanto en augas moi frías coma máis cálidas.

Esta gran capacidade de adaptación, engaden, podería ser unha das claves que expliquen o abundantes que son os polbos antárticos pois, ademais de vivir en augas moi frías, foron divisados noutros ecosistemas máis cálidos.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

O ALEIN DAS PROFUNDIDADES: MITSUKURINA OWSTONI

O ALEIN DAS PROFUNDIDADES: MITSUKURINA OWSTONI

O Museo Australiano amosa a mandíbula da quenlla / AFP

Unha criatura mariña de corpo brando e rosado, fuciño carnoso e dentes como cravos foi encontrada preto da costa australiana. Os pescadores coñéceno como “o alien das profundidades” pola súa viscosa aparencia. Non obstante, non é máis que a estraña quenlla encanto (Mitsukurina owstoni) á que os científicos riscan de “fósil vivente”, pois cren que se trata dunha especie duns 125 millóns de anos de antigüidade e da que sabe moi pouco, salvo que adoita frecuentar o Pacífico, o Atlántico e o Índico. O exemplar foi doado ao Museo Australiano, onde se mostrou á criatura ao público.

Este último “alien das profundidades” foi achado preto de Eden, na zona sueste da costa de Australia, a unha profundidade de 200 metros. Foi entregado a un acuario local, que o mantivo en "excelentes condicións" para o museo.

Este último exemplar de quenlla encanto, do que tomaron mostras de tecido para realizar análises xenéticas, será preservado polo museo e posto a disposición para a investigación.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

POR QUE CHEIRA A CHUVIA?

POR QUE CHEIRA A CHUVIA?

Gotas de chuvia no chan / Imaxe:tiempo.com

Un equipo de científicos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) identificou o mecanismo que libera o particular olor a mollado que notamos cando chove. O achado foi publicado na revista Nature Communications.

Para a súa investigación, os expertos realizaron preto de 600 experimentos en 28 tipos diferentes de superficies incluíndo os chans de todo o campus do MIT, ao longo do río Charles e mesmo o chan areento da praia de Nahant (Massachusetts). Unha vez no laboratorio, mediron a permeabilidade de cada mostra de chan vertendo o material en tubos longos para empezar e logo engadindo auga á parte inferior de cada tubo mentres tomaban medidas da velocidade á que se levantaba a auga a través do chan. Descubriron que canto máis permeable era o chan, máis rápido levantábase a auga.

Por outra parte, depositaron gotiñas individuais de auga en cada unha das superficies obxecto de estudo, simulando diversas intensidades de chuvia. O experimento revelou que canto maior foi a liberación da gotiña, máis rápida foi a súa velocidade máxima.

Capturando as gotas de chuvia no momento do impacto con cámaras de alta velocidade descubriron un mecanismo non visto antes: cando unha gota de auga golpea unha superficie, comeza a aplanarse e simultáneamente comezan a ascender pequenas burbullas antes de estalar no aire. Así, dependendo da velocidade da gota e das propiedades da superficie, dispérsase unha nube frenética de aerosois polo aire, o que provoca este particular olor a mollado. A conclusión foi que se producen máis aerosois cando a chuvia é lixeira, pero se expulsan en maior número cando chove intensamente.

Os investigadores aclaran que, en ambientes naturais, os aerosois poden levar elementos aromáticos, xunto coas bacterias e os virus que están almacenados no chan. Estes aerosois son liberados durante a chuvia e estendidos pola forza do vento.

FONTE: Revista Muy Interesante

UN MAMÍFERO PECULIAR: O ORNITORRINCO

 

O ornitorrinco xunto co Equidna son as especies que perviven na actualidade da orde dos monotremas, únicos mamíferos que poñen ovos na vez de parir as crías. O seu nome científico é Ornithorhynchus anatinus.

Imos coñecer algo máis deste peculiar animal no seguinte vídeo.

CINCO ANOS DE SOL EN TRES MINUTOS

 

O Observatorio de Dinámica Solar da NASA comezou a observar o Sol o 11 de febreiro de 2010, coa captura de máis dunha foto por segundo durante 24 horas ao día dende entón. Os máis de 200 millóns de fotos e 2.600 terabytes de datos capturados proporcionan unha "imaxe clara", "sen precedentes " do que acontece na súa superficie.

Iste é o resultado!

HOXE HABERA LÚA NEGRA

HOXE  HABERA LÚA NEGRA

Primeira superlúa do 2015 / Imaxe: beevoz.com 

A primeira superlúa do 2015, que ten lugar cando o satélite se sitúa no punto máis próximo á Terra, producirase hoxe, mércores. Con todo, non vai ser unha superlúa habitual senón unha lúa negra, xa que estará en fase nova, é dicir, non se poderá observar en todo o seu esplendor.

Concretamente, a lúa situarase no seu punto máis próximo ao planeta tan só 8 horas despois de atoparse na súa fase nova. Esta situación provocou a controversia entre os expertos, algúns dos cales non consideran este caso como o dunha superlúa, precisamente, porque non pode observarse.

Por esta razón, outros chaman a este fenómeno a lúa negra, aínda que esta denominación tamén se usa para a terceira das catro lúas novas da tempada (desde o solsticio de decembro ao equinoccio de marzo).

próxima superlúa rexistrarase o próximo 20 de marzo e tamén será con lúa nova, é dicir, unha lúa negra. Con todo, ese día o satélite pasará por diante do Sol, producíndose unha eclipse solar total que poderá verse en España así como en latitudes árticas, Groenlandia, Islandia, outros puntos de Europa, norte de África e Asia nororiental.

FONTE: Xornal La Voz de Galicia

O NAUTILUS

O Nautilus está considerado un fósil vivinte. É un invertebrado do xénero dos moluscos cefalópodos do que sobreviven hoxe en día tres especies.

Unha delas, o Nautilus pompilius, é bastante peculiar porque os cefalópodos actuais non teñen unha cuncha externa ben desenvolvida; as luras e xibas teñen unha cuncha interna pouco desenvolvida, e os polbos carecen dela.

Pero teñen un segredo nesa cuncha, xa que se atopa dividida por unha serie de tabiques transversais baleiros, xa que o animal vive na última cámara que está en contacto co exterior. E aquí vén o interesante: existe un cordón visceral ou sifuncúlo que atravesa todos os tabiques e que produce un gas que queda retido en cada unha das cámaras que forman a cuncha, esta é a forma en que se consegue unha flotabilidade positiva.