Blogia
vgomez

DOCENCIA

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XX (FIN)

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

20. Portugal: Ponte 25 de Abril

A Ponte 25 de Abril é unha ponte colgante rodo-ferroviaria que se alza sobre o estuario do río Texo, na área metropolitana de Lisboa (Portugal). Oficialmente designado no seu día como Ponte Salazar, por ter sido mandado construír por Salazar en 1960, mudou a súa denominación pola actual trala Revolución do 25 de abril de 1974, que restaurou a democracia en Portugal. É unha construción, de aceiro, esténdese por case 2 km., e conecta o sur, Almada, co norte de Lisboa. A parte inferior foi renovada para albergar vías de tren.

A moeda de 2 euros deste país amosas esa construción sobre o río Texo.

Con esta moeda remato esta serie. Só é unha mostra da cultura que conteñen as moedas do euro. Espero que de aquí en diante, cando teñamos unha moeda nas nosas mans, son só vexamos un valor economíco da mesma, senón tamén a cultura do país que acuñou esa moeda.

Ata outra serie!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XXI

 

Esta é a bandeira de Vanuatu (República de Vanuatu/Ripablik blong Vanuatu), un país insular localizado no océano Pacífico Sur. A súa poboación, estimada, rolda os 250.000 habitantes e a súa capital é Por Vila, situada na illa de Éfaté. Os seus idiomas oficiais son o Bislama, francés e inglés.

A bandeira é un pano de catro cores: vermello, verde, amarelo e negro. O verde representa a riqueza das illas, o vermello é o símbolo do sangue dos homes e o negro é a cor dos habitantes orixinais de Vanuatu. O amarelo con forma de Y representa a luz do Evanxeo. O emblema no negro é un queiro dun xabarín (o símbolo da prosperidade que se leva como colgante nas illas), xunto con dúas follas dun fieito local chamado namele.

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XIX

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

19. España: Catedral de Burgos

A Catedral de Santa María de Burgos é un templo católico dedicado á Virxe María situado na cidade española de Burgos. O seu nome oficial é Santa Igrexa Catedral Basílica Metropolitana de Santa María de Burgos. Polo seu tamaño, é a terceira catedral de España despois da de Sevilla e da de Toledo. O impulsor da construción foi o bispo Mauricio que nunha misión diplomática a Alemaña, observou as novas construcións que se estaban a levar alí mais en Francia. A súa construción comezou en 1221, seguindo patróns góticos franceses e, como se adoitaba, a primeira pedra colocouse preto da cabeceira do altar maior, Cando o bispo morreu en 1238, foi soterrado en medio do presbiterio. Non se consagrou até 1260. Tivo importantes modificacións nos séculos XV e XVI: as agullas da fachada principal, a Capela do Condestable e o ciborio do cruceiro, elementos do gótico avanzado que dotan ao templo do seu perfil inconfundible. As últimas obras de importancia (a Sancristía ou a Capela de Santa Trega) pertencen xa ao século XVIII, século no que tamén se modificaron as portadas góticas da fachada principal. O estilo da catedral é o gótico, aínda que posúe, no seu interior, varios elementos decorativos renacentistas e barrocos. A construción e as remodelacións realizáronse con pedra calcaria extraída das canteiras da próxima localidade burgalesa de Hontoria de la Cantera.

Na moeda conmemorativa de 2 euros de 2012, aparece esta catedral.

Mañá, outro país, para rematar esta serie e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XX

 

Esta é a bandeira de Ucrania (Україна), un país ubicado no leste de Europa. Conta cunha poboación que rolda os 42 millóns de habitantes e a súa capital é Kiev. O idioma oficial é o ucraniano.

A bandeira está composta por dúas franxas horizontais de igual tamaño de cor azul e amarelo. A franxa azul representa o ceo e a amarela significa a terra fértil e os campos ucranianos.

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XVIII

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

18. España: Patio dos Leóns- Alhambra de Granada

O Patio dos Leóns é o patio principal do palacio dos Leóns, no corazón da Alhambra. Foi encargado polo sultán Muhammed V do Reino nazarí de Granada no segundo período do seu reinado e construíuse entre 1362 e 1391. É de forma  oblonga, de 35 metros de lonxitude e 20 de ancho, rodeado por unha galería baixa apoiada por 124 columnas de mármore branco de Macael, cun pavillón a cada lado do patio, con paredes de filigrana e cupuliñas. Os pavimentos son de mármore, mentres que as paredes están cubertas de azulexos azuis e dourados ata 1,5 metros, con bordos azuis esmaltados e dourados. No centro do patio está a Fonte dos Leóns, un cunco de alabastro apoiado polas figuras de doce leóns do mesmo mármore branco de Macael.

Aparece na moeda conmemorativa de 2 euros de 2011 do noso país.

Mañá, outra moeda, nesta caso do mesmo país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XIX

 

Esta é a bandeira de Tailandia (Reino de Tailandia / ราชอาณาจักรไทย), un país situado no centro da península Indochina no Sueste asiático. Ten unha poboación que rolda os 65 millóns de habitantes e a súa capital é Bangkok. O idioma oficial é o Tailandés.

A bandeira está formada por cinco franxas horizontais de cor vermella, branca, azul, branca e vermella. A anchura da franxa azul, a central, é de dobre tamaño respecto ás restantes. As cores vermella, branca e azul simbolizan a nación, a relixión e o monarca.

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XVII

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

17. España: A cova de Altamira

A cova de Altamira é unha gruta española, famosa polas súas pinturas rupestres da época do Paleolítico superior, nas que aparecen representados mamíferos salvaxes, mans humanas e signos abstractos. A cova está situada preto de Santillana del Mar, en Cantabria, a 30 km ao oeste da cidade de Santander. Ten 270 metros, e consiste nunha serie de corredores e cámaras entrelazadas. O cubículo principal ten unha altura variable, que oscila entre dous e seis metros. Formouse grazas aos afundimentos provocados por fenómenos cársticos que se desenvolveron sobre a rocha calcárea dos montes Vispieres. As escavacións arqueolóxicas efectuadas no fondo da cova sacaron á luz ricos depósitos de arte do período solutrense superior (datables arredor de 18.500 anos atrás) e máis do período Magdaleniano inferior (entre uns 16.500 e 14.000 anos). A caverna foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO no ano 1985.

As moeda de 2 euros do noso país, recolle a imaxe dun bisonte magdaleniense.

Mañá outra moeda, neste caso do mesmo país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XVIII

 

Esta é a bandeira de Samoa (Estado Independiente de Samoa / Malo Sa’oloto Tuto’atasi o Sāmoa), un país que comprende un grupo de illas pertencente ao arquipélago da Polinesia ao sur do Pacífico. A súa poboación rolda os 190.000 habitantes e a capital é Apia. Os idiomas oficiais son o samoano e o inglés.

A bandeira é un pano de cor vermella cun rectángulo azul no cantón, no cal figuran cinco estrelas que representan a Cruz do Sur. A cor vermella representa a coraxe. O azul a liberdade e o branco representa a pureza. As cinco esstrelas simbolizan a constelación da Cruz do Sur,  Alfa,  Beta, Gamma, Delta e  Epsilon, que é a máis pequena porque non brillar tanto como as outras estrelas da constelación. A Cruz do Sur representa a posición xeográfica de Samoa no mundo.

FONTE: gl.wikipedia.org