Blogia
vgomez

DOCENCIA

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XVI

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

16. España: A catedral de Santiago de compostela

A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación. Segundo a tradición, o Apóstolo Santiago o Maior difundiu o cristianismo na península ibérica.​ No ano 44 foi decapitado en Xerusalén e os seus restos foron trasladados posteriormente a Galicia nunha barca de pedra. Por mor das persecucións romanas dos cristiáns de Hispania, a súa tumba foi abandonada no século III. Sempre segundo a lenda, esta tumba foi descuberta en torno ao ano 814 polo ermitán Pelayo (Pelagius) despois de ver unhas luces estrañas no ceo nocturno. O bispo Teodomiro de Iria recoñeceu este feito como un milagre e informou o rei Alfonso II de Asturias; o rei ordenou a construción dunha capela no lugar. Di a lenda que o rei se converteu no primeiro peregrino neste santuario. Esta capela foi seguida por unha primeira igrexa o ano 829 e posteriormente por unha igrexa  prerrománica o 899, construída por orde do rei Alfonso III, converténdose gradualmente nun importante lugar de peregrinaxe.​ O ano 997 esta igrexa primitiva foi reducida a cinzas por Almanzor, comandante do exército do califa de Córdoba. As portas e as campás da igrexa, portadas aos ombreiros por cativos cristiáns ata Córdoba, engadíronse á mesquita alxama.​ Cando Córdoba foi tomada polo rei Fernando III de Castela en 1236, estas mesmas portas e campás foron transportadas por prisioneiros musulmáns a Toledo, e incluíronse na Catedral de Santa María de Toledo. A construción da actual catedral iniciouse en 1075 baixo o reinado de Alfonso VI e o patrocinio do bispo Diego Peláez. Foi construída segundo o mesmo plano que a igrexa de ladrillo  monástica de San  Sernín de Toulouse, probablemente o maior edificio  románico de Francia. O templo foi construído fundamentalmente en granito. A construción detívose en distintas ocasións e, segundo o Liber Sancti Iacobi, a última pedra foi colocada en 1122 e a catedral foi consagrada en 1128. Segundo o Codex Calixtinus, os arquitectos foron «Bernardo o vello, un mestre marabilloso», o seu axudante Galperinus  Robertus e, máis tarde, posiblemente «Esteban, mestre de catedrais». Na última etapa «Bernardo, o mozo» (que posiblemente era fillo de Esteban) terminaba o edificio, mentres que Galperinus estivo a cargo da coordinación. Tamén construíu unha fonte monumental diante da portada setentrional en 1122. A última etapa de construción comeza en 1168 cando o capítulo encarga ao mestre Mateo a realización da cripta e o Pórtico da Gloria, e a catedral é definitivamente consagrada en abril de 1211,​ na mañá do xoves da segunda semana de Pascua, polo arcebispo Pedro Muñiz, en presenza do rei Alfonso IX e o seu fillo, ademais de numerosas autoridades eclesiásticas e civís.

As moedas de 1, 2 e 5 céntimos do noso país, recollen a imaxe da catedral compostelana.

Mañá outra moeda, tamén do noso país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XVII

 

Esta é a bandeira do Reino Unido (Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte /United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), un país insular, situado ao noroeste da Europa Continental e, no momento de redactar este artigo, aínda membro da Unión Europea. Conta cunha poboación que rolda os 63 millóns de habitantes, sendo a súa capital Londres. O idioma oficial é o inglés.

A bandeira é unha combinación das cruces dos santos patróns de Inglaterra, de Escocia e de Irlanda do Norte, tres das catro rexións que, con Gales, forman o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte. A cruz vermella sobre fondo branco do centro é a de San Xurxo, de Inglaterra. A aspa branca sobre fondo azul é a cruz de Santo Andrés, de Escocia. E a aspa vermella sobre fondo branco é a cruz de San Patricio, de Irlanda.

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XV

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

15. España: A Mesquita de Córdoba

 A mesquita de Córdoba é o monumento máis senlleiro da arte andalusí que se atopa na cidade española de Córdoba.  O seu arquitecto é descoñecido, pero sábese que a mesquita foi construída entre o 785 e o 788 baixo o reinado de Abd al-Rahman I, coa apropiación e reutilización dos materiais da basílica hispanorromana de San Vicente Mártir, que se atopaba no seu lugar, polos conquistadores musulmáns. O edificio resultante foi obxecto de ampliacións durante o emirato de Córdoba e o califato de Córdoba. Con 23.400 metros cadrados, foi a segunda mesquita meirande do mundo en superficie, por detrás da mesquita da Meca, sendo só alcanzada posteriormente pola mesquita Azul (Istambul, 1588). Unha das súas principais características é que o seu muro da quibla non foi orientado cara a Meca, senón 51º graos máis cara o sur, algo adoito nas mesquitas de al-Andalus. En 1238, logo da Reconquista cristiá da cidade, levouse a cabo a súa consagración como catedral da diocese coa ordenación episcopal do seu primeiro bispo, Lope de Fitero. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1984.

A moeda de 2 euros do noso país recolle esta construción.

Mañá outra moeda, tamén do noso país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XVI

 

Esta é a bandeira dos Países Bixos (Nederlan), localizado no noroeste de Europa, e un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e San Eustaquio. Forma parte da Unión Europea. Ten unha poboación que rolda os 17 millóns de habitantes e a súa capitañ é Ámsterdam. Os idiomas oficiais son o neerlandés, convivindo co frisón.

A bandeira divídese en tres franxas horizontais do mesmo grosor. As cores da bandeira son o vermellón, o branco e o azul cobalto. O vermellón ten que ver co sangue dos que defenderon o país, o branco símbolo da paz e o cobalto os mares e ríos dos Paises Baixos.

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XIV

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

14. España: Acueduto de Segovia

O acueduto de Segovia é un acueduto construído a cabalo dos séculos I e II, entre o reinado dos emperadores romanos Vespasiano e Traxano na actual localidade de Segovia. Na súa construción empregáronse grosso modo uns 35.000 bloques de granito. A parte máis visible, e por tanto famosa, é a arquería que cruza a praza do Azoguejo, na cidade.

A moeda de 2 euros do noso país recolle esta construción romana.

Mañá outra moeda, tamén do noso país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XV

 

Esta é a bandeira de Omán (Sultanato de Omán / سلطانة عمان), un país situado no extremo oriental da Península da Arabia. Ten unha poboación duns 3 millóns de habitantes e a súa capital é Mascate. A lingua oficial é o árabe.

A bandeira consta de tres franxas (branco, verde e vermello) cunha barra vermella á esquerda que contén o emblema nacional de Omán. O branco está representa a paz e a prosperidade, o verde a fertilidade e as montañas e o vermello as loitas contra os invasores estranxeiros. O vermello é a cor da antiga bandeira da nación, cando era coñecida simplemente como o Sultanato de Muscat e Omán.

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XIII

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

13. Italia: O nacemento de Venus

O nacemento de  Venus (en italiano, A Nascita dei Venere) é un cadro realizado polo pintor renacentista Sandro Botticelli, unha de óbralas cume do mestre  florentino e do Quattrocento italiano. Consérvase na Galería Uffizi, en  Florencia. Este cadro foi no seu tempo unha obra revolucionaria por canto presentaba sen andrómenas un espido non xustificado por ningún compoñente relixioso, así como un tema mitolóxico procedente da cultura clásica grecorromana anterior ao cristianismo, o que supoñía a plena aceptación do novo humanismo renacentista afastado do escurantismo medieval.

A moeda de 10 céntimos deste país representa este cadro.

Mañá outra moeda, outro país e máis coñecementos!

FONTE: Clara González Freyre/Verne/elpais.com e es.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XIV

 

Esta é a bandeira de Namibia (República de Namibia/Republic of Namibia), un país do suroeste de África que ocupa o territorio do que foi coñecido ata a década de 1960 como África do Suroeste. ten unha poboación que rolda os 2 millóns de habitantes e a súa capital é Windhoek. O idioma oficial é o inglés, convivindo con outros idiomas como alemán, afrikaans, sizoli...

A bandeira está dividida en dúas metades (azul a superior e verde a inferior) por unha franxa de cor vermella e bordos brancos situada nunha das diagonais da bandeira. No cuadrante superior máis próximo ó mastro aparece representado o sol con doce puntas. As cores da bandeira adoptáronse da SWAPO, o movemento popular de liberación máis importante de Namibia. As cores azul, vermella e verde tamén son as máis importantes para a etnia maioritaria, os Ovambo. O sol simboliza a vida e a enerxía. A cor dourada do sol representa a calor e a cor das chairas do deserto de  Namib. O azul simboliza o ceo, o Océano Atlántico, os recursos mariños de Namibia e a importancia da choiva e a auga. O vermello representa ao pobo de Namibia, o seu  heroísmo e a súa determinación de construír un futuro de igualdade de oportunidades para todos. A cor branca refírese á paz e a unidade, mentres que o verde simboliza a vexetación do país e os recursos agrícolas.

FONTE: gl.wikipedia.org/