Blogia
vgomez

OUTRAS COUSAS

CONTO: A SOLUCIÓN AO PROBLEMA

CONTO: A SOLUCIÓN AO PROBLEMA

Un cabo da Garda Civil estaba certo día cun compañeiro nunha recta dunha estrada galega facendo un control de tráfico. Ao lonxe, viron achegarse un coche que viña de lado a lado da estrada; ás veces nas beiravías e mesmo baixando ata a cuneta.

- Ai, Virxe do ceo, como guía aquela muller, que non se sabe se via ou vén- di o cabo.

Acénanlle, para fronte a eles e o número dille case con mágoa:

- Pero señorita, vostede sabe a chea de infraccións  que cometeu dende que a vimos? Vostede pensou no perigo que representa na estrada conducindo así? Imos ter que quitarlle o carné de conducir!

- Moitas grazas señor garda. Agradézollo. A ver se mo sacan logo vostedes. Eu xa fun ao exame vinte e seis veces e aínda non o din sacado! - díxo a muller.

MESES E REFRÁNS VI

MESES E REFRÁNS VI

NOVEMBRO OU MES DE SANTOS:

"Se queres ter allo fino, plántao polo San Martiño" (11 de novembro)

"As castañas polo San Martiño, teñen sede e queren viño"

"Castañas, viño novo e chourizos, no mes de Santos son vicios"

"En novembro, cavar non se che lembre; a aixada de cavar emprégaa en aburatar"

"Polo San Martiño veranciño, por Sta. Isabel inverno e encher"(11 e 19 de novembro)

"Polos Santos, o que sementa millo come cardos"

"Meu santiño Santo André, eu como foi non sei, fomos dous e viñemos tres" (10 de novembro)

 

DECEMBRO OU NADAL:

"As castañas no Nadal saben ben pero pártense mal"

"Se Nadal nada, sinal de boa anada"

"Se o Nadal vén mollado, o xaneiro vén xeado"

"Día de San Nicolao, está a neve de pao en pao, e non no chao" (6 de decembro)

 

MESES E REFRÁNS V

MESES E REFRÁNS V

SETEMBRO:

"Néboa en setembro, trae o sur no ventre"

"O pan que foi ben sachado, enche o hórreo do seu amo"

"Se queres sacar mel, castra polo San Miguel" (29 de setembro)

"San Miguel das uvas maduras, moito tardas e pouco duras"

"Por San Damián ten o millo da túa man" (26 de setembro)

OUTUBRO:

"Outono chegar, porco cebar"

"Moito as de saber para cogomelos coller"

"Noroeste de serán, vendaval pola mañá"

"Cando chove e vai vento, pecha a porta e estate dentro"

 

 

 

CONTO: O ANDALUZ E O GALEGO

CONTO: O ANDALUZ E O GALEGO

Unha vez era un andaluz e un galego que ían xuntos no tren meténdose pullas o un ao outro, e o andaluz díxolle ao galego:

- En mi tierra vi un repollo tan grande que ocupaba una extensión de cuatro kilómetros cuadrados.

E entón o galego díxolle:

- Pois na miña terra están facendo unha caldeira tan grande que traballan nela cen latoeiros e non senten os uns aos outros golpear os martelos.

- ¿Y para qué iban a haser una cardera tan grande?

- Para cocer o teu repolo!

MESES E REFRÁNS IV

MESES E REFRÁNS IV

SANTIAGO OU XULLO:

"En Xullo arder e patacas coller"

"Por Santiago pinta o bago" (25 de xullo)

"Cando a mora madura, xa pinta a uva"

"Cando comenzan as uvas a pintar, comenzan as mozas a fiar"

"Cando o trigo vai louro, o muxo vale ouro"

 

AGOSTO:

"Non é bo mosto o que se molla en agosto"

"Chuvia no agosto, nin bo magosto, nin bo mosto, nin bo entrecosto"

"Agosto ardenteiro, herba no palleiro"

"En agosto, sol posto, noite conosco"

 

 

 

CONTO: CANDO DEUS CREOU O BURRO

CONTO: CANDO DEUS CREOU O BURRO

Fomos facer unha visita técnica á viña de certa abadía do Miño lucense. Aló, o señor abade daquela parroquia coversou connosco de moitos e fermosos temas, e  quixo contarnos a "reliadade da vida" en termos de parodia litúrxica.

"... Deus creou o burro e díxolle: "Serás burro, e traballarás a cotio cargando feixes no lombo. Non terás intelixencia, comerás forraxe verde ou seca e mesmo recibirás algunha malleira. Vivirás cuarenta anos."

O animaliño, vendo a vida que lle agardaba, pedíu: "Señor, para vivir coma burro abóndame vinte anos". Deus, que era bo, entendeuno e concedeullo.

Logo creou o can e tamén lle dixo: "Serás can, e coidarás a casa dos homes sendo o seu amigo máis fiel. Darás xuda, cariño e compaña que poucas veces che devolverán. Comerás os ósos que che tiren e durmirás ó sereo ou no fondo da escaleira tanto de verán coma de inverno. Vivirás vinte anos."

"Señor, para este xeito de vida chégame coa metade dese tempo". Deus tamén llo concedeu.

Creou tamén a mona dicíndolle: "Serás mona, saltarás de póla en póla, farás pallasadas e divertirás á xente. Vivirás vintecinco anos".

Tamén a mona pensou que era abondo e pediulle a Deus que lle quitase quince anos, cousa que lle concedeu.

Dispois creou Deus aos outros animais e por último ao home, dicíndolle: "Serás home, o ser máis perfecto da creación, o único intelixente e racional sobre a face da Terra. Empregarás a túa mente para someter ás bestas, que estarán ao teu servizo e dominarás tamén o mundo, vivindo uns vinte anos."

O home escoitou pacientemente e ao final repuxo: "Señor, serei home, pero paréceme pouco tempo vinte anos. Por que non me dás os trinta que desprezou o burro, os dez que o can non quixo e máis os quince que a mona rexeitou?

Así o fixo Deus, e dende aquela o home vive vinte anos coma home. Despois casa e pasa trinta coma burro, traballando e cargando peso no lombo para sacar adiante a familia. Non soe recibir malleiras. Logo, os fillos vanse e vive coma un can coidando a casa durante alomenos dez anos. Ao final, chega a vello, xubílase, e vive dez anos de mona, de póla en póla ou de casa en casa facendo pallasadas para divertir aos seus netos.

Fonte: Almanaque Agrícola ZZ

MESES E REFRÁNS III

MESES E REFRÁNS III

Humor sobre o refraneiro e o tempo: Gogue (Faro de Vigo 01/08/2009)

MAIO:

"En maio a vella queima o tallo, pero unha miguiña que quedou, para San Xoán a deixou"

"En maio o millo sementado, cal enxoito, cal mollado"

"Vai ver a túa viña se reluz o día de Santa Cruz" (3 de maio).

"Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado"

"Se a cobra cantou en marzo, neve no maio"

"Auga de maio, pan todo o ano"

"Abril chuvioso, maio pardo, San Xoán claro, enchen o carro"

"Maio ventoso, para o labrador fermoso, para o mariñeiro desastroso"

"A sardiña de maio, que a parta un raio"

 

SAN XOÁN:

"Quen xuxúa en San Xoán, ou é tolo ou non ten pan"

"A sardiña polo abril déixaa ir, polo maio ásaa no borrallo, pero polo San Xoán deixa que pingue no pan"

"Entre San Xoán e San Pedro, recolleita do centeo" (24 e 29 de xuño)

"Entre San Xoán e San Pedro, xofra sen medo"

"Polo San Pedro rega con medo, polo San Bieito rega a feito" (24 de xuño e 11 agosto)

"Do San Antonio ao San Xoán once días van" (13 e 24 de xuño)

"En San Xoán, aínda hai tres días para cardar a lan"

"A auga de San Xoán, leva o viño e non dá pan"

"Ata San Pedro, o viño treme de medo"

"Auga en San Xoán, a mexada dun can"

CONTO: O CULLERÓN DE PRATA

CONTO: O CULLERÓN DE PRATA

Servandiño era un curiña moi novo, acabado de saír do seminario maior de Lugo, e coa cabeza chea de novos ideais, que chegou destinado a un pequeno lugar do oriente coruñés onde a vida era moi tranquila.

Ao cabo duns días de se incorporar á súa freguesía, vai visitar un colega seu, con varios anos de oficio, da parroquía veciña, sendo moi ben recibido por estoutro párroco que mesmo lle porfía para que quedara a cear.

Durante a cea decátase Servandiño  de que o seu amigo ten como serventa unha rapaciña fermosa e boa moza, tratándose amo e criada con grande familiaridade e confianza sospeitosa.

Cando ámbolos dous quedan sós, pregúntalle o curiña:

- Y dígame, Don Domingo;  esta muchacha y usted se comportan debidamente en su larga convivencia. Siguen las pautas de castidad absoluta ¿verdad?

- Pues claro, Servando. No lo dudes en ningún momento. Ella, como yo, es una excelente cristiana, devota, católica y practicante.

Coa explicación non quedou moi convencido Servandiño, pero tampouco dixo nada, e regresou á súa parroquia.

Ao pouco tempo, diríxese a atractiva rapaza ao seu amo crego para lle comentar unha nova.

- Dende que estivo por aquí, e ceou connosco o seu colega de San Lourenzo, non atopo o cullerón de prata co que servimos a sopa.

Por esa razón o curiña recibe aos dous días unha carta do seu colega que di o seguinte:

"Querido Servando: no quiero decir nada con esto, pero desde que has estado en nuestra tu abadía, nos ha desaparecido un cucharón de plata que utilizamos en las comidas relevantes".

Non tarda moito Servandiño en respostar con outra breve misiva na que di:

"Querido Don Domingo: tampoco yo queiro decir nada con esto, pero si la criada hubiese dormido una sóla noche en su cama, encontraría el cucharón de plata que dejé escondido debajo de la manta, cuando estuve de visita".

  Fonte: Almanaque Agrícola ZZ 2006