Blogia
vgomez

OUTRAS COUSAS

REFRÁNS: O ACEITE E A OLIVEIRA

REFRÁNS: O ACEITE E A OLIVEIRA

Cando falamos de aceite como producto e da oliveira coma árbore, non o relacionamos con Galicia como productor e si como consumidor. Non é así. Galicia, polo seu clima, foi e é un lugar axeitado para este cultivo. O clima oceánico-mediterráneo, sobre todo da zona suroriental da comunidade, faina axeitada polos terreos con humidade e áridos. Existen zonas de Galicia, por certo nun tempo pasadao moi productivas, noutro decadentes e agora incipientes, nas que se cultiva este producto: Betanzos (Coruña), Quiroga (Lugo), Valdeorras (Ourense), Tomiño (Pontevedra), por citar algunhas.

A oliveira pertence á orde botánica das ligustrais, familia das oleáceas, con dúas subespécies : oleaster (oliveira silvestre) e sativa (oliveira).

Son moitos os refráns sobre a árbore (oliveira) e o producuto que obtemos (aceite). Vexamos algúns:

Sobre o froito:

*Oliveira e aceituna toda é unha.

* Oliva unha é ouro, dúas prata, a terceira mata.

* Auga e Lúa, tempo de acietunas.

* Comida a oliva, bota o óso fóra.

* Quen colle olivas antes de xaneiro, deixa a oliva na oliveira.

* No tempo das olivas teñen noivos as sobriñas.

* Aceite e acietunas, por veces moitas, outras ningunhas.

* Como sei que che gustan as acaitunas como os ovos de pava, traíoche algunhas.

Sobre o producto:

* Aceite e viño bálsamo divino.

* A mellor cociñeira é a oliva.

* Flor de oliveira en abril, aceite no candil.

* Se queres chegar a vello, garda aceite no pendello.

* A verdade como o aceite queda sempre por enriba.

* Aceite o de enriba, viño o do medio e mel o do fondo.

* Viño quente e o aceite son alimento.

* Aceite dabondo bo ano por diante.

* Aceite, carne, pan trigo e sal, mercadoría real.

Sobre a árbore:

* O aceite da oliveira todo o mal quita.

* Mentres as oliveiras teñan froito, serán os estornillos os seus amigos.

* Cada moucho á súa oliveira.

* Casa de pai, viño de avó e oliveira de bisavó.

* Oliveira bruta que a forza de paus dás froito.

* Se algunha vez me esquecerás, cávame aínda que non me ares.

* A oliveira fai o ben aínda que lle fagan mal.

FONTE: Almanaque Agricola ZZ 2009

BARALLETE

BARALLETE

Roda auténtica de afiar, instrumento imprescindible dun afiador.

Hai uns días celebrouse no Rosal unha festa entrañable: "A festa do cabaqueiro". Nela rememórase o traballo de moitos rosaleiros que traballaron nas telleiras e que empregaban unha xerga, un vocabulario propio: o cabaqueiro.

Na miña terra, en Ourense, temos algo similar pero aplicado aos afiadores: o barallete.

Os afiadores necesitaban apoiarse uns a outros, porque se ven mergullados nun mundo no que debían vencer non poucas dificultades no trato coas persoas que os rodean: seareiros dos lugares visitados, garda civil, cobradores de taxas -como en Barcelona, onde se lle obrigaba a ter unha licencia de traballador ambulante-, ou en determinados concellos de Galicia nos que non se lles permitía circular coa roda en domingo para non entorpecer á xente que ía á misa. Nace así  unha lingua común a todos os que exercían esta profesión andadora que os mutilos tentaban aprender durante o tempo que estaban a caron do seu amo ou naceiro. Era unha linguasxe que funcionaba como unha auténtica xerga de grupo. Tiña como característica propia a de abranguer máis de dous mil vocablos que pertencían a adxectivos, verbos e substantivos. Estes tiñan a súa orixe no idioma galego, aínda que deformados fonéticamente. Ademais había vocablos xermánicos e do idioma caló (dos xitanos), sen que se esquecesen nomes que se encontran coa fala dos pícaros e que aínda conservan quinquis e esqueiros. Unha norma do barallete era que no seu conxunto  de palabras non entraban as que indicaban violencia. De xeito que este modo de entenderse tan só restrinxido aos afiadores supón unha protección  para evitar a comprensión por parte de oídos alleos ao oficio.

Don Xose Ramón Fernández Oxea, que usaba o pseudónimo "Ben-Cho-Shey", foi o home que máis se ocupou do tema dos afiadores, sendo o autor dun diccionario do barellete.

Aquí amoso algunhas palabras:

Boca- garlea

Can- doco

Lingua- lengumela

Mentira- farela

Mutilo- aprendiz

Naceiro- amo

Neno-a- Guezo-a

E algunha frase:

Traballas moito? - Manchas largaño?

Afio estas tesouras- Arreo estas trincantes

Ise home é un sinvergonza- Ise belén é un discoirento

O cabaqueiro e o barallete son formas culturais do noso país que non debemos esquecer!

 

 

CONTO: A LIMOSNA DO SAN ANTÓN

CONTO: A LIMOSNA DO SAN ANTÓN

Voltaba de misar un abade montado na súa besta, cando, á beira do camiño, nunha leira grande, a medio decruar, víu unha xugada parada, co arado fóra da terra, e o labrego revolvendo os regos, coa cota da vara aguillada.

- Que fas, home? -preguntou.

- Ando buscando a rella do arado, que a perdín hai un anaco e non dou con ela.

- Dame unhas moedas -engadíu o crego mentres sonría-, que llas vou ofrecer ao Santo Antón, xa verás que axiña cha devolve.

- Non fai falla -contestou o paisano. Xa lle ofrecín eu unha rella de ouro macizo cando consiga atopar esta.

- Así saes perdendo -terciou o cura-, porque coa que lle ofreciches podes mercar moitas como a que tes perdido.

- Xa, xa -rematou o da leira con retranca-, pero ao santo xa o teño enganado máis veces.

Fonte: Almanaque Agrícola ZZ Ano 2003

CONTOS DE LUGRÍS FREIRE

CONTOS DE LUGRÍS FREIRE

Hoxe propoñovos un conto de Manuel Lugrís Freire. Pero, quen é? Pois trátase dun escritor nacido en Sada (A Coruña) en 1863 e morto en 1940. Foi un home comprometido co galego. Se queres coñecer algo da súa biografía e vida pincha en Manuel Lugrís Freire 

O conto en cuestión é "A mitá en cartos"

Fai tantos anos como eu conto de vida, que andaba visitando as freguesías das Mariñas un señor Arzobispo, cuio nome non lembro, desprendido, xeneroso e caritativo coma un cristiano de boa lei. Por aquelo de que "canto máis doce é o mel, máis moscas caen sobre el", non acougaba o perlado coas peticións que decote i en todas partes lle facían.

Nunha aldea, preto de Betanzos, según conta a historia, presentáronse ao señor Arzobispo dous labregos a pedirlle diñeiro para a fundación  dunha escola de primeiras letras. Xa non lle quedaba nin branca na faltriqueira, e o rogo aquel púxoo nun verdadeiro compromiso.

- Señor -decíalle Chinto, repetindo as palabras que lle apuntaba por detrás Bastián, seu compañeiro de comisión-; sabemos que a vosa señoría é xeneroso e amigo dos pobres, e polo mesmo vimos a lle rogar que nos dea algo para axudarnos a erguer as paredes da nosa escola, que tanta falla nos fai...

- Ben sabe Dios, meus fillos, -respondeu o perlado-; ben sabe Dios que eu non podo negarme a axudarvos na vosa empresa. Enseñar ao que non sabe é unha obra de misericordia das máis proveitosas e gratas aos ollos de Dios.

- Ten razón, si, señor -anadéu Chinto, máis contento que un cuco porque comprendeu que a súa petición era atendida.

- E polo tanto -sigueu o perlado con voz solene e cariñosa-, eu concedereivos, para vós e máis para os que vos axuden na civilizadora labor, catrocentos días de indulxencia plenaria...

-Está ben, si, señor; Dios llo pague -contestóu Chinto con certa resignación.

E Bastián, que estaba detrás, díxolle quediño:

- Chinto, dille á súa señoría que che dea a mitá das indulxencias en cartos.

(Respetouse a ortografía e vocabulario do autor)

En próximos días proporeivos outros contos da súa autoría.

A ZANFONA: CONTO

A ZANFONA: CONTO

Saturio nacera ao pé da Ribeira Sacra do Miño, entre viñedos dourados e a beleza dunha paisaxe singular que os seus ollos nunca puideron ver por mor da súa eiva de nacemento. Entón atopou na música da zanfona o motivo para alegrar ás xentes. Daba xenio  velo según contaban uns e outros. De xeito que a súa sona medrou co tempo de tal maneira que non había vodas, bautizos, casamentos, feiras ou romarías na que el non estivese na súa bisbarra. O seu campo de acción foise estendento e así pronto tamén se coñeceu en toda a terra galega. Así percorreu Vigo, a perla do Atlántico; Pontevedra, das rías a marabilla; Lugo, a cidade gardada polas murallas milenarias; Santiago, a cidade onde se concetra o mundo cristián; en fin Ourense, onde a auga ferve na fonte ou A Coruña, a chamada cidade de cristal.

Así dábase o caso que pola mañás o son do seu instrumento deixaba abraiadas ás xentes despois de cantarlle  algún que outro suceso monstruoso e polas tardes alegraba a mozas e mozos en calquera romaría. De maneira que as veces alguén lle rexeitaba tal parecer, sen embargo el respondíalle moi pereno: "Eu cambio igual que o tempo".

Pero as modas tamén trocan, e así, a zanfona, que un día entrara en Sevilla tocada por músicos diante do rei Fernando ao ser o consquistada ao infiel, ou que acompañou  Martín Codax nas cantigas de amigo, a zanfona coa que o infeliz xograr Macías atopou a morte apreixando as súas teclas, en fin a zanfona que inspiraba ao rei Alfonso X "O Sabio" na composición das preferencias das xentes porque estas tamnén cambiaron, para escoitar outros instrumentos que lles ofrecían  maiores posibilidades para divertirse. Saturio agora é un mendicante máis que pide, ao toque da zanfona, esmola á porta dunha igrexa ou en calquera recuncho dunha rúa. E igual que alma en pena rematou por percorrer camiños e congostras nunha andaina que semella non ter fin. A xente ao velo di: "Velaí vai o tolo da zanfona".

Fonte ZZ Almanaque Agrícola 2003

A ZANFONA: REFRÁNS

A ZANFONA: REFRÁNS

A zanfona pertence á familia de instrumentos da corda freteada ou cordófonos. Consta de cinco cordas de tripa (dúas destas cordas, Bordón e Bordoncillo, van polo exterior do instrumento e as outras polo interior), a Roda (que se acciona mediante unha Manivela ou Beo), unha Caixa de Resonancia, un Teclado, o Cordoeiro, a Cravixa e o Cravixeiro.

A zanfona atopámola con distintos nomes no idioma español: "Viola de rueda", "Viola de ciego", "Gaita de rueda", "Lira de rueda" ... incluso en Galicia temos as voces zanfona, zanfonia  ou zanfoña.

O antecesor  directo da zanfona foi o organistrum, que aparece no eido instrumental no século X. Foi un instrumento máis usado polos músicos da corte dos reis Luís XIV e Luís XV de Francia e tamén moi apreciado por princesas e príncipes. Introdúcese en Galicia a través do Camiño de Santiago, instrumento preferido dos xograes da Escola Galaico Portuguesa, que foi precisamente a época do seu esplendor.

Se queres escoitala pincha en MÚSICA DE ZANFONA

REFRÁNS:

"Es maís pesado que unha zanfoña"

"Vai con esa zanfona a outra parte"

"O leite con moita tona e na romaría a zanfona"

"Bicos para a namorada e música de zanfona na alborada"

"Zanfona e pandeiro levan alegría ao turreiro"

"O son da zanfona é doce como o mel por eso todos acoden a el"

"A muller amerceada polo mal de amores atopa na zanfona consolo para as súas dores"

Fonte: Almanaque Agrícola ZZ. Ano LI

CASAS INDIANAS

CASAS INDIANAS

As casas indianas son numerosas vivendas construídas na segunda metade do século XIX e primeira metade do XX polos emigrantes guardeses a Porto Rico, República Dominicana e Brasil.

Caracterízanse polo emprego de cantería, azulexo e forxa. Adpotan as estructuras do país americano; o que lle confire unha personalidade propia.

O Concello de A Guarda quere evitar o seu esquecemento, polo que deseñou unha ruta cun servizo gratuíto de guías.

Se queres coñecer máis sobre elas, así como a ruta deseñada para percorrelas pincha en CASAS INDINAS

CONTO: MÚSICA, MESTRE!

CONTO: MÚSICA, MESTRE!

Sempre houbo en Galicia unha gran tradición bandística. Moitas e boas agrupacións que deleitaban e deleitan á xente, en festas, procesións ou romarías. Algunhas tan grandes, que mesmo pasaban dos cincuenta números.

Nunha pequena aldea de Lugo, trataron de traer unha banda para as festas do setembro, pero, como a aldea era tan cativa, pensaron en contratar só unha parte da mesma.

Amable e Paco eran os maiorais da comisión, e achegáronse á cidade que tiña a banda máis grande da bisbarra. Ian falar co xefe da agrupación, Don Alejandro Solís, natural de Valencia.

- Mestre, vimos contratarlle vintemúsicos para a festa dos Remedios.

- Ya, dixo el, pero, qué músicos? Porque no todos os contarán lo mismo. Depende del instrumento que ejecuten.

Colleu unha lista e engadíu:

- El más caro: el director, que soy yo; le siguen los primeros clarinetes, luego las flautas traveseras y flautines, requintos, fliscornos y pínfanos, trompetas, fagots y contrafagots, oboe, corno inglés, trompas, ...

Aquel home non acababa de nomear instrumentos que nin coñecían. Amable atallou a conversa en seco e preguntou:

- E logo? Cal é o músico máis barato?

- El bombo. Contestou o profesor.

- Pois daquela, dixo o Paco, que veñan vinte bombos, e non se fale máis.