Blogia
vgomez

ZONA VERDE

A FARMACIA NATURAL: REMATE DA ACTIVIDADE

A FARMACIA NATURAL: REMATE DA ACTIVIDADE

 

O pasado mércores, día 4, rematamos coa actividade A FARMACIA NATURAL, na que participaron un total de 7 alumn@s de 1º ESO A e 8 alumn@s de 1º ESO C do noso IES.

A actividade que deu comezo no mes de abril e consistiu na plantación, investigación e identificación de 23 especies medicinais: ceboliño, alfábega, melisa, menta, ourego, estragón, macela, salvia, maiorana, tomiño, lavanda, romeiro, artemisa, equinácea, aloe, estevia, fiuncho, dente de león, anís, hisopo, estruga, verbena e perexil.

A actividade proposta por EDUCA BARRIE, foi levada a cabo polo Departamento de Bioloxía-Xeoloxía, polos profesores Gorreti e, o que escribe, Víctor.

Unha boa experiencia!

POR QUE NECESITAMOS AS ÁRBORES?

POR QUE NECESITAMOS AS ÁRBORES?

 

Polo seu interese, reproduzo a tradución do artigo de Antonio Ruiz de Elvira, publicado o pasado domingo no blog “El por qué de las cosas”, do xornal El Mundo:

Unha viaxe por España é un cruceiro polo deserto. Enormes extensións cubertas de matogueiras e pequenas plantas que cobren de xeito ralo un chan de pedriñas. Nas serras hai árbores, pero deixa de habelos en canto baixamos ás chairas que se estenden sen eles ata o horizonte.

Necesitamos árbores, en España, quince mil millóns de árbores.
As árbores cumpren moitas misións das cales gozamos os seres humanos, ademais das súas propias vidas que debemos desenvolver, manter e coidar polo mero feito de ser seres vivos.

As árbores manteñen o chan no seu sitio. Nas abas nuas, as chuvias torrenciais, que son as que estamos a ter xa e imos seguir tendo en España, arrastran un chan sen adherencia significativa ao subsolo. Unha aba de outeiro chea de árbores consegue dous efectos contra a acción mecánica da chuvia: As súas follas frean a velocidade de caída da auga, e con iso a forza do seu impacto sobre o chan, e as raíces aumentan a adherencia da capa superficial do chan ao subsolo. Un bosque vai creando cos anos chan fértil.

As árbores reteñen a auga no chan e permiten que se filtre cara aos acuíferos subterráneos. Cando chove, a auga, en vez escorrer aba abaixo, en vez de producir escorrentía brusca, deposítase en pequenas coviñas entre as raíces, e vai permeando pouco a pouco cara a abaixo ata empapar o chan e logo ir circulando cara aos acuíferos, protexida da evaporación excesiva.

As árbores evaporan unha pequena parte da auga que recollen as súas raíces. A evapotranspiración, que é como se chama o fenómeno, depende, no seu volume por unidade de tempo, da especie arbórea. En rexións de escasa precipitación pódense elixir árbores que evaporan pouca auga, ao revés que en zonas como o norte de España ou a zona mais chuviosa da Península: A Serra de Grazalema, en Cádiz, arredor do pobo que lle dá nome e que o é punto onde máis chove no noso país, máis aínda que en Santiago de Compostela.

Pero as árbores evaporan auga e isto é tremendamente importante. En varios dos posts de “El Porque de las Cosas” escribín sobre os sistemas non lineais: Son os sistemas da realidade, os sistemas que case non se estudan nas facultades de Físicas, concentradas estas nos sistemas lineais e a mística dos multiversos e unhas cordas inexistentes. Pois ben, os sistemas reais da natureza son non lineais, do tipo "o rico faise mais rico e o pobre cada vez mais pobre".
A chuvia sobre a superficie da Terra é un fenómeno crítico: Precísase que a atmosfera teña máis dunha certa concentración de vapor de auga, de cantidade de vapor de auga por centímetro ou metro cúbico, para que a auga condense e precipite. Esta concentración denomínase humidade absoluta e a condensación prodúcese cando a humidade absoluta supera un albor crítico, cando esa humidade absoluta dividida por unha humidade albor, cuxo valor depende da temperatura, supera o 100%. O cociente anterior denomínase humidade relativa e como digo depende da temperatura. A humidade albor é moi grande cando a temperatura é alta e moi pequena cando é baixa. Se medimos a humidade mediante a presión que exerce o vapor de auga na atmosfera, a 2ºC esa presión é de 700 unidades internacionais (Pascais, ou Pa), mentres que se a temperatura sobe a 30ºC a presión é de 4247 Pa e 7385 Pa a 40ºC.

É esta diferenza nas presións (cantidades de vapor de auga) de saturación do vapor a que nos fai sentirnos mollados nunha rexión con moita evaporación en verán (Murcia, por exemplo) aínda que non chova, mentres que á mesma temperatura de 38ºC, por exemplo, en Albacete, no centro de La Mancha, onde non hai evaporación, nos sentimos secos.

O lugar da Terra coa máxima concentración de vapor de auga en verán é o aire enriba do deserto do Sahara, pero non chove porque alí a humidade relativa é moi baixa (debido ás altas temperaturas do aire). En cambio en, digamos Asturias, a humidade absoluta non é moi alta en verán, pero chove porque as temperaturas do aire son baixas.

Pois ben, para que chova normalmente precísase un aumento dalgúns gramos de vapor no aire para conseguir que este se sature, que a humidade relativa alcance o 100% correspondente á súa temperatura. Dáse o caso con enorme frecuencia en España que aire cargado de humidade sobre o mar, ou sobre un pantano, se despraza cara a terra e empeza a ascender e arrefriarse. Pero non chove, pois o vapor de auga estaba en equilibrio con saturación sobre a auga (aire fresco) pero baixa do 100% ao chegar a terra pois o chan quente quenta o aire. Se as abas están libres de árbores, o aire sobe ata o cume e volve ao mar ou pantano sen condensar. Pero se as abas (ou nas grandes chairas, os campos) están cheos de árbores, o pequeno número de gramos que evaporan as súas follas é suficiente para alcanzar unha humidade relativa do 100%, e producir a condensación e a chuvia.

Temos un caso de realimentación positiva non lineal: O rico faise mais rico. Os bosques, que necesitan auga, estimulan a precipitación que lles permite crecer. Canto maiores son, máis auga evaporan e máis reciben da chuvia. Posto que o que se necesita para alcanzar a saturación son un ou dous gramos de auga por metro cúbico, e o aire case saturado leva entre 30 e 40 gramos, o balance é positivo: A árbore evapora 2 gramos e o aire descarga 30: A árbore produce unha cantidade positiva de auga sobre o chan.

En España a mentalidade subxacente deriva dos séculos da Mesta. Unha parte da economía de España era a das ovellas, e estas necesitan herba, que non medra ben nos bosques. Talláronse as árbores. Logo viñeron as minas, Rodalquilar en Almería, as de Huelva e Sevilla, Almaden, e outras moitas: Necesitaban madeira para as galerías, para quentar o mineral, para as travesas dos ferrocarrís. Necesitábase madeira, madeira. Talláronse os bosques, e cada talla aumentou a seca: O pobre facíase cada vez mais pobre.

Hoxe podemos plantar de novo árbores nas nosas terras. Facelo consegue que aumente a chuvia suave, a que crea chan e humidade, auga nos acuíferos e riqueza, riqueza permanente e para todos por contraposición á riqueza brusca e brutal das minas, unha riqueza concentrada en moi poucas mans, moi poucas mans de empresarios e traballadores e que remata deseguida: Rodalquilar durou de 1880 a 1960. A explotación intensiva de Rio Tinto, de 1870 a 1970, e así todas elas. A inmensa mina do Outeiro Rico do Potosí en Bolivia, orixe da prata das Armadas Españolas e que o goberno dos Austrias se gastara antes de que chegase a España (sóalles?), durou 200 anos.
Os desertos, unha vez creados, se non se arranxan, duran miles de anos.

Podemos arranxar por moi pouco prezo o problema da chuvia en España. Podemos plantar, como propón Joaquín Araujo, uns miles de millóns de árbores. Iso se é capital para todos e traballo para moitos máis do que daría unhas minas xa esgotadas. Hoxe plantar unha árbore pode custar ao redor de 1 euro. 4.000 millóns de árbores ao ano, durante 4 anos, ou 15.000 millóns durante 15 anos, é un diñeiro que non se ve nun presuposto anual dun millón de millóns e é riqueza para todos e para centos ou miles de anos.

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2014

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2014

Día Mundial do Medio Ambiente 2014 / Imaxe:ecologiaverde.com

 

"Alza a túa voz, non o nivel do mar". É o slogan do Día Mundial do Medio 2014, que se celebra hoxe, día 5 de xuño, en todo o planeta co obxectivo de concienciar á sociedade sobre as desastrosas consecuencias do cambio climático.

A pequena illa caribeña de
Barbados é o país anfitrión na presente edición desta efeméride, establecida por Nacións Unidas en 1972 para sensibilizar sobre o medio a nivel cidadán e tamén buscando a acción política.

A elección de Barbados non é casual. Aínda que o seu ecosistema natural é marabilloso, dunha gran riqueza, en realidade preténdese poñer o foco sobre as dificultades que han de superar os estados insulares que, como este, se ven afectados pola suba do nivel do mar. Así o expresa Achim Steiner, subsecretario xeral da ONU, en declaracións con motivo deste día:

"Os pequenos Estados insulares en desenvolvemento do mundo han de afrontar multitude de riscos relacionados co cambio climático, pois o aumento das temperaturas afectou negativamente á agricultura e a existencia mesma dalgúns países periga polo aumento dos niveis do mar".


GASES DE EFECTO INVERNADOIRO E O CUMPRIMENTO DO PROTOCOLO DE KIOTO

GASES DE EFECTO INVERNADOIRO E O CUMPRIMENTO DO PROTOCOLO DE KIOTO

Gases de efecto invernadoiro / Imaxe:www.cienciatec.com 

As emisións de gases de efecto invernadoiro na Unión Europea descenderon en 2012 e xa se sitúan en niveis que permiten á Axencia Europea do Medio (EEA) asegurar que a UE está no bo camiño para alcanzar os obxectivos de redución que se fixou para 2020. Non só iso: os datos, xa pechados, enviados ás Nacións Unidas e que a EEA  fixo públicos o pasado martes, mostran que os 15 países europeos que se comprometeron no Protocolo de Kioto  a conter os seus gases de efecto invernadoiro cumpriron de sobra a súa meta conxunta: emitir en conxunto un 8% menos que en 1990.

Tras varios anos de descenso, en 2012 os rexistros mostran unha caída das emisións do 1,3% en toda a Unión con respecto a 2011. Se se compara con dúas décadas atrás (1990, o ano base para os cálculos de Kioto) Europa conseguiu reducir un 19,2% as súas emisións. Non obstante, non todos os actuais membros da Unión se comprometeron igual. Os 15 que formaban parte dela cando se asinou o protocolo (1997), incluída España, decidiron ir en conxunto: cada un debía reducir un 8%, pero entre os 15 repartíronse a carga de maneira que, mentres países como Alemaña tiñan que emitir un 21% menos, outros podían aumentar, e España, en concreto, ata un 15%. Globalmente reduciron un 11,8%, segundo os últimos datos dispoñibles.

O cumprimento de Kioto mídese polas emisións para a media do período 2008-2012 con respecto ao nivel de 1990. Cinco destes países incumpren os seus obxectivos individuais, segundo os informes da EEA. E un deles é España, á que se pedía non superar un 15% de aumento, pero que o superou ata o 23,7%. Puido ser peor: hai unha década, en 2004, España emitía un 53% máis que en 1990. O groso da mellora de España nestes anos non débese aos seus esforzos para ser máis eficiente enerxeticamente ou para aumentar a porcentaxe das renovables. Hai que agradecelo á crise económica. A recesión reduciu a produción industrial e o transporte.

FONTE: Xornal El País/Medio Ambiente

NOVAS ESPECIES DESCUBERTAS II

NOVAS ESPECIES DESCUBERTAS II

 

Nas profundidades mariñas, onde non chegan os raios de luz, máis de 900 metros baixo a superficie, viven uns pequenos caracois de aspecto fantasmal (zospeum tholossum). A falta de pigmentación na súa bucina convértea en translúcida e permite ver a través dela. Esta enigmática especie, achada nunhas covas croatas de Jama-Trojama, é mesmo máis lenta que outros caracois. De feito, só se moven uns poucos centímetros á semana.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

NOVAS ESPECIES DESCUBERTAS I

NOVAS ESPECIES DESCUBERTAS I

 

Esta é a inmensa "Árbore de dragón" (Dracaena kaweesakii) que acada os 12 metros de altura. A pesar do seu tamaño, esta espectacular árbore pasou desapercibido entre as montañas calcarias das provincias de Lop Buri e Loei (Thailandia) ata que un equipo de investigadores o descubriu o ano pasado. Na actualidade, o seu estado de conservación é crítico, pois os expertos consideran que tan só hai 2.500 exemplares e que a extracción de calcaria para fabricar o formigón está a destruír o seu hábitat.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

DÍA INTERNACIONAL DA BIODIVERSIDADE

DÍA INTERNACIONAL DA BIODIVERSIDADE

Cartel deste día / Imaxe: cpmariadonalee.blogspot.com 


Hoxe celébrase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Unha celebración que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou mediante unha resolución co propósito de informar e concienciar a poboación e os Estados sobre as cuestións relativas á biodiversidade. A diversidade biolóxica é un concepto que abrangue á diversidade de especies de plantas, animais, fungos e microorganismos que viven nun espazo determinado, á súa variabilidade xenética, aos ecosistemas dos cales forman parte estas especies e ás paisaxes ou rexións onde se sitúan.

O concepto foi acuñado en 1985, no Foro Nacional sobre a Diversidade Biolóxica de Estados Unidos por Edward O. Wilson, entomólogo da Universidade de Harvard, que titulou a publicación dos resultados do foro en 1988 como "Biodiversidade".

Pero a biodiversidade é moito máis que un termo científico. Constitúe a enorme variedade de formas mediante as que se organiza a vida. Nós somos biodiversidade. Da biodiversidade depende a vida no planeta e o noso benestar. É por iso que debemos tomar conciencia da importancia da biodiversidade nas nosas vidas e de que temos a obriga de coidala e preservala, unha responsabilidade de todos e cada un de nós.

Preservar a biodiversidade tamén é unha necesidade. España é o país con maior diversidade biolóxica de Europa, con máis da metade de todas as especies do continente. Da axeitada protección da biodiversidade depende o noso día a día, a nosa calidade de vida e a de xeracións vindeiras. A biodiversidade é fráxil e sofre constantes ameazas. A destrución dos hábitats, a proliferación de especies invasoras, a contaminación, o cambio climático ou o incremento nos residuos xerados, son algúns dos perigos que a axexan e como cidadáns responsables todos podemos facer algo para poñerlles freo.

FONTE: Fundación Biodiversidade 

GALICIA Á CABEZA EN BADEIRAS AZUIS

GALICIA Á CABEZA EN BADEIRAS AZUIS

Bandeira azul, ondeando ao fondo da imaxe, na praia da Area Grande anos atrás / Imaxe:ocio.farodevigo.es

 

España obtivo este ano 681 bandeiras azuis en praias e portos deportivos (573 e 108, respectivamente). Son 34 bandeiras máis que en 2013 e supoñen un novo récord mundial seguido de Grecia, Turquía, Francia e Portugal.

As 681 bandeiras azuis obtidas este ano supoñen 23 praias e once portos deportivos máis respecto ao último exercicio anual.

A nivel mundial seguen a España as 407 bandeiras azuis de Grecia; as 397 de Turquía; as 379 de Francia e as 298 de Portugal, unhas cifras que se refiren exclusivamente ás praias.

Por comunidades no numero total de praias destacan Galicia con 123 e a Comunidade Valenciana con 120, seguidas de Cataluña con 89, Andalucía con 81, Baleares con 61, Canarias con 43 e Murcia con 31; por portos deportivos os primeiros lugares ocúpanos Cataluña e a Baleares ambas as dúas con 24.

Por provincias, da nosa comunidade, destacan Pontevedra con 59 bandeiras, Coruña con 46 e Lugo con 18; respecto aos portos, Coruña con 10, Pontevedra con 7 e Lugo con 2.

A nosa localidade segue a manter as mesmas do ano pasado: Area Grande e O Muíño.

Estes distintivos de calidade ambiental son outorgados pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

Bandeira Azul é un galardón anual e un sistema de certificación da calidade ambiental desenvolvido pola FEE dende 1987. Promove e premia a participación en iniciativas ambientais voluntarias das autoridades municipais, a poboación local e visitante e os axentes do sector do turismo. Os criterios para obter a Bandeira Azul agrúpanse en catro áreas: Calidade das augas de baño, Información e educación ambiental, Xestión ambiental e Seguridade, servizos e instalacións.