CONTO: A MULLER QUE ANDABA AO REVÉS
Foto: Museo virtual de vellas fotos .20 minutos.es
Era unha muller que andaba ao revés, quérese dicir, que non sabía senón atricar a todos, e máis aínda co se home que era un Xaniño que sempre había facer o que ela quixera pois era a que mandaba na casa.
Un ano, polo verán, chegou unha romaría e o home quixo ir ver, e como el tamén tiña a súa aquela, ordenou unha astucia e, cando estaba no traballo, púxose a falar coa muler e díxolle:
- Ti non quererás ir á romaría! Porque eu tampouco vou.
- Que non quererei...! Que non quererrei...! Pois si que quero ir. E ti que non vas? Vaiai se vas, tes que ir, e senón xa veremos, cando eu fale.
E, ao chegar o día, o home, que ben sabía o que facía, xa de mañá cedo, dedicouse a manter os cabalos e, cando foron horas díxolle á muller:
- Vou levar os cabalos ao monte.
-Ai!-fixo ela-.Non levas, non levas, que vas vir conmigo a romaria!
- Pero muller, como queres que vaia con tanto labor como hai?
- Pois has ir, máis que che pese. Mantén logo os cabalos.
O home fixo como que mantiña os cabalos e logo engadíu:
-Para ti aparelleiche o cabalo branco, pois o roán levareino eu, que é moi bravo.
- Non, o roán levareino eu, máis que sexa bravo, e ti levarás o branco.
- Mira que é moi bravo e vaite tirar!
- Aínda que me tire, levareino eu!
E marcharon cada un montado no seu cabalo e, cando chegaron ao pasal río grande que levaba algo de chea, o cabalo da muller quíxose espantar e tirou con ela que, abraiada ao se ver guindada nas augas, non se puido poñer de pé e levouna a corente. O home, daquela ao vela desaparecer marchou río arriba pola ribeira e atopou cun veciño que lle preguntou:
-E logo, home, que é o que che trae por aquí?
-Caeume a muller ao río no pasal.
-E como non vas na súa procura río abaixo, home?
- Non, carafio! Que ela sempre andou ao revés e ten que estar río arriba.
FONTE:Almanaque Agrícola ZZ Ano LXVII
1 comentario
Supra Skytop -
http://www.supras.cc/supra-skytop-1/