O CRATER DE EBERSWALDE DE MARTE
Imaxe do cráter que no pasado foi un lago / NASA
A Axencia Espacial Europea (ESA) publicou, o pasado venres, varias fotografías que presentan un cráter nas terras altas do sur de Marte que foi o leito dun gran lago cando a auga fluía pola superficie dese planeta.
O cráter de Eberswalde, captado pola sonda Mars Express, ten 65 quilómetros de diámetro e formouse hai máis de 3.700 millóns de anos polo impacto dun asteroide.
Aínda que unha parte do Eberswalde foi cuberto polo impacto posterior doutro asteroide, que creou un segundo cráter, na zona visible consérvanse os restos do que nun tempo foi un gran delta, surcado por múltiples brazos fluviais.
O delta tiña uns 115 quilómetros cadrados de superficie e estaba alimentado polos citados ríos. Cando secou, gran parte desas formacións quedaron ocultas baixo unha capa de sedimentos arremuiñados polo vento.
As estructuras analizadas, identificadas orixinalmente pola sonda Mars Global Surveyor da NASA, son unha proba inequívoca de que hai tempo a auga fluía pola superficie de Marte.
Xunto ao Eberswalde hai outro cráter, o Holden, de 140 quilómetros de diámetro e que cando se orixinou proxectou rochas que cubriron gran parte do primeiro.
Un e outro son dous dos catros emprazamentos seleccionados para a aterraxe dunha misión da NASA, o Mars Science Laboratory, que despegará a finais deste ano.
FONTE: El Mundo e ABC
0 comentarios