Blogia
vgomez

GEI PEORES QUE O DIÓXIDO DE CARBONO

GEI PEORES QUE O DIÓXIDO DE CARBONO

Quentamento global do efecto invernadoiro / Imaxe:doslourdes.net

A loita contra o cambio climático non remata no dióxido de carbono (CO2). Institucións como a Axencia Europea do Medio ou diversos investigadores internacionais alertaron sobre o impacto do aumento doutros gases de efecto invernadoiro (GEI) máis potentes que o CO2.

Os gases-F contribuíron en 2010 ao 2% do total de emisións de GEI en termos de CO2 equivalente dos 27 Países Membros, segundo os últimos datos da UE. A Axencia Europea do Medio (AEMA), en colaboración coa Comisión Europea, destacou nun informe o incremento "constante" destes gases dende 1990, a pesar da "F-Gas Regulation", o acordo comunitario que require as industrias europeas que reduzan o seu uso.

O Protocolo de Montreal prohibía en 1975 de forma internacional o uso de gases que reducisen a capa de ozono, como os CFC ou os HCFC. A industria buscou substitutos, como os gases-F, unha familia que comprende os hidrofluorocarbonos (HFC), os perfluorocarbonos (PFC) e o hexafluoruro de xofre (SF6). O Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático de Nacións Unidas (IPCC) considera o SF6, un gas inerte moi empregado como illante na industria da electrónica, o GEI máis poderoso do mundo: posúe unha capacidade de atrapar a calor 22.200 veces maior que o CO2.

A cantidade de CO2 emitido polo transporte ou a industria é tan elevada que o seu impacto final é maior que o metano (CH4), cuxo efecto invernadoiro é 20 veces superior ao do CO2. Non obstante, a preocupación dos científicos polo metano é cada vez maior. Por iso, algúns científicos considérano tanto ou máis perigoso que o CO2. Investigadores da Universidade Aberta de Reino Unido e da Universidade alemá de Colonia sinalaron que o metano foi o responsable do quentamento global de hai uns 180 millóns de anos e que rematou cun gran número de especies. Segundo estes científicos, o fenómeno produciuse a causa de alteracións periódicas na insolación da Terra debidas á forma na que rota. Deste xeito, os océanos quentáronse e desconxelaron as enormes cantidades de hidrato de metano atrapadas no leito mariño, expulsándoo á atmosfera.

Unha das formas nas que se xera o metano é mediante os procesos de dixestión animal. De aí que diversos científicos suxerisen cambiar a dieta do gando vacún, causante dunha cuarta parte das emisións de metano producidas por actividades humanas.

A lista de GEI é extensa e algúns deles son moito máis prexudiciais na súa capacidade de atrapar a calor na atmosfera que o CO2. Para comparar os distintos GEI emprégase o denominado "potencial de quentamento global" (GWP), que ten tamén en conta o número de anos. Ao tomar o CO2 como base, o seu GWP é 1. No caso do metano, o seu GWP en 20 anos é 72: a igualdade de masa na atmosfera, o metano atrapará a calor 72 veces máis que o CO2 nos próximos 20 anos, 25 nos próximos 100 anos e 7,6 nos próximos 500 anos. O GWP do SF6 é 22.800 en 100 anos, pero en 20 anos é 16.300.

En calquera caso, os científicos reclaman maior apoio para investigar os efectos reais destes gases e doutros pouco coñecidos. En 2009, un equipo da Universidade San Diego e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) descubría que o fluoruro de sulfurilo (SO2F2), utilizado como fumigante contra térmites, é un GEI que permanece na atmosfera entre seis a dez veces máis do que se cría ata ese momento. O SO2F2 é capaz de atrapar a calor 4.800 veces máis que o CO2.

FONTE: Revista Consumer

1 comentario

maria -

e moi bo