FRACTURA DUNHA PLACA TECTÓNICA NA TERRA
Localización da fractura da placa tectónica / Imaxe: Xornal El País
O 11 de abril deste ano rexistráronse dous grandes terremotos de magnitude 8.7 e 8.2 no océano Índico, ao sueste de Sumatra. Tremeu a terra dende Australia ata a India e o sueste asiático e morreron dúas persoas e outras oito faleceron por ataques cardíacos. Foron moi poucas vítimas e danos en comparación coa tremenda catástrofe do terremoto de 2004 na rexión, cando o tsunami desencadeado cobrouse miles de vidas. Pero non pasou desapercibido para os científicos: foi un grande acontecemento na historia da Terra, algo excepcional, porque eses sismos debéronse a un proceso de fractura dunha das grandes placas tectónicas (a Indoaustraliana) que forman a codia terrestre.
En realidade, o terremoto de 8.7 respondeu a catro fracturas no interior da placa, tres delas paralelas entre si e unha cuarta perpendicular a elas, formando no seu conxunto unha falla en chanzo. O proceso durou dous minutos e 40 segundos e foi seguido dúas horas despois por outro terremoto de magnitude 8.2. A zona de rotura situouse a uns centenares de quilómetros da costa occidental de Sumatra e en pleno mar. Rompeu o fondo do océano. Os terremotos deron lugar ao que os expertos denominan esgazaduras de placa.
Segundo os investigadores da Universidade de California, Santa Cruz (UCSC), autores dun dos tres artigos sobre este acontecemento xeofísico publicados na revista Nature, "o terremoto do pasado 11 de abril é probablemente o maior terremoto de esgace que se rexistrou con sismógrafos".
A litosfera terrestre, é dicir, os 100 primeiros quilómetros que inclúen a codia e a parte superior do manto, está dividida nunha ducia de grandes placas ríxidas de distintos tamaños e formas que descansan sobre o manto terrestre semifluído. As placas chocan entre si, sepáranse, móntanse unha sobre outra, defórmanse e orixinan cordilleiras, deslízanse nos seus bordos... e as zonas do planeta onde acontecen estes procesos dinámicos nas fronteiras entre placas son especialmente susceptibles de sufrir terremotos e vulcanismo. Cando unha destas grandes pezas da litosfera está a premer sobre outra, vanse acumulando tensións que se liberan provocando grandes sismos.
Dende o punto de vista tectónico, os dous terremotos de abril manifestan un proceso de rotura no interior da placa Indoaustraliana e a creación dun novo bordo de placa no que as partes correspondentes a India e Australia sepáranse entre si.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios