FOI HABITABLE MARTE?
Foi habitable Marte? Boa pregunta. Quen mellor pode contestala é Alberto González Fairén, investigador no Departamento de Astronomía da Universidade Cornell, en Nova York (EUA) e membro dos equipos científicos dos vehículos de exploración planetaria Curiosity e Opportunity. No xornal El País, de hoxe, publica un artigo con este título. Polo seu interese fago a tradución literal do mesmo:
O vehículo Curiosity, explorando o planeta Marte, descubríu que o fondo do cráter Gale, onde se encontra, foi un lugar habitable para organismos do tipo dos que habitamos a Terra nalgún momento durante as primeiras fases da evolución xeolóxica marciana. Naquel tempo, o chan e as rochas de Gale víronse alterados pola presenza de auga en cantidades importantes e, ademais, estas masas acuosas non eran nin excesivamente ácidas nin moi salgadas. Trátase sen dúbida dun descubrimento extraordinario, especialmente para un robot que non leva nin dez meses traballando en Marte.
Pero o relato dos achados de Curiosity adoita ir acompañado co argumento de que o seu predecesor, o rover Opportunity, está a explorar unha rexión marciana hostil para formas vivas similares ás terrestres. Esta afirmación fundaméntase nos propios descubrimentos do Opportunity, que leva máis de nove anos analizando as planicies de Meridiani. O chan e o subsolo de Meridiani tamén foron alterados por auga líquida en tempos remotos, pero neste caso a auga era ácida e salgada, o que serviu para estender a noción de que Meridiani nunca foi habitable. Esta idea incorpórase con frecuencia á narración da viaxe do Curiosity, e serve para suxerir que no Marte primitivo existiron ámbitos habitables e non habitables, resaltando así, por contraposición, a importancia dos descubrimentos no cráter Gale. Pero esta valoración é errónea, e é importante analizar por que o é.
Diversos modelos xeoquímicos axudáronnos a reconstruír as características da auga primitiva de Meridiani a partir das rochas analizadas polo Opportunity, e así temos descuberto que era auga salgada e ácida.
Na Terra coñecemos unha gran cantidade e variedade de masas de auga con elevadas acidez e salinidade, comparables ou mesmo superiores ás que caracterizaban os ámbitos acuosos de Meridiani. Nestes lugares, a vida é abundante e diversa. Podemos fixarnos, por exemplo, nos ambientes ácidos máis extensos da Terra, como os lagos ácidos da rexión do río Yilgarn, en Australia Occidental. Alí, algúns lagos teñen un pH moi baixo, nalgúns casos preto de 1.5. Outro enclave con acidez extrema na Terra constitúeno algunhas das fontes do río Tinto, en Huelva, que chegan a alcanzar un pH de tan só 1. Nas augas do Tinto a biodiversidade é extraordinaria: describíronse máis de mil especies distintas de fungos e un centenar de algas, ademais de protistas e bacterias.
No que se refire a ámbitos salinos, na Terra existen masas de auga estables moi salgadas, como por exemplo o lago Assal, na República de Djibouti, que contén ata un 40% de sales. Outros lagos con máis do 30% de sal na súa composición son o Mar Morto, entre Xordania, Palestina e Israel; ou o Gran Lago Salgado, en Utah, Estados Unidos. Os lagos salgados albergan unha gran riqueza de comunidades de seres vivos, entre outras cousas, pola dispoñibilidade de nutrientes e pola escaseza de predadores.
Estes ámbitos ácidos e salgados están habitados por comunidades densas e diversas, que inclúen diferentes especies de bacterias, arqueas, algas e fungos. Ademais, aínda non sabemos se a vida na Terra se orixinou precisamente en lugares con elevadas acidez e/ou salinidade, ou en ámbitos menos extremos. Ambos os dous escenarios foron considerados en diferentes hipóteses. É evidente que, no primeiro suposto, carece de sentido poñer en dúbida a habitabilidade de Meridiani no pasado.
Non parece que a mellor estratexia no intento de destacar as enormes posibilidades que ofrecía o cráter Gale para o establecemento de comunidades biolóxicas no pasado sexa precisamente menosprezar a importancia astrobiológica de Meridiani.
As dúas rexións son esenciais para que poidamos reconstruír a evolución de Marte, xustamente porque se trata de dous ámbitos habitables que ofreceron condicións favorables para a vida en momentos e lugares moi distantes durante a temperá historia xeolóxica do planeta. Ademais, as diferenzas entre ambas as dúas rexións permiten aventurar que, en conxunto, tivesen podido acoller unha gran variedade de formas vivas semellantes ás terrestres, de xeito similar a como distintos organismos habitan ámbitos extraordinariamente diferentes na Terra. É innecesario recorrer a argumentos competitivos cando comentamos os descubrimentos dos nosos vehículos en Marte: só temos dous.
0 comentarios