A TEORÍA DO BIG BANG SEGUE VIXENTE
Os astrónomos estudaron a composición de litio nas vellas estrelas / Imaxe:Karin Lind, Davide De Martin
Segundo a teoría clásica, o Universo en que vivimos comezou hai uns 13.800 millóns de anos co Big Bang, unha grande explosión da que, ademais da propia materia, xurdiron tamén as leis físicas que a rexen, incluídos o espazo e o tempo. Non todos os científicos están de acordo con esta hipótese, aínda que é sen dúbida a máis aceptada. Agora, un equipo internacional de científicos veu a reforzala. A través do telescopio de 10 metros do Observatorio Keck no cume do Mauna Kea, Hawaii, un dos máis potentes da Terra, descubriu que os momentos xusto despois do grande estalido aconteceron tal como predí a teoría. O achado, descrito na revista Astronomy & Astrophysic, elimina unha discrepancia importante que preocupou os físicos durante dúas décadas.
Un dos problemas máis importantes da física e a astronomía era a inconsistencia entre os isótopos de litio previamente observados nas estrelas máis vellas da nosa galaxia, que suxería niveis unhas 200 veces maiores de litio-6 e entre tres e cinco veces menos de litio-7 do que predí a teoría do Big Bang. É dicir, a cantidade dos «ingredientes» cósmicos non coincidía.
O equipo, dirixido por Karin Lind, da Universidade de Cambridge, demostrou que estes datos eran erróneos. As análises empregaban varias simplificacións que daban lugar a falsas deteccións de isótopos de litio. Utilizando observacións de estrelas antigas co telescopio de 10 metros do Keck, os astrónomos confirmaron que non hai ningún conflito entre o seu contido en litio 6 e 7 e as predicións da teoría estándar, restaurando así a orde na nosa teoría dos inicios do Universo.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios