O GRAN OCÉANO DE MARTE: NOVAS EVIDENCIAS
Á esquerda, a área Aeolis Dorsa (Marte); á dereita, o delta Selenga (Rusia) / Xornal abc.es
Os investigadores encontraron en Marte indicios dun antigo delta dun río que podería ter vertido as súas augas a un grande océano. De ter existido, tería cuberto gran parte do norte do planeta.
"Os científicos teñen a hipótese dende hai tempo de que as terras baixas do norte de Marte son en realidade o fondo do mar desecado, pero ninguén encontrou a arma fumegante", explica Mike Lamb, profesor de Xeoloxía no Instituto de Tecnoloxía de California (Caltech), institución que xunto á NASA impulsou a investigación.
Os resultados non proban a existencia dun antigo océano, pero achegan información que avalaría esta hipótese. É o que sostén Romano DiBiase, autor principal do estudo publicado no Journal of Geophysical Research. A maior parte do hemisferio norte de Marte é plana e cunha elevación menor que o hemisferio sur, algo similar ao que sucede nas concas oceánicas da Terra. A costa do océano tería sido a fronteira entre as terras baixas e as terras altas.
Os investigadores usaron novas imaxes en alta resolución da Mars Reconnaissance Orbiter (MRO) para analizar unha zona de 100 quilómetros cadrados que se atopa na posible antiga costa. Imaxes previas demostraran que esta rexión, parte dunha área máis grande chamada Aeolis Dorsa, está chea de canles invertidas que marcan os lugares de antigos leitos de ríos. Estas canles fórmanse cando os materiais pesados como a grava e os seixos se depositan ao fondo. Cando o río se seca, o material máis fino erosiónase e deixa ao descuberto o material máis groso.
Vistos dende arriba, as canles invertidas parecen un abano, configuración que suxire tres posibles orixes: as canles poderían ter sido un sistema de drenaxe dos ríos e regueiros que se xuntaban nun río máis grande; a auga podería ter fluído noutra dirección ata crear un abano aluvial; ou as canles son en realidade parte dun delta.
Para valorar o escenario máis probable, os investigadores recorreron a imaxes de satélite tomadas pola cámara HiRISE da MRO. O equipo foi capaz de determinar as pendentes das canles cando a auga seguía correndo a través deles. As medicións revelaron que a auga se estendía cara a fóra, é dicir, que as canles eran parte dun delta.
FONTE: Xornal abc/Ciencia
0 comentarios