COMETA ISON
O cometa Ison fotografado polo Hubble / Imaxe: NASA
En realidade, ninguén sabe se o cometa ISON , descuberto fai agora un ano por científicos rusos, converterase en decembro nun dos máis espectaculares da historia, tan brillante como a Lúa chea e mesmo visible en pleno día se se confirman as mellores previsións, ou será en cambio un completo fracaso. Aos astrónomos non lles queda máis remedio que seguir a súa traxectoria e esperar. De momento, vai por bo camiño. As predicións máis pesimistas sinalaban que Ison xa corría grave perigo de desintegrase na súa actual fase de achegamento ao Sol, pero o telescopio espacial Hubble da NASA obtivo unha nova imaxe do cometa na que o seu núcleo xeado permanece intacto.
Na imaxe, o núcleo sólido do cometa segue dunha soa peza. Se se tivese desintegrado, probablemente o Hubble tería detectado a evidencia de múltiples fragmentos. Por outra parte, a coma que rodea o núcleo é “simétrica e suave”, segundo indica o Instituto de Ciencia do Telescopio Espacial en Baltimore, Maryland (EUA). Probablemente, este non sería o caso se as agrupacións de pequenos fragmentos voasen ao seu arredor. Ademais, un chorro de po que apareceu por primeira vez nas imaxes do Hubble tomadas o pasado mes de abril xa non é visible e púidose desactivar.
Cando foi fotografado, o cometa, procedente da Nube de Oort, un depósito de rochas conxeladas situado a miles de millóns de quilómetros do Sol, estaba dentro da órbita de Marte e a 284 millóns de km da Terra. Fará a súa máxima aproximación ao Sol o 28 de novembro: pasará a 1.100 millóns de km a unha velocidade de 425.000 km/h. Ese será o momento clave, no que seguramente sairemos de dúbidas de que tipo de rocha nos espera. Entón producirase o maior estalido de actividade na súa superficie. Se o cometa non se disolve ou fragmenta verase enormemente brillante.
E se é que sobrevive, os expertos esperan que a rocha faga o seu máximo achegamento ao noso planeta o 26 de decembro, a unha distancia duns 64 millóns de quilómetros. Ison podería converterse no “cometa do século” e eclipsar a todos os demais cometas brillantes que vimos no pasado, pero iso aínda está por verse.
Sería un bonito regalo de Nadal!
0 comentarios