O DELFÍN CLIMENE: O RESULTADO DUNHA HIBRIDACIÓN NATURAL
Delfín Climene (Stenella clymene) / PLoS ONE
A hibridación natural, é dicir o resultado do cruzamento entre individuos de especies diferentes, é un proceso común en plantas, peixes e mesmo aves pero moi pouco habitual en mamíferos.
Un estudo xenético publicado esta semana na prestixiosa revista PLoS ONE mostra, en cambio, un dos primeiros casos documentados de hibridación natural en cetáceos. O traballo encabezado por expertos do Museo Americano de Historia Natural, Wildlife Conservation Society, Instituto Sakler de Xenómica Comparada e Universidade de Lisboa indica que o pequeno delfín Climene (Stenella clymene), tamén coñecido como delfín acróbata pola súa habilidade nos saltos, é o resultado dunha hibridación natural do delfín listado (Stenella coeruleoalba) e o delfín xirador ou acróbata de fociño longo (Stenella longirostris).
O resultado deste cruzamento é unha especie que, entre outras características, herdou a habilidade para saltar sobre a auga dun dos seus proxenitores (non se sabe con certeza, pero posiblemente sexa o pai) e o fociño curto do outro proxenitor (posiblemente a nai sexa da especie do delfín listado).
A clasificación do delfín Clímene supuxo un desafío para os taxonomistas, que inicialmente consideraron que era unha subespecie do delfín Stenella longirostris. En 1981, as análises morfolóxicas exhaustivas estableceron que se trataba dunha especie distinta mentres que os datos xenéticos aclararon agora que a orixe do delfín Clímene é unha mestura directa de dúas espécies moito máis coñecidas e estendidas polo Atlántico.
Como base na investigación, os autores examinaron o ADN nuclear e mitocondrial de mostras de pel obtidas a partir dos dous delfíns en liberdade por medio de dardos de biopsia e delfíns falecidos obtidos a través de eventos de varamento. Usando mostras de 72 delfíns individuais, os investigadores ampliaron un marcador de ADN mitocondrial e seis marcadores de ADN nuclear como medio para analizar a evolución da relación entre o delfín listado e os seus parentes máis próximos.
O equipo descubriu que mentres que o xenoma mitocondrial do delfín Clímene se parecía máis ao delfín listado, o xenoma nuclear revelou unha relación máis estreita co delfín xirador.
FONTE: Joaquim Elcacho /Xornal La Vanguardia/Natural
0 comentarios