CERES CONTÉN ABUNDANTE AUGA
Recreación artística do vapor de auga expulsado por Ceres / IMCCE-Observatoire de Paris / CNRS / Y.Gominet, B. Carry
Está confirmado: Ceres contén auga en abundancia. A rocha de preto de 1.000 km de diámetro que é a maior de todo o cinto de asteroides e que dende 2006 pasou a considerarse como un planeta anano, expulsa ao espazo ata 6 quilos de vapor por segundo. Os científicos xa sospeitaban dende hai 30 anos que a auga podía ser un compoñente fundamental de Ceres, pero esta é a primeira vez que puideron observar directamente como estas moléculas fundamentais para a vida escapan dende dúas rexións do corpo celeste. Lográrono investigadores da Axencia Espacial Europea (ESA) e a Universidade de Florida Central (Orlando, EUA) coa axuda do telescopio Herschel da axencia europea. Os seus resultados, publicados na revista Nature, serán de grande utilidade para o estudo do asteroide por parte da sonda Dawn da NASA, que lle dará alcance na primavera de 2015. Ademais, tamén pode axudar a entender a orixe da vida na Terra e a evolución dos planetas.
As peculiaridades de Ceres e o seu compañeiro Vesta resultan intrigantes. Os dous protoplanetas, pequenos mundo que quedaron no camiño de parecerse á Terra ou a Marte, están situados moi preto e, non obstante, son moi diferentes. Mentres Vesta é convulso, experimenta unha calor extrema e erupcións volcánicas, Ceres non alcanza temperaturas suficientemente altas como para fundir as rochas.
A razón, precisamente, pode ter que ver coa auga. Os autores da investigación cren que a fonte de vapor de auga observada en Ceres se debe a un proceso de disipación da calor que imposibilita que as rochas se fundan. O vapor de auga, posiblemente proveniente do xeo derretido baixo a superficie flúe cara a arriba e evapórase no espazo. Durante a formación de Ceres hai aproximadamente 4.600 millóns de anos, a sublimación da auga xeada podería ter disipado a calor no espazo. Isto tería evitado que Ceres remate como Vesta.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios