NOVA ESPECIE DE ESCARAVELLO CAVERNÍCOLA
Ilustración do Duvalius abyssimus / Sinc - José Antonio Peñas
Os escaravellos das covas son unha das especies máis icónicas dos hábitats subterráneos. Historicamente, foron os primeiros seres vivos descritos pola ciencia que están adaptados ás condicións de vida hipogea ou subterránea.
Agora, unha científica portuguesa e un español encontraron unha nova especie de escaravello na sima máis profunda coñecida polo home, de 2.140 metros. Trátase da cova de Kruber, situada no macizo de Arábica, no Cáucaso Occidental.
Ana Sofia Reboleira, investigadora das universidades de Aveiro e La Laguna; e Vicente M. Ortuño, da Universidade de Alcalá, publicaron o seu achado na revista Zootaxa.
A nova especie de escaravello cavernícola chámase Duvalius abyssimus, dispoñendo só de dous exemplares, un macho e unha femia. O xénero Duvalius é un colonizador exitoso das profundidades terrestres. A maioría das especies teñen un estilo de vida hipoxeo e viven en covas ou no medio subterráneo superficial.
A rexión do macizo de Arábica en Abjasia, onde se acha esta cova, é unha área moi interesante dende o punto de vista bioxeográfico. Con altitudes que oscilan entre os 1.900 e 2.500 metros, componse de pedra calcaria do Xurásico Cretácico inferior e superior. A súa grande extensión proporcionou unha morea de refuxios subterráneos á fauna. De feito, no Cáucaso occidental viven varios xéneros de escaravellos cavernícolas endémicos.
A entrada á sima está a 2.240 metros sobre o nivel do mar e a 15 quilómetros do Mar Negro. Baixo numerosos tramos de desenvolvemento vertical, alcanza unha profundidade de 1.400 metros. A partir desta cota, bifúrcase en ramais e é necesario superar varios sifóns con técnicas de mergullo para chegar á máxima profundidade coñecida.
"O descubrimento do novo escaravello achega importantes datos sobre as especies que coexisten nestes ecosistemas tan descoñecidos, máis aínda cando se achan nunha área xeográfica de moi difícil acceso, como é o caso desta cova", manifestan os investigadores.
FONTE: agenciasinc.es
0 comentarios