RESOLTO O MISTERIO DA FORMA DE LIMÓN DA LÚA
Vista xeral da Lúa / OPOTERSER
Un grupo de cientíicos da Universidade de California Santa Cruz, en Estados Unidos, parece ter resolto o misterio da forma de limón da Lúa. Lonxe de ser unha esfera perfecta, o satélite terrestre está lixeiramente achatado e posúe unha protuberancia a un lado. Desvelar a orixe desta morfoloxía lunar é importante para comprender os procesos xeolóxicos que aconteceron na Lúa despois da súa formación tras o impacto dun asteroide sobre a Terra aínda en formación.
Un estudo recén publicado na revista Nature mostra que a maior parte da forma xeral da Lúa pódese explicar tendo en conta os efectos dunha marea que actuaron na historia temperá da Lúa.
Os resultados proporcionan unha visión da historia da nova Lúa, a súa evolución orbital e a súa orientación actual no ceo. A medida que a Lúa se arrefriou e solidificou hai máis de catro mil millóns de anos, os efectos de esculpido das forzas da marea e a rotación conxeláronse. A idea dunha protuberancia conxelada da marea rotacional, coñecida como a hipótese da "protuberancia fósil", foi descrita por primeira vez en 1898.
Pero este proceso de protuberancias fósiles non pode explicar por completo a forma actual da Lúa. No novo estudo, incorpóranse outros efectos das mareas na súa análise e tiveron en conta as concas que deron forma á topografía da Lúa, ademais de considerar o campo gravitatorio da lúa xunto á súa topografía.
Os esforzos por analizar a forma xeral da Lúa complicáronse polas grandes concas e os cráteres creados por impactos de grande alcance que deforman a codia lunar e expulsan moitas cantidades de material.
Os resultados indican que as variacións no espesor da codia da Lúa causadas polo quentamento da marea durante a súa formación explican a maior parte da topografía a grande escala da Lúa, mentres que o resto está en consonancia cunha protuberancia pola marea de rotación conxelada que se formou máis tarde.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios