UNHA NOVA ESPECIE DE RÉPTILES VOADORES: CAIUAJARA DOBRUSKII
Reconstrución das tres etapas de crecemento do Caiuajara dobruskii / MAURILIO OLIVEIRA / MUSEO NACIONAL-UFRJ
O achado de fósiles pertencentes a medio centenar de réptiles voadores no sur de Brasil engade ás enciclopedias unha nova especie, bautizada como Caiuajara dobruskii, que viviu durante o período Cretácico.
Un equipo da Universidade de Contestado (Brasil) descubriron os restos procedentes de 47 réptiles alados nun leito óseo de pterosaurio. O estudo, publicado na revista Plos One explica que os ósos pertencían a individuos de diferentes idades, con ás que comprendían dende os 65 centímetros ata os 2 metros, o que permitirá aos científicos analizar como maduran estes réptiles. O equipo puido determinar que se trataba dunha nova especie de pterosaurio despois da análise inicial, converténdose no caso máis meridional coñecido neste clado (grupo biolóxico).
As características distintivas desta nova especie están principalmente na súa cabeza, pois presentan unha expansión ósea en forma de crista que sobresae da grande abertura do cranio entre os ollos, ademais de posuír depresións redondeadas na superficie exterior da mandíbula.
En canto á evolución cara á madureza, exemplares novos e adultos variaron principalmente no tamaño e no ángulo da crista ósea na parte superior da cabeza, que parecía ser pequena e inclinada para os mozos e grande e empinada nos adultos.
Segundo os autores, a análise dos ósos achados suxire que tratábase dunha especie de carácter social, que vivía en colonias e puido ser capaz de voar a unha idade moi temperá.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios