Blogia
vgomez

OS KOBs DO CINTURÓN DE KUIPER

OS KOBs DO CINTURÓN DE KUIPER

Recreación artística dun obxecto do cinturón de Kuiper / NASA, ESA, and G. Bacon (STScI)

 

Escudriñando as escuras e afastadas fronteiras do noso Sistema Solar, o telescopio espacial Hubble descubriu tres novos obxectos no cinto de Kuiper (KBOs) que poderían ser visitados pola sonda New Horizons unha vez rematada a súa misión en Plutón, ao que chegará o próximo mes de xullo.

Os KBOs foron detectados durante un programa especialmente deseñado polo equipo que opera a New Horizons para buscar obxectivos alcanzables pola sonda unha vez esta remate a súa misión principal.

O cinto de Kuiper é un vasto anel de residuos do material orixinal a partir do cal se formou o Sistema Solar. O anel rodea por completo o noso sistema planetario, e os obxectos que o compoñen, os KBOs, pertencen a unha clase única e que nunca foi visitada ou estudada por misión espacial ningunha. De feito, ese material orixinal contén valiosas pistas sobre o nacemento dos planetas que nos acompañan arredor do Sol.

Os KBOs encontrados co Hubble son unhas dez veces máis grandes que un cometa típico, pero apenas alcanzan entre o un e o dous por cento do tamaño de Plutón. A diferenza dos asteroides, os KBOs non reciben calor do Sol e son, polo tanto, auténticas mostras conxeladas e intactas do que foi o Sistema Solar cando empezou a formarse hai uns 4.600 millóns de anos. En concreto, os tres KBOs achados polo Hubble poderían ser, segundo os datos dispoñibles, os "ladrillos" a partir dos cales se formaron os planetas ananos como Plutón.

O equipo de New Horizons empezou a buscar obxectos accesibles no cinto de Kuiper en 2011, usando algúns dos maiores telescopios terrestres, e acharon varias ducias de KBOs, aínda que ningún deles estaba ao alcance das escasas reservas de combustible da sonda unha vez rematada a súa misión en Plutón.

A finais de setembro, os investigadores lograron identificar un KBO "definitivamente accesible" e outros dous que podrecían selo tamén, aínda que se necesita seguir as súas órbitas durante algúns meses antes de estar completamente seguro de que poden ser alcanzados pola New Horizons.

Os KBOs son extremadamente difíciles de localizar, xa que son pequenos, non brillan e resultan case imposibles de ver sobre o fondo estrelado da constelación de Saxitario, que actualmente está na mesma dirección que Plutón. Os tres KBOs encóntranse a uns 1.500 millóns de km máis alá de Plutón. Dous deles teñen uns 55 km de ancho e o terceiro, máis pequeno, mide uns 25 km.

A New Horizons, lanzada en 2006, é a primeira misión espacial que visitará Plutón. Cando cumpra o seu obxectivo principal, a NASA intentará aproveitar a nave para levar a cabo outras investigacións. Calcúlase que a finais de 2016, a nave poderá dedicarse ao estudo dos KBOs. Para entón, terá percorrido unha distancia de 6.500 millóns de km dende a Terra.

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios