DOUS MAMÍFEROS DE HAI 160 MILLÓNS DE ANOS: O AGILODOCODON E O DOCOFOSSOR
O Agilodocodon, un antigo mamífero arborícola, e o Docofossor, similar a unha toupa dourada africana/ APRIL I. NEANDER, THE UNIVERSITY OF CHICAGO
Cando observamos a gran familia de mamíferos modernos, na que nos incluímos como especie, non pode deixar de sorprendernos a gran diversidade dos membros que a forman. Dende a musaraña etrusca, de tan só dous gramos, ata a balea azul, de case 200 toneladas, o zoolóxico é amplísimo en tamaños, formas e hábitos de vida. Aínda que se cre que non sempre houbo tanta variedade, o achado duns fósiles recentemente descubertos en China suxire que os mamíferos tamén tiveron as súas oportunidades hai máis de 160 millóns de anos, durante o reinado dos dinosauros do Mesozoico.
Os científicos da Universidade de Chicago e o Museo de Historia Natural de Beijing acharon os restos de dúas especies primitivas, ambas as dúas diminutas, do tamaño dunha musaraña, pero moi distintas entre si. O Agilodocodon scansorius é unha delas, o mamífero arborícola máis antigo que se coñece, con poutas para escalar e dentes adaptados para conseguir o zume das árbores. A segunda é o Docofossor brachydactylus, á súa vez o mamífero subterráneo máis antigo, similar á toupa dourada de África e con patas con forma de pa.
O Agilodocodon, que viviu hai uns 165 millóns de anos, tiña poutas curvas e duras, e as proporcións das extremidades típicas dos mamíferos que viven nas árbores ou arbustos. Estaba adaptado para alimentarse do zume das árbores, cos dentes dianteiros de pa para roer a codia. Esta adaptación é similar aos dentes dalgúns monos modernos do Novo Mundo, e é a evidencia máis antiga coñecida dese tipo de alimentación nos en mamaliaformes (mamíferos primitivos). O Agilodocodon tamén posuía uns cóbados flexibles e ben desenvolvidos, e articulacións no boneco e o nocello que lle permitían unha mobilidade moito maior, todas características dos mamíferos afeitos a trepar.
O Docofossor, que viviu hai uns 160 millóns de anos, tiña unha estrutura e un corpo con proporcións moi similares á toupa dourada de África. Tiña os dedos de pa para cavar, e molares superiores curtos e anchos típicos dos mamíferos que se alimentan baixo terra. Reducira os segmentos óseos nos seus dedos, o que leva a un díxito máis curto pero ancho. As toupas douradas africanas posúen case a mesma adaptación, que proporciona unha vantaxe evolutiva para a escavación. Esta característica débese á fusión dos ósos das articulacións durante o desenvolvemento, un proceso influenciado polos xenes BMP e GDF-5. Debido ás moitas similitudes anatómicas, os investigadores formulan a hipótese de que este mecanismo xenético puido xogar un papel comparable ao principio da evolución dos mamíferos.
Para os científicos, estes animais e outros como o Castorocauda, un nadador comedor de peixes descrito en 2006 polos mesmos investigadores, suxiren que os mamíferos ancestrais souberon adaptarse ao seu ámbito e encontrar o seu oco a pesar da competencia dos dinosauros.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios