Blogia
vgomez

RAEE: RESIDUOS DE APARATOS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS

RAEE: RESIDUOS DE APARATOS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS

Residuos de aparactos electrónicos e eléctricos / Imaxe:eis.uva.es

O Goberno aprobou un Real Decreto sobre Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) que inclúe novas medidas para mellorar a súa recollida e xestión. Nós, s consumidores, teremos máis facilidades para reciclar estes aparatos, que poden ocasionar un grave impacto no medio e a saúde, se non se tratan de xeito axeitado.

Unha das principais novidades da nova norma é que as tendas de aparatos eléctricos e electrónicos deberán aceptar gratis, e sen necesidade de comprar outro a cambio, os xa usados polos consumidores. Agora ben, só estarán obrigados a recoller os aparatos moi pequenos "de ata 25 centímetros" (teléfonos móbiles, transistores, etc.) e se dispoñen dun local de máis de 400 metros cadrados.

No resto dos casos, poderemos seguir depositando os RAEE nos Puntos Limpos. Ecolec, a fundación dos fabricantes e importadores de grandes e pequenos electrodomésticos é a encargada de xestionar os seus residuos. Ao mercar un electrodoméstico novo, os responsables do establecemento deben facerse cargo do antigo de forma gratuíta.

A cantidade de RAEE non para de aumentar. A Iniciativa para resolver o problema dos refugallos electrónicos (STEP), composta por Nacións Unidas, a industria, gobernos, ONG e asociacións científicas, publicaba en 2013 un informe no que aseguraba que se produciron case 48,9 millóns de toneladas no mundo, unha media de sete quilos por cada un de 7.000 millóns de habitantes da Terra.

Ademais da gran cantidade de residuos xerados, un dos seus principais problemas é que son moi contaminantes. Moitos deles conteñen substancias tóxicas como fósforo, mercurio, cadmio ou bromo que, sen unha axeitada xestión, provocan danos graves ao medio e a saúde. Por exemplo, o fósforo dun televisor pode contaminar ata 80.000 litros de auga, mentres que un frigorífico mal reciclado emite á atmosfera gases de efecto invernadoiro (implicados no cambio climático) equivalentes ás emisións dun coche en 15.000 quilómetros, segundo datos de Ecolec.

A reciclaxe, ademais de evitar o devandito impacto, recupera materiais valiosos (cobre, ouro, prata ou aluminio), aforra diñeiro e recursos naturais e xera postos de traballo.

FONTE: Revista Consumer

0 comentarios