Blogia
vgomez

OITO CONSELLOS PARA VIVIR CON MENOS PLÁSTICO

OITO CONSELLOS PARA VIVIR CON MENOS PLÁSTICO

Plástico / Imaxe: alterativaregonal.com

O plástico é un material con multitude de aplicacións na vida cotiá, pero ao abusar del nas últimas décadas estase a producir un grave impacto no medio, a saúde e a economía en todo o planeta. Sen impoñerse prohibicións absolutas, os consumidores podemos facer fronte a este problema con diversas medidas sinxelas que logren evitalo ou polo menos reducir o seu emprego indiscriminado:

1. Concienciar(se) polo impacto do plástico

Concienciarse e concienciar aos demais sobre as consecuencias negativas do uso excesivo do plástico é o primeiro paso para tomar unha actitude activa. En España hai medio século cada cidadán consumía uns 300 gramos anuais de plástico; na actualidade, 115 quilos. Ao utilizalos de forma masiva contribúese a graves impactos para o medio ou a saúde: cambio climático, saturación de vertedoiros, contaminación, en especial nos ecosistemas mariños, onde morren millóns de seres vivos, diversas enfermidades causadas por algúns de tipo tóxico, etc. 

2. Evitar os plásticos comúns máis nocivos

No mercado pódense encontrar multitude de produtos e materiais plásticos, como demostran os símbolos para identificalos do 1 ao 7 rodeados de tres frechas formando un triángulo. De entre todos eles convén evitar os que peores consecuencias teñen para o medio e a saúde: o cloruro de polivinilo (PVC # 3), o poliestireno (PS # 6) e o policarbonato (Outros # 7).

3. Rexeitar as bolsas de plástico de usar e tirar

O impacto ambiental das bolsas de plástico de usar e tirar é enorme. A súa vida útil é duns 12 minutos, pero poden tardar séculos en degradarse. A gran maioría remata desbotada sen control, contaminando dende as cidades aos ecosistemas naturais. No mar o seu impacto pode ser letal para animais como tartarugas, baleas ou delfíns, que morren tras inxerilas. O consumidor pode crear o hábito de empregar bolsas reutilizables cando vai de compras ou levalas no coche para cando as necesite. Os tamaños e materiais son moi diversos para que duren o máis posible e cumpran a súa función.

4. Non tomar auga embotellada

O consumo de auga embotellada medrou de xeito espectacular nos últimos anos, provocando diversos impactos ambientais e un gasto innecesario nun país como España, onde a subministración pública garante auga potable de calidade. Os cidadáns poden usar botellas reutilizables de diversos materiais, como vidro ou aceiro inoxidable, ou pedir nos establecementos de hostalaría un vaso ou unha xerra de auga da billa xunto á consumición.


5. Utilizar produtos doutros materiais

Antes do plástico todos os produtos de uso común se facían doutros materiais. Agora, tamén: vasos, tarteras, botellas, utensilios de cociña, cubertos e un longo etcétera pódense encontrar feitos en metal, madeira ou outros materiais capaces de darlles unha maior vida útil e un menor impacto ambiental. A roupa merece especial atención, xa que se poden evitar no posible os materiais sintéticos e substituílos por outros naturais (sempre que estean elaborados de forma sostible).

6. Comprar a granel e fuxir do excesivo empaquetado

A froita xa ten a súa pel como protector natural. É imprescindible comprar unha mazá forrada en filme transparente e cunha bandexa de plástico? Para evitar este sobre envasado, e de paso aforrar diñeiro, os cidadáns poden comprar a granel todo tipo de produtos. Para iso pódese levar o seu propio envase e explicar a quen poña pexas as vantaxes desta práctica.

7. Reutilizar os produtos plásticos

Os produtos plásticos máis duradeiros poden reutilizarse para ampliar así a súa vida útil o máximo posible. Coidalos, reparalos en caso de que se estraguen ou cambiar algunha das súas partes para que estean operativos, regalalos a amigos e familiares, se non se usarán máis, ou doalos, vendelos ou adquirilos nalgunha rede de intercambio e compravenda de economía colaboradora son algunhas posibilidades. Os máis manitas mesmo poden empregar produtos plásticos usados para facer orixinais manualidades ecolóxicas.

8. Adquirir produtos sen plástico

Algúns produtos alternativos son doados de encontrar, pero outros non tanto. Algunhas das persoas que fixeron da redución do emprego do plástico un sinal de identidade ("plasticarianos") crearon tendas en Internet onde se venden centos de produtos sen plástico de todo tipo. A parella canadense Chantal Plamondon e Jay Sinha teñen en marcha dende 2006 ’Life Without Plastic’ (Vida sen plástico), mentres que en España Javi Terrón, Marion de La Porte e Javier Barrios creaban en 2014 ’Sinplástico’.

FONTE: Revista Consumer

0 comentarios