AUGA LÍQUIDA EN MARTE, DURANTE A NOITE
Mastro e cuberta do rover Curiosity, onde se atopan os sensores do instrumento REMS / NASA, JPL-CALTECH, MSSS
Un equipo de investigadores liderados polo español Javier Martín-Torres (Instituto Andaluz de Ciencias da Terra) acaba de demostrar que a auga líquida pode seguir existindo en Marte, polo menos durante a noite e na súa zona ecuatorial. O traballo acaba de publicarse en “Nature Geoscience”.
Martín-Torres chegou a esta conclusión tras analizar os datos da humidade e a temperatura atmosférica do planeta durante un ano marciano completo (equivalente a máis de dous anos terrestres).
Ises datos proceden dun dos instrumentos do rover Curiosity, REMS (Rover Environmental Monitoring Station), unha estación meteorolóxica deseñada en España por investigadores do CSIC e integrada no vehículo da NASA, que dende hai anos explora o cráter Gale, no ecuador marciano. Nese tempo, o vehículo robótico percorreu máis de 9 km no interior do cráter.
Segundo a investigación, nos 5 primeiros centímetros do chan do cráter danse as condicións ambientais necesarias para que exista auga líquida salgada (salmoira) durante a noite. Pouco despois da alba e a medida que as temperaturas aumentan, as salmoiras sécanse, pero cando volve caer a noite os sales presentes no chan (percloratos), volven absorber o vapor de auga da atmosfera. Os resultados suxiren, pois, un activo intercambio de auga entre a atmosfera marciana e a superficie de Marte.
A investigación afirma que ”A presenza de auga líquida é un feito extremadamente relevante, xa que é un dos requisitos esenciais para que exista vida tal e como a coñecemos. Durante as horas nas que é posible a existencia de auga líquida, non obstante, as temperaturas en Gale son demasiado baixas para o metabolismo e a reprodución celular tal e como se dá actualmente na Terra, pero a posibilidade de que exista auga líquida en Marte ten implicacións enormes para a habitabilidade de todo o planeta, para a súa futura exploración, e para todos os procesos xeolóxicos que estean relacionados coa auga”.
O cráter Gale, no ecuador de Marte, é unha das zonas máis quentes e secas do Planeta Vermello. Por iso, os autores do estudo cren que se se encontrou salmoira nunha zona onde as temperaturas favorecen a sequidade, esta podería existir tamén no resto da superficie.
Ao afondar no terreo máis alá dos 5 cm. a auga pode permanecer tamén durante o día, aínda que en forma de xeo.
O traballo tamén ofrece unha posible explicación aos desprendementos de material que se observaron por todo o planeta. Estes desprendementos suceden de forma estacional, nos períodos máis cálidos, nas abas de moitos montes de Marte. E segundo os investigadores estas derrubas poderían estar causadas polos cambios de estado das salmoiras presentes nos materiais do chan.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios