I + D DA FÓRMULA 1 Á VIDA DIARIA
Os freos de disco foron unha das primeiras innovacións tecnolóxicas que pasaron da Fórmula 1 aos utilitarios. Despois fixérono os metais lixeiros como o aluminio ou os cambios de marcha a través de mandos no volante. Centos de obxectos da nosa vida diaria beneficiáronse dos avances en coches de alta competición.
A fibra de carbono, un dos materiais cos que se constrúe a carrocería dos bólidos, é o elemento clave no que Mike Spindle, ex enxeñeiro de Fórmula 1, baseou a súa revolucionaria cadeira de rodas todoterreo. No ano 2000 decidiu aplicar esa tecnoloxía de última xeración nalgún obxecto da vida cotidiana. Xunto ao seu equipo púxose en marcha para descubrir de que xeito podía mellorar o deseño da cadeira tradicional. Encontraron a solución na fibra de carbono. Con este material sintético facíase posible a fabricación dun asento monopieza resistente e lixeiro, doado de ensamblar co resto do equipo. A diferenza das cadeiras correntes, a de Trekinetic conta cunha pequena roda traseira e dous grandes por diante lixeiramente inclinadas. Un sistema de pancas nas rodas dianteiras permite controlar a velocidade no descenso. O asento reclínase cara a atrás para evitar a sensación de esvararse fóra del.
Esta cadeira todoterreo facilitou a mobilidade a Mikel Bidaurre, navarro de 30 anos e campión de España de Vela, tanto na cidade coma en plena naturaleza. En 2008 sufriu un accidente de circulación mentres participaba no Gran Premio Miguel Induráin. Dende entón necesita unha cadeira de rodas para trasladarse. Unha desvantaxe que non lle impediu esquiar, mergullarse ou lanzarse en parapente.
A cadeira de Trekinetic non é a única invención que se vale dos avances en tecnoloxía da Fórmula 1. Novas incubadoras móbiles para bebés máis lixeiras ou amortecedores hidráulicos para limitar o rebote en superficies irregulares son outras das contribucións que a categoría reina do automobilismo fixo ao mundo.
FONTE: Xornal El País/Motor
0 comentarios