HOMO NALEDI
Onte publicáronse os datos máis completos dunha escavación, realizada na cova Rising Star, a uns 50 quilómetros de Johannesburgo (Sudáfrica). Os resultados destapan a existencia dunha sima con máis de 1.500 fósiles humanos entre os que hai polo menos 15 individuos. Os autores aseguran que son unha nova especie dentro do noso xénero, que bautizaron como Homo naledi. Naledi quere dicir estrela en sesotho, unha lingua local.
Os descubridores cren que aqueles homínidos foron depositados alí polos seus congéneres, o que supoñería un inesperado comportamento funerario nunca observado en humanos tan primitvos. Todos os restos coñécense grazas ao traballo dun equipo integramente feminino que foi capaz de coarse na estreita cámara durante dúas expedicións. O conxunto é o xacemento de fósiles humanos concentrados nun só lugar máis grande de todo África e un dos maiores do mundo, segundo os seus descubridores.
Probablemente o máis apaixonante do achado son as preguntas que deixa sen responder. Os descubridores din non conseguir datar os fósiles nin saben como chegaron ata alí todos eses cadáveres. Para chegar ata a cámara na que se acharon hai que percorrer uns 80 metros de cova, subir unha parede e escurrirse por unha greta que os investigadores comparan coa boca dunha caixa de correos, chanceando só a medias. Esta ruta, totalmente en tebras, é a única que existe hoxe e, segundo os estudos xeolóxicos, a única que existía cando se depositaron os cadáveres. Polo tamaño dos ósos, estes inclúen infantes, nenos, adolescentes, adultos e anciáns. Ningún ten marcas de traumatismo por unha posible caída á fosa, nin tampouco signos de ser devorados por un animal ou pola súa propia especie, como si sucede no único xacemento comparable: a Sima dos Ósos en Atapuerca (Burgos). Apenas hai rastros de ningún outro animal excepto uns poucos paxaros e ratos. Na cova non hai marcas de crecidas de auga intensas que poderían arrastrar ata alí os restos. Ademais aparecen partes dos corpos en perfecta articulación. Con todos estes datos na man, a única hipótese que queda en pé é a de que alguén os deixou aí en varios momentos no tempo, din os autores do estudo. Un ritual funerario que ata agora só se atribuía a humanos máis modernos e con máis cerebro.
Os ósos estaban só parcialmente fosilizados e algúns estaban a primeira ollada sobre o chan da cova. A análise dos restos e o seu contexto xeolóxico, publicados na revista científica eLIFE, describe unha especie que chamase a atención se a vísemos paseando pola rúa, pero que xa non eran simples chimpancés ergueitos. Os australopitecos son o xénero do que a maioría de expertos pensan que xurdiu o xénero Homo, aínda que ata fai moi pouco había un baleiro total de fósiles que permitise confirmalo. Pola súa morfoloxía, os naledi parecen estar xusto no límite entre ambos os grupos. Medían un metro e medio e pesaban uns 45 quilos. Aínda non comezaran a desenvolver un cerebro grande (500 centímetros cúbicos comparados cos polo menos 1.200 centímetros cúbicos dun Homo sapiens), pero xa tiña un corpo estilizado e trazos humanos, como a capacidade para andar ergueitos ou uns dentes relativamente pequenos. As súas mans tiñan xa o pulgar oponible que permite fabricar ferramentas de pedra e os seus pés eran moi parecidos aos dos humanos modernos, só que un pouco máis planos.
Pola súa morfoloxía, os responsables do achado sitúan ao Homo naledi xusto na orixe do xénero Homo, no punto intermedio entre os australopitecos e as especies plenamente humanas como Homo erectus. Isto supoñería que viviron fai polo menos dous millóns de anos e outorgaríalles un papel crave cara á aparición da nosa especie.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios