Blogia
vgomez

O CEO DE PLUTÓN TAMÉN É AZUL

O CEO DE PLUTÓN TAMÉN É AZUL

A imaxe foi xerada para mostrar a cor azul que o ollo humano vería no ceo de Plutón / Imaxe:NASA/JHUAPL/SwRI

O ceo de Plutón é azul, como o da Terra. Pescudouno a sonda New Horizons, que tamén detectou auga xeada no planeta anano en numerosas zonas. A nave da NASA fixo a súa maior aproximación a Plutón a mediados de xullo, ofrecendo imaxes deste corpo situado nos confíns do Sistema Solar. Na actualidade a nave New Horizons atópase a 5.000 millóns de quilómetros de distancia da Terra.

A fotografía que publica agora a NASA é unha composición para mostrar como o ollo humano vería o ceo de Plutón e foi realizada a partir das que tomou a cámara MVIC (Ralph/Multispectral Visible Imaging Camera).

Por que varían as cores do ceo? "Están relacionados directamente coa composición química da atmosfera", explica Olga Prieto, xeóloga planetaria do Centro de Astrobiología (CAB/CSIC-INTA). "Na atmosfera da Terra temos vapor de auga e partículas en suspensión, como cinzas dos volcáns. Cando chega a luz solar, vai chocando coas moléculas e partículas, e a luz branca vaise dispersando e diferenciando en todo o espectro de cor", sinala a investigadora.

Canto máis pequenas son as partículas, maior capacidade de dispersar a luz en lonxitudes de onda máis baixas, é dicir, no azul. As partículas máis grandes dispersan a luz en lonxitudes de onda altas (vermellos). "Na Terra vemos o ceo azul porque temos moléculas como o nitróxeno, que son moi pequenas e dispersan a luz en lonxitudes de onda baixas".

Vemos o ceo terrestre azul, sobre todo, cando o Sol está alto. Ao amencer ou durante o ocaso, o ollo percibe outras cores, alaranxados ou avermellados, porque a luz chéganos desde outra posición e vai chocando con outro tipo de partículas.

En Marte, onde hai sobre todo moléculas de dióxido de carbono, o ceo é de cor alaranxada debida a que os ventos arrastran gran cantidade de partículas de po en suspensión que conteñen grans de óxidos, explica.

A cor azulado do ceo de Plutón ofrece á científicos información sobre o tamaño e a composición das partículas que hai nese planeta anano. New Horizons mostrou que na súa atmosfera, do mesmo xeito que na de Titán (unha lúa de Saturno), hai moléculas ou partículas pequenas que desvían a luz en lonxitudes de onda pequenas. Pero esas partículas que hai en Plutón teñen ademais gran interese para a astrobiología porque son o resultado de reaccións químicas entre o metano e o nitróxeno.

Estas partículas complexas chámanse tolinas e xeran macromoléculas, que teñen estrutura de armazón, que poden formar partículas en suspensión e precipitar ao chan. Ese proceso de formación de grandes moléculas, sinala Prieto, xa fora observado na atmosfera de Titán, unha lúa de Saturno. Os científicos cren que deben ser comúns en corpos localizados en rexións externas do noso sistema.

As súas atmosferas son, con todo, moi distintas. "A presión da atmosfera en Plutón é moi baixa , entre 6 e 25 microbares aproximadamente, mentres que a da Terra é dun bar, e a de Titán, de 1,6 bares aproximadamente", di a astrofísica.

Así mesmo, New Horizons detectou a través do espetrómetro Ralph numerosas rexións pequenas con auga xeada exposta. Ademais de xeo de auga, en Plutón tamén hai xeo de metano ou xeo de nitróxeno, segundo explica Olga Prieto. Un aspecto curioso deste achado é que as áreas que presentan máis auga xeada corresponden ás mesmas zonas que nas imaxes a cor tomadas recentemente pola nave eran de cor vermella brillante. Os científicos da NASA non saben aínda por que ese xeo de auga ten un ton avermellado.

Fonte: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios