O BALÓN DA ENERXÍA
Jorge Valdano foi un futbolista notable. Campión do mundo coa Arxentina de Maradona en 1986 e goleador co Real Madrid da Quinta do Buitre. Despois tivo unha curta carreira como adestrador, onde destacou uns poucos anos pola súa concepción do fútbol de ataque e vistoso. Pero, talvez, máis que polas súas fazañas no terreo de xogo ou nos bancos, Valdano conseguiu que se lle lembre por ser un gran construtor de aforismos. El foi o creador do concepto "medo escénico" para referirse ao que sentían os equipos que visitaban o estadio Bernabéu, e del provén tamén unha frase que asegura que "o fútbol é a cousa máis importante entre as cousas menos importantes". Desde logo a importancia do fútbol, como espectáculo e fenómeno global, non pode encerrarse unicamente no que sucede dentro do terreo de xogo. A súa influencia nas vidas de moita xente transcende o feito de que uns raparigos consigan ou non introducir a pelotita dentro da portería. Esa influencia, ese poder de sedución para os nenos de case todo o planeta, é o que inspirou a Jessica O. Matthews para inventar Soccket Ball, un balón capaz de converter as patadas que recibe en enerxía eléctrica e acumulala para ser utilizada despois como fonte de luz.
Matthews deseñou e produciu o seu invento cando só tiña 19 anos, e aos 22 xa fundara Uncharted Play, unha compañía dedicada a fabricar xoguetes destinados a países en vías de desenvolvemento que xeran enerxía mentres se utilizan. Quen vive no Occidente máis opulento non son conscientes de que o feito de pulsar un interruptor e que se acenda unha lámpada non é o habitual en moitos lugares do mundo. A ausencia de corrente eléctrica é un grave problema que lastra a aprendizaxe de millóns de nenos, porque limita as horas que poden dedicar ao estudo e a aprendizaxe. As propostas de Uncharted Play poden axudar a paliar estas carencias, facéndoo ademais dunha forma natural e divertida, posto que non hai nada que lle custe menos esforzo a un neno que dedicar o seu tempo para xogar.
Matthews, licenciada en Harvard e de orixe nixeriana, asegurou nunha entrevista que adoitaba chancear dicindo que de nena quería ser unha mestura perfecta entre "Bill Nye (un famoso divulgador científico para nenos) e Beyoncé". A estas alturas, as calidades vocais de Matthews non a levarán a triunfar cun éxito como Single Ladies, pero as súas ideas poden deixar unha pegada importante no desenvolvemento de miles de nenos. "O fútbol non é unha cuestión de vida ou morte, é moito máis importante que iso" dixo nunha ocasión Bill Shakly, o histórico adestrador do Liverpool; por suposto, equivocábase. Pero a vida pode ser mellor co fútbol grazas a ideas como o balón de Jessica O. Matthews e o resto dos seus proxectos para dotar de fontes de enerxías renovables e económicas a moitos países de África, Asia e América Latina. Non é, nin moito menos, só unha cuestión de diñeiro, asegura, senón de vontade: "traballamos en lugares onde a xente é o gran recurso. Non é o que vén da terra, é o que vén das nosas almas, dos nosos corpos. Temos que ser capaces de ver iso como un recurso e como un verdadeiro valor para o mundo".
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País
0 comentarios