Blogia
vgomez

BEPICOLOMBO

 

BepiColombo será a terceira nave que vaia a Mercurio e a primeira que manda Europa xa que tanto a Mariner 10 (lanzada nos anos 70) como a Messenger (que explorou este pequeno planeta entre 2011 e 2015) son da NASA.

BepiColombo é un proxecto realizado conxuntamente con JAXA, a axencia espacial xaponesa. Trinta e cinco empresas europeas lideradas por Airbus DS, entre as que están as españolas ALTER, CASA, Crisa, Iberespacio, Rymsa, Sener e TAS-É, participan nesta misión, que consta de dúas sondas: o Orbitador Planetario a Mercurio (MPO), que terá 11 instrumentos e está a ser desenvolvido pola ESA, e o Orbitador Magnetosférico de Mercurio (MMO), que levará cinco instrumentos e é fabricado polos xaponeses.

A súa viaxe comezará en outubro de 2018. Despegará dende a Guayana Francesa a bordo dun foguete Ariane 5, chegando a Mercurio 7 anos despois, en 2025. Mercurio atópase a unha distancia do Sol que oscila entre os 46 e os 70 millóns de quilómetros (fronte aos case 150 millóns de km. que separan á Terra da nosa estrela), polo que as temperaturas que alcanza poderían fundir certos metais. A iso súmase a gran radiación infravermella e a gravidade do Sol, que complica a tarefa de colocar a nave espacial nunha órbita estable ao redor de Mercurio e require mesmo máis enerxía que a necesaria para chegar a Plutón. Para facer fronte a esta contorna tan hostil, a nave foi recuberta dun material illante multicapa (composto de 50 capas de cerámica e aluminio) que foi deseñado especialmente para BepiColombo. As antenas fabricáronse con titanio resistente á calor.

Averiguar a orixe do xeo polar, que é o que causa dos hollows (depósitos de cor branco e azul) ou por que ten campo magnético son algúns dos misterios que investigará BepiColombo. Pero sobre todo estudar Mercurio é esencial para comprender a historia da formación do noso sistema solar, pois é un elemento central dese quebracabezas debido á súa posición, tan próxima ao Sol.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios