Blogia
vgomez

RAIOS T

 

Leganés, unha cidade situada ao suroeste de Madrid, non é Silicon Valley. Pero desde alí tamén é posible alumar e facer crecer unha empresa de tecnoloxía punta que se sitúe á cabeza da innovación nun terreo tan pouco coñecido ata agora como a radiación de teraherzios. A empresa en cuestión é Luz WaveLabs, creada en 2013 por Rubén Criado, sobre a base da súa tese doutoral na universidade Carlos III de Madrid. Dando por feito que a maioría dos mortais descoñecemos as nocións mínimas da electrónica e a fotónica como para entender de que fala Criado cando se entusiasma coas posibilidades dos raios T, o mellor é recorrer aos exemplos comparándoos cos archiconocidos raios X. Estes son unha forma de radiación electromagnética que pode atravesar obxectos, de aí a súa estendida utilización en medicida (as radiografías) e en dispositivos de seguridade para ver os contidos dun recipiente pechado. O problema cos raios X é que poden producir alteracións na materia e, dependendo da dose, mesmo provocar cancro nos seres humanos. Os raios T son tamén radiacións electromagnéticas cunhas propiedades similares aos raios X, pero ao portar menos enerxía non alteran a materia e, por tanto, resultan inocuos. Se ata agora esta radiación por teraherzios non foi máis utilizada é porque os seus custos son moi elevados, non se sabía como amplificar a calidade do sinal e requiren unhas capacidades técnicas complexas. Unhas limitacións que poden pasar á historia nun futuro moi próximo se iniciativas como as de Luz WaveLabs continúan desenvolvéndose.

Os raios T permiten detectar a distancia e sen contacto todo tipo de materiais, proporcionan gran cantidade de información de substancias, son moi sensibles á auga e, ademais, trátase dunha radiación totalmente segura. As súas aplicacións prácticas poden achegar un gran avance en terreos moi diversos como a biomedicina, a seguridade, a ciencia (en radioastronomía ou espectroscopia), análise de estruturas e materiais, conservación de obras de arte, defensa, ou telecomunicacións, entre outros. Na actualidade Luz WaveLabs fabrica un xerador fotónico de terahercios cunha calidade de sinal un millón de veces superior á mellor solución comercial existente. Pero o futuro pode deparar descubrimentos aínda máis interesantes asegura Criado: "Nós xa conseguimos meter gran parte do noso sistema nun primeiro chip que estamos testeando. Por aí pasa a democratización da tecnoloxía. Ábrenos todo un novo rango de información para i+d ou para novas posibilidades en estudo de proteínas, por exemplo. Agora estamos a vivir o desenvolvemento desta tecnoloxía que permitirá explotar esas posibilidades".

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País/Ciencia

0 comentarios