CONVERTIR A CONTAMINACIÓN EN COMIDA
Unha dieta equilibrada debe incluír sempre, ademais de vitaminas, lípidos e minerais, unha boa dose de carbohidratos e proteínas, elementos indispensables para producir enerxía no noso organismo. O normal é que estes carbohidratos e proteínas proveñan de cereais ou legumes, excepto as proteínas de orixe animal que son obtidas de carnes, peixes, ovos ou produtos lácteos. O extraordinario é que alguén afirme que pode fabricalos cun dos gases de efecto invernadoiro que máis están a contaminar na actualidade o medio ambiente: o CO2 ou dióxido de carbono. Solucionar a contaminación e as fames negras dunha soa tacada.
Un invento perfecto que soa a idea tola, pero que segundo Juha Pekka Pitkänen, investigador principal da Universidade Tecnolóxica de Lappeenranta en Finlandia “poida que para algunhas persoas soe a maxia, pero en realidade é bastante simple”. Este proceso “simple” consiste en introducir auga, dióxido de carbono e microbios nun pequeno bioreactor xunto a outras substancias químicas e aplicar electricidade xerada por enerxía solar. Con iso obteñen un material sólido cun perfil nutricional similar aos alimentos básicos, que pode ser utilizado para alimentar animais ou como suplemento alimenticio. O resultado, asegura Pekka Pitkänen, é algo similar ao tofu polas súas propiedades proteícas e tamén porque “en pequenas cantidades non sabe a nada”, unha característica que comparte con este alimento elaborado a partir da soia moi estendido na cociña oriental e utilizado en numerosas dietas vexetarianas. Esta idea, afirma, podería axudar a solucionar as fames negras que sofren en moitos lugares onde non se dan as condicións climáticas para a agricultura, posto que todos os elementos necesarios para fabricar as proteínas atópanse no aire. O proceso de fabricación deste composto obtido a través do CO2 é, ademais, respectuoso co medio ambiente e encádrase dentro das novas formas de produción de alimentos, xa que que non require de grandes extensións de terra: “o 50% do territorio do planeta que pode ser habitado son terreos agrícolas e só o 35% son bosques e non podemos superar moito máis ese 50%. Realmente necesitamos desenvolvementos que sexan eficientes na utilización das terras”, asegura Pekka Pitkänen.
Na actualidade o proxecto atópase aínda nunha fase embrionaria. Son necesarios 15 días para conseguir un gramo de substancia nuns bioreactores do tamaño dunha cunca de café. Pero Pekka Pitkänen e o seu equipo son conscientes de que o seu é un traballo esporeado pola urxencia. Millóns de seres humanos poden verse beneficiados polos seus avances e tamén a saúde do planeta. Por iso, aceleran: “tentamos movernos rápido. Nun ano estaremos nunha escala dun metro cúbico, e en cinco anos entraremos noutra escala de produción. No primeiro caso estaremos a fabricar un millón de quilos de proteínas ao ano”.
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País
0 comentarios